Pestanas principais

Inaugúrase a Carballeira dos Trasgos, en Paramuíño

Xoves, 02 de febreiro de 2023

O Concello de Ames realizou unha intervención na Carballeira de Paramuíño, na parroquia de Biduído, para poñer en valor a flora e fauna deste lugar. Dita carballeira atópase nas inmediacións do CEP de Ventín e do campo de fútbol de Biduído. A través da intervención realizada neste lugar colocáronse varias figuras dos animais típicos que habitan unha carballeira (vacaloura, bolboreta macaón, donosiña, curuxa, píntega e peto real). Tamén se recrearon os seres das nosos contos e lendas, como trasgos ou damas. A través desta actuación trátase de poñer en valor este lugar e dalo a coñecer entre a veciñanza amesá. Esta é a primeira parte do proxecto ao que se lle pretende dar continuidade dotando á Carballeira con máis contido. A recreación feita na carballeira correu a cargo da empresa amesá Escenoset.

O Concello de Ames vén de acondicionar un novo espacio natural que poderá ser empregado pola veciñanza amesá para pasear e descansar. Trátase da Carballeira que se atopa no lugar de Paramuíño, na parroquia de Biduído, que conta cunha extensión de 8.000 metros cadrados. Neste lugar o Concello vai levar a cabo un proxecto a longo prazo de recreación da vida que existe nunha carballeira. Deste xeito, resáltase a fauna, a flora e tamén os seres dos nosos contos e lendas, como trasgos ou damas.

Hoxe ao mediodía celebrouse o acto de apertura da Carballeira dos Trasgos. En dito acto participou o alcalde, Blas García; o concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, Manuel Lens; a concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín; o concelleiro de Educación, David Santomil; a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; persoal dos departamentos municipais de Medio Ambiente, Turismo e Normalización Lingüística; veciños e veciñas amesáns; así como alumnado de primeiro e segundo da ESO do Equipo de normalización e dinamización da lingua galega do IES Milladoiro, e de sexto de Primaria do CEP de Ventín. O alumnado estivo acompañado do director do CEP de Ventín, Alfredo Rodríguez, e da profesora do IES do Milladoiro, Valentina Formoso.

En primeiro lugar, a técnica da Aula da Natureza, Patricia Reboreda, acompañada do alcalde e dos concelleiros/as do goberno municipal, descubriu unha placa que está a entrada da Carballeira dos Trasgos. Dita placa atópase colocada nun tronco dunha árbore que no seu cumio ten un trasgo sentado. A continuación todas as persoas que asistiron ao acto de apertura realizaron un percorrido pola carballeira. O alumnado do IES do Milladoiro e do CEP de Ventín foi lendo unha breve descrición dos animais que habitan dito espazo e dos cales se elaborou unha figura que está colocada en distintas árbores.   

O alcalde de Ames, Blas García, agradeceu o traballo da técnica da Aula da Natureza, Patricia Reboreda, e do persoal do departamento de Medio Ambiente, e destacou que “este é un proxecto no que se leva traballando moito tempo. A mediados do ano pasado decidimos darlle o impulso que faltaba, o impulso económico, e hoxe é xa unha realidade. Isto é algo de todos os veciños e veciñas do concello, que debemos coidar. Esperamos que a xente acabe vindo a visitar este espazo tan bonito”.

O concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, Manuel Lens, sinalou que “é un pracer estar aquí. Patricia, técnica da Aula da Natureza, leva moitos anos con isto na cabeza, e hoxe, por fin, este proxecto ve a luz. Con el non se pretende nada novo, simplemente queremos que a xente veña aquí a desfrutar da carballeira e a ver unha pequena mostra da riqueza que ten un espazo deste tipo. Queremos animar a todos os veciños a que o desfruten e o respecten. Non debemos esquecer que é un espazo de todos”.

Así mesmo, a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, felicitou “ao departamento de Medio Ambiente por este proxecto. Desde Normalización quixemos facer a nosa pequena achega, colocando material que tiñamos da ruta do Apego e outro novo. As crianzas son o tesouro máis grande que temos neste concello, e poñer ao seu alcance o desfrute do noso patrimonio natural é algo marabilloso e que debemos poñer en valor”.

Pola súa banda, a técnica da Aula da Natureza, Patricia Reboreda, quixo darlle a benvida aos asistentes a “un espazo inspirado nun libro de Suso Cubeiro, que fai unha descrición dunha fraga na que o que destacan son as plantas e os animais. Esta é unha carballeira que pretende servir como espazo de esparexemento, como antigamente se facía. Queremos que os pequenos se queden con esa imaxe dos animais ligados a un espazo e a un ecosistema, que coñezan a función da carballeira e que se divirtan na natureza e coa natureza”.
      
Eixos do proxecto
O proxecto contempla tres eixos estruturais que son a eliminación de eucaliptos de xeito paulatino para non alterar a cantidade de luz no chan; a realización de podas e rozas selectivas (o material de poda irase acumulando en pequenos montículos para que servirán de micro-hábitat a multitude de insectos e vermes); e plantación de novos carballos co fin de manter con vida dita carballeira.

O proxecto tamén ten unha clara vertente educativa xa que dun xeito sutil trátase deixar a sinal da enorme variedade de vida que alberga un ecosistema facendo visible a fauna e a flora e que serva como aviso do que se perde cando estes desaparecen como ocorre cando se tala unha finca chea de carballos centenario e se plantan nela outras árbores como poden se pinos ou eucaliptos.

Esta é a primeira parte do proxecto ao que se lle pretende dar continuidade dotando á carballeira con máis contido. A través da intervención realizada neste lugar colocáronse varias figuras dos animais típicos que habitan unha carballeira (vacaloura, bolboreta macaón, donosiña, curuxa, píntega e peto real). O obxectivo é ir engadindo novos elementos de xeito paulatino.

Por outra banda, o obxectivo é que a veciñanza volva a desfrutar das carballeiras coma se facía antes que eran un espazo de convivencia, de xogo, de celebración de festas e de encontro. A intención é non poñer estruturas artificiais de xogo senón que os rapaces, rapazas e persoas adultas empreguen os elementos da contorna para xogar e descansar.

Pídese coidar e respectar os elementos colocados
Dende o Concello convídase a veciñanza a coidar e respectar os elementos que se colocaron en dita carballeira porque trátase dun espazo que é para desfrute de todos e todas.

A recreación feita na carballeira correu a cargo da empresa amesá Escenoset. O director artístico de Escenoset, X. Méndez, en colaboración coa responsable da Aula Natureza, Patricia Reboreda, déronlle forma a recreación feita co obxectivo de visibilizar elementos comúns da vida que existe debaixo dos carballos.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames crea un espacio educativo y mágico en la carballeira de Ventín"

El Correo Gallego: "Trasgos, damas y fauna de Galicia pueblan otra vez la Carballeira de Paramuíño"

AMS GO!: "Inaugurada a Carballeira dos Trasgos en Paramuíño, Biduído"

Lindeiros: "Ames inaugura a Carballeira dos Trasgos"

 Inaugúrase a Carballeira dos Trasgos, en Paramuíño

Multimedia

  •  Inaugúrase a Carballeira dos Trasgos, en Paramuíño
  •  Inaugúrase a Carballeira dos Trasgos, en Paramuíño
  •  Inaugúrase a Carballeira dos Trasgos, en Paramuíño
  •  Inaugúrase a Carballeira dos Trasgos, en Paramuíño
  •  Inaugúrase a Carballeira dos Trasgos, en Paramuíño
  •  Inaugúrase a Carballeira dos Trasgos, en Paramuíño
  •  Inaugúrase a Carballeira dos Trasgos, en Paramuíño
  •  Inaugúrase a Carballeira dos Trasgos, en Paramuíño
  •  Inaugúrase a Carballeira dos Trasgos, en Paramuíño
  •  Inaugúrase a Carballeira dos Trasgos, en Paramuíño
  •  Inaugúrase a Carballeira dos Trasgos, en Paramuíño
  •  Inaugúrase a Carballeira dos Trasgos, en Paramuíño
  •  Inaugúrase a Carballeira dos Trasgos, en Paramuíño
  •  Inaugúrase a Carballeira dos Trasgos, en Paramuíño
  •  Inaugúrase a Carballeira dos Trasgos, en Paramuíño
  •  Inaugúrase a Carballeira dos Trasgos, en Paramuíño
  •  Inaugúrase a Carballeira dos Trasgos, en Paramuíño
  •  Inaugúrase a Carballeira dos Trasgos, en Paramuíño
  •  Inaugúrase a Carballeira dos Trasgos, en Paramuíño
  •  Inaugúrase a Carballeira dos Trasgos, en Paramuíño
  •  Inaugúrase a Carballeira dos Trasgos, en Paramuíño
  •  Inaugúrase a Carballeira dos Trasgos, en Paramuíño