Pestanas principais

Apróbase o expediente de licitación do servizo de redacción de proxecto e dirección facultativa da actuación de mellora da eficiencia enerxética no alumeado do rural

Xoves, 05 de marzo de 2020

A Xunta de Goberno Local aprobou o expediente de licitación do servizo de redacción de proxecto e dirección facultativa da actuación de mellora da eficiencia enerxética no alumeado do rural. Dita actuación ten un orzamento de execución de 1.470.288,94 euros. O 80% do orzamento total será sufragado con fondos europeos concedidos polo IDAE, mentres que o 20% restante, 294.057,80 euros, serán sufragado con fondos propios municipais. Deste xeito, vanse substituír 4.540 puntos das parroquias amesás. Estes puntos para substituír englóbanse en 120 centros de mando, que tamén serán reformados, representando o 69% do total de centros presentes no termo municipal.

O goberno municipal dá un paso máis na tramitación do proxecto de cambio de luminarias no alumeado do rural de Ames. No pleno ordinario de xaneiro deste ano a Corporación municipal aprobou por unanimidade o gasto plurianual de 1.470.288 euros para executar o proxecto de mellora da eficiencia enerxética no alumeado no rural. Para desenvolver dito proxecto, o Concello de Ames conta cunha axuda de 1.176.231,15 euros do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE). O orzamento previsto para a execución do proxecto é de 1.470.288,94 euros. O 80% do orzamento total será sufragado con fondos europeos concedidos polo IDAE, mentres que o 20% restante, 294.057,79 euros, serán sufragado con fondos propios municipais.

O gasto efectuarase de xeito plurianual durante os exercicios 2020, 2021 e 2022, distribuído nas seguintes anualidades: en 2020 efectuarase un gasto de 174.000 euros (34.800€ de fondos municipais e 139.200€ de fondos FEDER). Deste xeito, a Xunta de Goberno aprobou o pasado 20 de febreiro o expedientes de licitación da redacción do proxecto e dirección de obra de dito proxecto. Este mesmo ano está previsto licitar o contrato mixto de subministro e obras das luminarias, estimándose que no mes de outubro se iniciaría a execución do contrato. Nos anos 2021 e 2020 continuaríase coa execución das actuacións.

Deste xeito, vaise a renovar a iluminación pública exterior das vías públicas das parroquias, actuando en 4.540 dos 7.133 puntos de luz existentes no municipio, substituíndo as actuais luminarias por luminarias LED máis eficientes e actualizando 120 dos 173 cadros de mando existentes para adaptalos á normativa vixente. Con esta actuación diminuirase a potencia de 573 kW a 274 kW e conseguirase un aforro enerxético estimado do 53,43%. As luminarias incluídas no proxecto singular e que serán substituídas por outras máis eficientes atópanse maioritariamente en vías rurais.

Programa de desenvolvemento sostible
A partir deste ano 2020 dende a Concellaría de Transición Ecolóxica está previsto desenvolver un programa de desenvolvemento sostible para favorecer a redución CO2. Así, o obxectivo será cumprir o marcado pola Axenda 2030 de reducir nun 40% a emisión de CO2. Co cambio de luminarias no rural e nos núcleos de Bertamiráns e do Milladoiro, que está previsto que estea finalizado en 2023, reducirase en máis dun 50% as emisións de dióxido de carbono, polo que se cumpriría sobradamente este compromiso europeo marcado na Axenda 2030.

O concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Rural, Manuel Lens, explica que “a intervención que se vai executar recolle o cambio de 4.540 luminarias e 120 centros de mando do alumeado público do rural. Isto representa o 64% do total de luminarias do municipio. Este cambio suporá un aforro enerxético do 53% que ascenderá a un importe de 135.563 euros ao ano. Deste xeito, a inversión feita quedará amortizada nun período aproximado de 10 anos. Ademais, vanse deixar de emitir máis de 500 toneladas de CO2 ao ano. A través desta actuación tratamos de poñer en valor que somos un concello que aposta pola sustentabilidade e pola eficiencia enerxética”.

Ames vai ser eficiente no 100% do seu territorio
Este proxecto enmárcase dentro dun plan máis amplo a través do cal se pretenden cambiar as luminarias e centros de mando do 100% do alumado público municipal. Deste xeito, a este proxecto do cambio de luminarias do rural únese o proxecto de mellora da eficiencia enerxética da iluminación no Milladoiro, que foi adxudicado no pasado mes de outubro á empresa Instalaciones Eléctrica Coruñesas SL, por un importe de 225.746,57 euros. Tamén se está redactando o proxecto para o cambio de iluminación na localidade de Bertamiráns, que está incluído no Plan Impulsa Ames e que conta cun orzamento inicial de 361.459 euros. Este proxecto está previsto que se licite este ano 2020.

Deste xeito, Ames investirá máis de 2,5 millóns de euros de fondos propios e achegas da Unión Europea, a través do IDAE e da EDUSI, así como da Deputación da Coruña, para o desenvolvemento sostible no apartado da eficiencia enerxética, co obxectivo de acadar unha redución de emisións de CO2 e mellorar a visibilidade nos núcleos urbanos e do rural.

A través desta actuación vanse substituír 4.540 puntos de luz das parroquias amesás