O Concello de Ames, a través das Concellaría de Servizos Básicos e Transición Ecolóxica, pon en marcha a campaña “Non nos merecemos isto”, para concienciar á veciñanza sobre a importancia de depositar os voluminosos no Punto Limpo.
A través desta iniciativa editáronse 3.000 calendarios de mesa e 500 calendarios grandes de parede co lema de dita campaña e fotos de lixo e voluminosos depositados en fincas, camiños e outros lugares como o monte de Lapido; unha pista forestal entre Lapido e O Instrumento; urbanización Agro do Muíño; aparcadoiro do Carrefour, en Bertamiráns; rúa Panasqueira, no Milladoiro; urbanización Os Laranxos, Castiñeiro do Lobo; urbanización A Telleira, Bertamiráns; Castiñeiro do Lobo; lugar de Pedras; pista forestal que vai a Pegariños; estrada cara Trasmonte; estrada de Lapido; e acceso a Costoia.
Ditos calendarios tamén conteñen información do Punto Limpo, que está situado na rúa das Hedras do parque empresarial Novo Milladoiro. Ata alí poden achegarse todos os veciños e veciñas de Ames para desfacerse de aqueles obxectos e materiais que non van aos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro ou papel.
Os voluminosos deben depositarse no Punto Limpo, situado no parque empresarial do Milladoiro. Outra opción é chamar aos números de teléfono 981 19 12 40 ou 639 10 76 38, para acordar unha data e un lugar, coa finalidade de depositar o voluminoso xunto ao contedor máis próximo, para que posteriormente se realice a recollida de ditos enseres e voluminosos.