Pestanas principais

Departamento de Medio Ambiente

    • Aula da Naturaleza
      • Teléfono: 660 00 46 65
      • Horario de atención ao público de 9:00 a 14:00
      • Responsable técnico: Patricia Reboreda Cigarrán
    • Brigada de Garda Medioambiental
      • Telefono: 686 199 301
      • Horario de atención ao público de 9:00 a 14:00
      • Responsable técnico: María Victoria Arufe Vázquez.
Outros Datos: 

 

Brigada de Garda Medioambiental

  • Funcións da responsable da Brigada de Garda Medioambiental
    • Dirixir e planificar  as labores levadas a cabo pola Brigada de Garda Medioambiental
    • Coordinar a recollida de animais abandonados en zona pública  dentro do término municipal de Ames
    • Tramitar as licenzas de Animais Potencialmente Perigosos así como as  inscricións no Rexistro Municipal de Animais Potencialmente Perigosos de acordo a lexislación sectorial vixente.
    • Participar no deseño das campañas e do plan de actuación de medidas preventivas contra os incendios forestais
    • Xestionar e coordinar as tarefas relacionadas ca recollida de limpeza viaria, residuos domésticos (RAEE, voluminosos..)
    • Tramitar e xustificar subvencións destinadas a financiar actuacións medioambientais municipais
    • Xestionar e coordinar  as labores de desratización, desinsectación e desinfección  de  vías públicas, parques, xardíns, redes de sumidoiros,locais e dependencias de titularidade municipal.
    • Xestionar e Coordinar as labores de Prevención e Control da Lexionela nas instalacións deportivas municipais.
    • Atender a veciñanza en relación a distintas temáticas relacionadas ca lexislación sectorial forestal , de residuos, de animais etc. Informar acerca dos distintos temas ambientais para a iniciación dos seus correspondentes expedientes.
  • Funcións dos peóns  Brigada de Garda Medioambiental:
    • Recoller os distintos puntos de vertido incontrolado  das zonas públicas contribuíndo a recuperación de zonas degradadas
    • Mantemento, xestión dos rutas de sendeirismo do concello, incluíndo a realización de desbroces de maleza, vixilancia, sinalización, reposición de infraestruturas deterioradas ou destruídas, e conservación de elementos patrimoniais e arquitectónicos.
    • Participación e colaboración en campañas de sensibilización ambiental.

Responsable da Aula da Natureza

  • Funcions:

1º bloque

    • MEDIO NATURAL
      • VIDA DE ECOSISTEMAS TERRESTRES
        • Planificar e coordinar plans de control de especies exóticas invasoras.
        • Planificar e coordinar plans de conservación, mellora  recuperación e restauración de zonas degradadas.
        • Espazo Rede Natura 2000.
        • Busca, apertura, adecuación e dotación de elementos interpretativos en rutas ambientais do concello.
      • VIDA DE ECOSISTEMAS FLUVIAIS
        • Revisión dos tramos de rios e regos urbanos de competencia municipal.
        • Coordinación do Proxecto ríos no Concello de Ames.
        • Establecemento e dirección das diferentes fases do Plan de recuperación das beiras do rio Sar.
      • LOITA FRONTE A LUMES FORESTAIS
        • Coordinación dos traballos realizados ao abeiro do Plan Municipal de Plantación de frondosas caducifolias.
        • Participación no deseño e implementación dos plans municipal de defensa fronte a incendios forestais.
      • COMPOSTAXE
        • Coordinación do Programa de compostaxe comunitario do concello de Ames.
      • COORDINACIÓN DE BRIGADAS TEMPORAIS:
        • Coordinación da Brigadas Aprol forestal – fluvial.
        • Coordinación da Brigadas Aprol: actualización  PMPDIF.
        • Coordinación da Brigada de Espazos Naturais.
        • Coordinación da Brigadas de protección e defensa fronte lumes forestais baixo o amparo do convenio Xunta - Concellos.

2º bloque

    • EDUCACIÓN AMBIENTAL
      • DINAMIZACIÓN DUN PROGRAMA  DE EDUCACIÓN AMBIENTAL E ACHEGAMENTO AO MEDIO
        • Dirección, xestión e coordinación  do plan anual de educación ambiental e achegamento ao medio
      • .COLABORACIÓN COS CENTROS EDUCATIVOS MUNICIPAIS NA DIFUSIÓN DOS OBXECTIVOS DE DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE DA ONU
        • Elaboración de proposta, coordinación e desenvolvemento cos centro escolares e ANPAS municipais de obradoiro, actividades  e saídas ambientais que sirvan como complemento ao currículo escolar relacionadas co medio natural e con prácticas medioambientais saudables. Ademais, a Aula recolle propostas de traballo dos centros e planifícanse proxectos en conxunto.
      • PRÁCTICAS MEDIOAMBIENTAIS SUSTENTABLES.
        • Fomento de prácticas medioambientais sustentables mediante o deseño e impartición de obradoiro e actividades en torno a campañas de aforro de enerxía no fogar.
        • Deseño e dinamización da campaña de uso racional da auga.
        • Deseño e dinamización da campaña de compostaxe familiar.
        • Deseño e dinamización da campaña Fogares verdes.
        • Deseño e dinamización da campaña oficinas sostible
    • DESEÑO, ESTABLECEMENTO E SEGUIMENTO DAS HORTAS SOSTIBLE E SOLIDARIAS DO CONCELLO DE AMES.
    • TITORIZACIÓN DE PRÁCTICAS DE CICLOS FORMATIVOS RELACIONADOS CA EDUCACIÓN AMBIENTAL E ACHEGAMENTO AO MEDIO NATURAL E FORESTAL.

3º bloque

    • ATENCIÓN Á VECIÑANZA
      • Facilitar información medioambiental e forestal.
      • Colaboración na realización de trámites administrativos relacionados co medio rural e o medio ambiente.
      • Identificación veciñal de terreos particulares que pertencen as faixas secundarias de protección fronte a lumes forestais.
    • TRABALLOS TÉCNICOS DE XESTIÓN:
      • Tramitación de solicitude de subvencións.
      • Redacción de pregos técnicos de contratación.
      • Participación en comisións, mesas e asesoramento en tribunais.
      • Elaboración de ordenanzas.
      • Redacción de subvencións.

Novas do departamento

Xa está todo listo para celebrar a Festa da Natureza na Pravia Fluvial de Tapia o sábado 5 de xuño. A xornada dará comezo, ás 10.00 horas cunha ruta polo Val do Pasos. Para inscribirse débese enviar a un email a auladanatureza@concellodeames.gal. Como acto conmemorativo, realizaras unha solta de alevíns de troitas no río Tambre. Haberá unha xornada de portas abertas de piragüismo, xogos tradicionais e unha gran xincana. Dentro da feira levarase a cabo un encontro intercultural. Durante toda a xornada estarán abertas as mostras de maquinaria e plantas forestais. A xornada rematará ás 18.00 horas coa actuación musical de "Colt 45". Para máis información, pódese enviar un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal ou chamando ao 660 004 665. A festa está organizada pola Concellaría de Medio Ambiente e Transición Ecolóxica en colaboración coas de Deportes e Benestar Social. Haberá servizo de autobuses dende o Milladoiro e Bertamiráns ata a Praia Fluvial de Tapia, e viceversa.

A Xunta de Goberno Local aprobou o expediente de licitación do servizo de redacción de proxecto e dirección facultativa da actuación de mellora da eficiencia enerxética no alumeado do rural. Dita actuación ten un orzamento de execución de 1.470.288,94 euros. O 80% do orzamento total será sufragado con fondos europeos concedidos polo IDAE, mentres que o 20% restante, 294.057,80 euros, serán sufragado con fondos propios municipais. Deste xeito, vanse substituír 4.540 puntos das parroquias amesás. Estes puntos para substituír englóbanse en 120 centros de mando, que tamén serán reformados, representando o 69% do total de centros presentes no termo municipal.

O Concello de Ames realizou unha intervención na Carballeira de Paramuíño, na parroquia de Biduído, para poñer en valor a flora e fauna deste lugar. Dita carballeira atópase nas inmediacións do CEP de Ventín e do campo de fútbol de Biduído. A través da intervención realizada neste lugar colocáronse varias figuras dos animais típicos que habitan unha carballeira (vacaloura, bolboreta macaón, donosiña, curuxa, píntega e peto real). Tamén se recrearon os seres das nosos contos e lendas, como trasgos ou damas. A través desta actuación trátase de poñer en valor este lugar e dalo a coñecer entre a veciñanza amesá. Esta é a primeira parte do proxecto ao que se lle pretende dar continuidade dotando á Carballeira con máis contido. A recreación feita na carballeira correu a cargo da empresa amesá Escenoset.

O alcalde de Ames, José Miñones, estivo na visita do Ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación en funcións, Luís Planas, ás instalacións de CLUN. O rexedor municipal aproveitou a ocasión para entregarlle ao Ministro un dossier do Plan municipal de prevención de incendios forestais, mediante a plantación de frondosas caducifolias na rede de faixas secundarias de xestión de biomasa. Ademais, vaise enviar copia do dossier á Delegación do Goberno para que dito plan sexa estudado por se serve de modelo a nivel nacional.

O I Circuito de Golf TUR 43 afronta a súa recta final cunha dobre cita para esta fin de semana nas instalacións de Piñeiro que ademais de acoller o sábado,16 de outubre a gran final, será sede dun torneo paralelo que se comezará o venres e para o que xa están inscritos 135 golfistas, a meirande parte deles socios do club ubicado no concello de Ames.

O Concello de Ames vai celebrar este sábado, 25 de novembro, no campo da festa da parroquia de Trasmonte, a terceira edición da Feira do Monte “Tanto Monte, Monte Tanto”. O obxectivo é poñer en valor o monte galego e recuperar os oficios ligados ao monte. Será un escaparate excepcional dos oficios e os produtos vinculados ao monte. Na actualidade cóntase con 17 expositores confirmados de Ames e diversas localidades de Galicia. Haberá unha carpa para estar a cuberto e poder participar nas actividades programadas. Durante toda a xornada non faltarán as tradicionais castañas asadas e maila música tradicional. O acto institucional de apertura da feira farase ás 12.30 horas e contará coa actuación do quinteto de vento “Brisa”. A organización da feira conta coa colaboración do Mercado da Deputación da Coruña.

Un ano máis, a Aula da Natureza ofreceu aos nenos e nenas de Ames unha alternativa para desfrutar do Nadal a través dun campamento na natureza. Nel 25 rapaces desfrutaron de tres días de actividades e obradoiros relacionados co Nadal e o medio ambiente, ademais de achegarse a unha forma de vida menos consumista aprendendo a empregar obxectos da natureza.

O alcalde de Ames, José Miñones, e mailo concelleiro do Medio Rural, Manuel Lens, acompañados das técnicas do departamento de Medio Ambiente, visitaron os ámbitos dos Batáns e de Ventosa, onde se actuou no período 2018- 2019 a través do plan municipal de prevención de incendios forestais. Na terceira fase de dito plan actuouse en 34 fincas de 30 propietarios/as. Plantáronse 514 árbores (238 castiñeiros, 58 carballos, 9 freixos, 23 abeleiras, 41 cerdeiras, 27 pradairos, 97 bidueiros, 12 ameneiros e 9 noceiras) nunha superficie de 34.442 metros cadrados. Está previsto que a vindeira semana se presente a cuarta fase deste plan.

A Aula da Natureza, dentro da súa programación de outono, organizou esta pasado domingo a primeira saída da actividade “As voltas cos cogomelos”, unha iniciativa que consta de tres saídas para recoller cogomelos que se realizarán os días 6 de outubro e 3 e 23 de novembro. O obxectivo destas saídas é mellorar o coñecemento da veciñanza sobre estes prezados fungos. Nesta primeira sesión, que tivo lugar na Ameixenda, participaron un total de 31 persoas.

Este pasado domingo, 8 de outubro, comezaron as actividades de outono organizadas pola Aula da Natureza. Un grupo de 35 persoas participaron nunha saída para recoller cogomelos. Estas saídas continuarán durante o mes de novembro polas parroquias de Lens, Ameixenda e Agrón. A seguinte actividade que se recolle na programación é unha saída para recoller castañas que inclúe un magosto e unha charla – coloquio. Será o sábado 14 de outubro na parroquia de Piñeiro. Para inscribirse nesta e noutras actividades hai que enviar o impreso de inscrición ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. A programación ao completo pode consultarse premendo nesta ligazón.

Eventos del departamento

Xornada de portas abertas de gandeiría extensiva, exposicións de cogomelos, colmeas antigas e modernas, panais e instrumentos de apicultura e pequenos froitos, presenza de artesáns da cestería e da madeira, mostra dos cereais que se poden cultivar no monte, degustacións de froitos e aceites compoñen a oferta da I Feira do Monte que, organizada pola concellaría de Medio Ambiente, desenvolverase na parroquia de Trasmonte o vindeiro sábado, 23 de outubro. A Feira, que nace con vocación de continuidade, ofrecerá durante todo o día, e co obxectivo de combater o frío, castañas asadas.

Para o sábado 21 e domingo 22 de outubro está programada unha acampada nas instalacións da Aula da Natureza, que tratará sobre os froitos de outono e noite de candeas. Esta actividade está dirixida a rapaces e rapazas de 8 a 14 anos e desenvolverase dende as 17.00 horas do sábado ata as 14.00 horas do domingo. Ofértanse 25 prazas. Os nenos e nenas deberán levar a cea, saco de durmir, roupa cómoda e se queren unha esterilla (isto é opcional).

A Aula da Natureza do Concello de Ames organiza unha acampada para que rapazas e rapaces do municipio coñezan o seu monte e realicen actividades por mor do San Martiño. O itinerario comeza ás 16.00 horas do sábado 6 e remata ás 14.00 horas do domingo 7, con servizo de autobús dende o Milladoiro e Bertamiráns. A inscrición para a actividade, limitada a 20 prazas para rapazada de 8 a 16 anos, realizarase enviando un correo eléctronico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal.

A Aula da Natureza continúa coa programación de actividades para este outono. Desta volta, abre o prazo de inscrición para as acampadas que se realizarán en dúas quendas nas instalacións da Aula no lugar de Quintáns, na Ameixenda. Poderase participar nesta actividade a fin de semana do 8 e 9 ou 15 e 16 de outubro. Estarán dedicadas ao estudo da fauna das rutas ambientais do concello de Ames. Para inscribirse nesta actividade hai que enviar a ficha de inscrición ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. A programación ao completo pode consultarse premendo nesta ligazón.

A Aula da Natureza continúa coa programación de actividades para este outono. Desta volta, abre o prazo de inscrición para as acampadas que se realizarán en dúas quendas nas instalacións da Aula no lugar de Quintáns, na Ameixenda. Poderase participar nesta actividade a fin de semana do 8 e 9 ou 15 e 16 de outubro. Estarán dedicadas ao estudo da fauna das rutas ambientais do concello de Ames. Para inscribirse nesta actividade hai que enviar a ficha de inscrición ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. A programación ao completo pode consultarse premendo nesta ligazón.

A Aula da Natureza organiza para o sábado 17 de decembro unha nova actividade, "Estrelas de Nadal", que se celebrará no pavillón do colexio Agro do Muíño. Trátase dunha xornada de astronomía na que os participantes terán a oportunidade de ter unha primeira toma de contacto coa observación do ceo diurno e nocturno. As inscricións deben facerse escribindo ao enderezo electrónico ames@astroemociones.es ou chamando ao número 672 62 93 08.

A segunda das actividades organizadas pola Aula da Natureza para o mes de febreiro é unha visita guiada á lagoa de Cospeito para coñecer a función dos humidais. Os participantes poderán participar dunha comida conxunta (que se levará da casa) e unha visita á vila de Guitiriz. Haberá servizo de autobús, que sairá dende o Pazo da Peregrina de Bertamiráns ás 10:30 horas, e dende a Casa da Cultura do Milladoiro ás 10:45 horas. O regreso farase arredor das 17:00 horas. A actividade está pensada para todos os públicos, e as persoas que queiran anotarse deben enviar a ficha de inscrición ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal

A Aula da Natureza organiza unha excursión ás Illas Ons, que terá lugar o sábado 3 de xuño. A visita organízase co obxectivo de que os participantes coñezan os réptiles que alí habitan e as curiosidades relacionadas con eles. A actividade, que se desenvolverá de 10.30 a 18:00 horas, está pensada para todos os públicos. Os asistentes deberán levar comida da casa, e poñerase á súa disposición un servizo de autobús que sairá ás 10:30 horas do Pazo da Peregrina de Bertamiráns e ás 10:45 horas da Casa da Cultura do Milladoiro.

O día 6 de maio, no Campo da Festa de Bugallido, terá lugar unha feira do pan e de cereais do país, en horario de 11:00 a 19:00 horas. Haberá exposicións, charlas e obradoiros, e poderase realizar unha pequena desgustación. Elaborarase un programa específico. 

As instalacións da Aula da Natureza acollerán o sábado 27 de maio a Festa dos maios, que terá lugar de 11:00 a 13:30 horas. A actividade está pensada para rapaces e rapazas de entre 6 e 14 anos. Haberá servizo de autobús a disposición dos participantes, que sairá dende a Casa da Cultura do Milladoiro ás 10:30 horas e dende o Pazo da Peregrina de Bertamiráns ás 10:45 horas. O regreso farase arredor das 13:45-14:00 horas.