Así, na franxa de 0 a 9 anos hai 3.568 persoas censadas (11,20% da poboación total); de 10 a 19 anos son 3.615 (11,35%); de 20 a 29 anos hai 2.922 (9,17%); de 30 a 39 anos están censadas 4.579 persoas (14,37%); de 40 a 49 hai 6.885 (21,61%); de 50 a 59 están rexistrados 4.940 (15,51%); de 60 a 69 figuran no censo 2.674 habitantes (8,39%); de 70 a 79 hai 1.621 (5,09%); de 80 a 89 existen 858 (2,69%); de 90 a 99 son 193 habitantes (0,61%); e de 100 a 109 hai 3 mulleres (0,01%).
Tendo en conta os datos do padrón municipal pódese dicir que Ames destaca pola paridade en canto a sexos. Se falamos de demografía, tan só existen catro puntos de diferenza entre os homes e as mulleres. Hai 15.278 homes, que representa o 47,96% da poboación, mentres que elas son 16.580 e representan o 52,04%.
Nos núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro residen 22.026 habitantes, que representa o 69% da poboación total do concello. Por localidades, Milladoiro segue á cabeza do concello cun total de 13.182 habitantes censados (41,37% da poboación), dos cales 6.270 (47,56%) son homes e 6.912 (52,44%) son mulleres.
Por outra banda, en Bertamiráns están censados 8.844 persoas (27,76% da poboación). Neste caso hai 4.235 (47,89%) homes e 4.609 (52,11%) mulleres. Os 9.832 habitantes (30,86% da poboación) restantes distribúense entre as urbanizacións e as zonas rurais do concello. Esta poboación repártese do seguinte xeito: en Agrón residen 369 persoas; na Ameixenda 331; na parroquia de Ames 1.569; en Biduído 1.658; en Bugallido 1.568; en Covas 992; en Lens 91; en Ortoño 2.568; en Piñeiro 239; Tapia 115; e en Trasmonte 332.
Crecemento dende o ano 2.000
Nas últimas décadas, Ames foi un dos concellos galegos que máis medrou. Segundo os datos que figuran no Instituto Nacional de Estadística (INE) no ano 2000 o concello de Ames dispoñía de 16.549 habitantes (8.048 homes e 8.501 mulleres). En 2003 o número de habitantes xa ascendía a 20.016 persoas (9.718 homes e 10.298 mulleres), polo que o incremento en tres anos foi de 3.467 habitantes, máis de mil persoas por ano. Se nos detemos no ano 2006 o censo xa acumulaba un total de 23.219 habitantes (11.268 homes e 11.951 mulleres), polo que se volve a incrementar a cifra de censados en 3.203 persoas.
En 2009 o censo ascendeu ata chegar aos 26.983 habitantes (13.079 homes e 13.904 mulleres), polo que se volveu a producir un novo incremento de 3.764 habitantes respecto ao ano 2006. A principios de 2012 Ames xa contaba cun total de 29.331 habitantes, polo que en tres anos volveu a incrementarse en 2.348 o número de habitantes. Tres anos despois, a principios de 2015, o INE contabilizaba un total de 30.267 habitantes (14.608 homes e 15.659 mulleres).
Os últimos datos oficiais do INE correspondentes ao 1 de xaneiro de 2018, que foron publicados 2 de xaneiro de 2019, indican que a comezos do exercicio 2018 en Ames había censadas 31.278 persoas, polo que o incremento nese período de tres anos (2015-2018) foi un pouco máis moderado con 1.011 novos habitantes amesáns.