Actualidade

A Xuntanza de Empresarios de Ames, coa colaboración do Concello de Ames, organizou a sexta edición do concurso de fotografía Enfoca Ames. O obxectivo deste certame é fomentar o achegamento da cidadanía aos lugares máis emblemáticos do concello de Ames. Este ano incrementouse o número de fotografías presentadas ao concurso. Presentáronse 64 fotografías repartidas do seguinte xeito: 25 na categoría de patrimonio, 24 en paisaxe e 15 en artística. En total, repártense 1.125 euros en nove premios, tres por categoría, para gastar nos comercios asociados á XEA. O xurado, que estivo composto por catro persoas (dúas achegadas polo Concello e outras dúas por XEA), encargouse de elixir as nove mellores fotografías. As persoas premiadas están sendo notificadas mediante chamada telefónica.

O Festival Internacional de Cinema Infantil Cinema Miúdo celebrará do 12 ao 15 de novembro en Ames a súa novena edición, dedicada ao poder da ciencia. A programación reúne máis de 70 curtametraxes de diferentes países, organizadas en seccións adaptadas a distintas idades: Axóuxeres, Buxainas e Escolares. A través da animación, a ficción e outras linguaxes audiovisuais, o certame busca achegar o cinema á infancia e ofrecerlles aos máis pequenos novas historias e formas de mirar o mundo.

A unidade móbil de doazón de sangue volverá estar esta semana no concello de Ames. O martes, 10 de novembro, estará estacionada na praza da Maía, en Bertamiráns, en horario de 9.30 a 14.30 e de 15:30 a 21:00 horas. A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) baixo o lema “Un alento de vida”, pretende sensibilizar á cidadanía galega da importancia de doar sangue durante o verán xa que precísanse máis de 400 doazóns diarias nos hospitais galegos.

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o expediente para a contratación e outorgamento de concesións de uso de dominio público viario para a instalación, mantemento e explotación de puntos de recarga de vehículos eléctricos en diferentes emprazamentos do concello de Ames. Dita actuación prevé a instalación de 10 puntos de recarga vinculados a 20 prazas de estacionamento e permitirá ampliar a infraestrutura dispoñible para a mobilidade eléctrica no municipio.

O Concello de Ames acollerá o vindeiro xoves 12 de novembro unha xornada técnica de vixilancia sanitaria nas ADSG de vacún de Galicia, organizado polo Centro de Investigación Agraria Mabegondo (CIAM) pertencente á Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural. O encontro será na sala de exposicións do Pazo da Peregrina en Bertamiráns. Para participar é preciso presentar unha presolicitude a través desta ligazón, para máis información pódese contactar co enderezo da coordinadora da actividade, veronica.gomez.gomez@xunta.gal, ou a través do contacto 881 881 815.

O obradoiro de acollemento lingüístico “En galego, co teu acento!” puxo fin á súa décimo oitava edición o pasado xoves, 5 de novembro, coa última das sesións no Milladoiro. A iniciativa, que se desenvolve coa colaboración das concellarías de Normalización Lingüística e Benestar Social, ten como obxectivo achegar a lingua e a cultura galega á veciñanza amesá procedente de fóra de Galicia, empregándoa tamén como unha ferramenta para a integración e a cohesión para estas persoas.

O vindeiro martes, 17 de novembro, o espazo colaborativo A Proa, situado no Milladoiro, acollerá a charla O mito do “non teño tempo”, dirixida a empresarios e empresarias de pemes para afondar en temas como as chaves para recuperar o foco, ordenar prioridades e conseguir que a empresa avance sen depender constantemente do empresario ou directivo. Así, tómase como base lograr que a maneira de dirixir a empresa evolucione ao mesmo tempo que medra. A asesora de empresarios Montse Reymóndez, será a encargada de impartir esta charla que permitirá tomar perspectiva e centrarse no que realmente move o negocio. A sesión impartirase de 12.00 a 13:00 horas. Para participar é necesario inscribirse a través da páxina web da Proa ou enviando un correo electrónico ao enderezo promocioneconomica@concellodeames.gal.

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar este pasado xoves, 5 de novembro, o expediente de licitación, para a contratación das obras de instalación de cuberta nas pistas polideportivas do Milladoiro, situadas na travesía do Porto, na contorna da Casa da Cultura e do pavillón polideportivo. O proxecto conta cun presuposto total total de execución por contrata de 1.113.382,77 euros (IVE incluído). Este proxecto ten por obxecto a cubrición de dúas pistas polideportivas existentes no Milladoiro, mellorando así a súa funcionalidade, adaptándoas ás necesidades dos usuarios en función das diferentes condicións meteorolóxicas. A solución adoptada para a cubrición das pistas polideportivas consta dunha estrutura metálica constituída por pórticos xerados a base de piares e cercha de perfís tubulares.

O vindeiro luns, 9 de outubro, ás 12:00 horas, o espazo colaborativo de Coworking A Proa, situado no parque empresarial do Milladoiro, acollerá a charla «Igualdade e progreso para as mulleres rurais», unha actividade organizada por FADEMUR Galicia no marco do programa Por un Rural Vivo e Xoven, en colaboración co Concello de Ames e a Deputación da Coruña. A actividade pretende ser un espazo de encontro, reflexión e intercambio de experiencias, no que poñer en valor o talento, a capacidade emprendedora e a contribución das mulleres e das persoas mozas á construción dun rural vivo, dinámico e con futuro.

O Concello de Ames, Augas de Ames EPEL e El Correo Gallego organizan o vindeiro martes, 10 de novembro, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, o foro “A auga en Galicia, da abundancia á escaseza”, no que se abordará a planificación de infraestruturas hídricas, xestión da escaseza e colaboración interadministrativa. O foro estará presentado pola xornalista de El Correo Gallego, Susana López Carbia; e contará coa participación do alcalde de Ames, Blas García, da subdelegada do Goberno en Galicia, Encarna Rodríguez, e do director de Augas de Galicia, Roi Fernández.
- 1 de 716
- seguinte ›




