Actualidade

Ex., 25-10-2026
Ex., 25-10-2026
Xoves, 01 de outubro de 2026
Ames convoca á veciñanza para sumarse á XIX limpeza simultánea de ríos promovida por ADEGA en toda Galicia

O Concello de Ames participa novamente na iniciativa “Móllate polos ríos”. Coordinada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), a actividade consiste na limpeza simultánea de lixo en distintos ríos e regatos de Galicia. Dende a Concellaría de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural convídase á veciñanza amesá a participar desta iniciativa, que se desenvolverá este domingo, 4 de outubro, a partir das 11:00 horas, facendo unha limpeza do rego do Ameneiral durante dúas horas. Para participar hai que estar ás 11.00 horas na praza do Concello, en Bertamiráns. Na páxina web de Proxecto Ríos atoparás máis información sobre a iniciativa “Móllate polos ríos”, as limpezas de río, os participantes e colaboradores, etc.

Luns, 28 de setembro de 2026
A Aula da Natureza está de volta para poñer en valor o entorno natural de Ames e encher de actividades os meses de outono

A Aula da Natureza vén de presentar esta mañá a nova programación de actividades para este outono. Ao longo dos meses de outubro, novembro e decembro organizarán diferentes actividades para poñer en valor o entorno natural de Ames e relacionadas con produtos e costumes propias desta época do ano. Deste xeito, haberá saídas para recoller cogomelos, obradoiros de cociña de outono, xornadas de recollida de lixo no rego do Ameneiral e no monte, unha ruta ambiental, un obradoiro de cosmética natural e maila sexta edición da feira do monte Tanto Monte, Monte Tanto. Para inscribirse nestas actividades hai que enviar o impreso de inscrición ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal.

Luns, 31 de agosto de 2026
A Aula da Natureza organiza este sábado, 5 de setembro, unha actividade de interpretación de petróglifos e observación de estrelas

O Concello de Ames organiza para o sábado, 5 de setembro, unha nova actividade de interpretación dos petróglifos de Monte Castelo e da Peneda Negra e de observación de estrelas, na que se vai a ver a relación existente entre diferentes constelacións e mitos, crenzas e tradicións relacionadas cos petróglifos. O punto de encontro será ás 20.30 horas no Bosque do Peregrino situado en Ventosa (Covas). Para participar nesta saída hai que enviar o impreso de inscrición ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. Ofértanse un total de 40 prazas. A actividade estará impartida Antón Bouzas e Luis Leclere. Para esta actividade non hai servizo de autobús.

Xoves, 06 de agosto de 2026
A eclipse poderase ver en Ames nun 99,96% da súa totalidade

O Concello de Ames será un emprazamento privilexiado para visualizar a histórica eclipse parcial do vindeiro mércores 12 de agosto, pois segundo o Observatorio Astronómico Nacional poderase ver ata nun 99,96% da súa totalidade. Ás 20.29 horas será o punto máximo dunha eclipse que comezará ás 19.31 e finalizará ás 21.22 horas. Con motivo deste fenómeno, o Concello de Ames pon á disposición da veciñanza 1.600 gafas máis. 

Sábado, 01 de agosto de 2026
O parque do Milladoiro, o miradoiro do campo da festa de Bugallido e o miradoiro do Bosque do Peregrino serán os mellores puntos para ver a eclipse en Ames

O departamento de Medio Ambiente do Concello de Ames, en colaboración con Ramón Iglesias Marzoa, veciño da aldea de Castelo e astrofísico profesional no Observatorio Astrofísico de Javalambre, en Teruel, identificou tres localizacións especialmente axeitadas para a observación da eclipse do vindeiro mércores, 12 de agosto. Estas son o parque do Milladoiro, o miradoiro do campo da festa e usos múltiples de Bugallido e o miradoiro do Bosque do Peregrino, na aldea de Ventosa.

Sábado, 18 de xullo de 2026
Ames recomenda extremar as precaucións para a observación da eclipse e repartirá 2.000 gafas homologadas entre a veciñanza

O Concello de Ames informa á veciñanza sobre as recomendacións e medidas de seguridade para a observación da eclipse solar que terá lugar o mércores 12 de agosto. Ames será unha das localizacións privilexiadas para contemplar este fenómeno astronómico, cunha ocultación do disco solar de ata o 99,96%, dependendo da zona de observación.

Martes, 30 de xuño de 2026
Ames activa o dispositivo municipal de actuación ante posibles incendios forestais para 2026

O Concello de Ames presentou esta mañá o plan municipal de incendios forestais de 2026, que inclúe as actuacións en materia de prevención de incendios e mailo dispositivo municipal de actuacións ante lumes forestais para o período estival deste ano. A finalidade deste dispositivo municipal dentro do Plan de Incendios na temporada de alto risco, que vai do 1 de xullo ao 30 de setembro, é a organización dos distintos medios persoais e materiais cos que conta o Concello para actuar dun xeito rápido e eficaz fronte a posibles incendios forestais que poidan desenvolverse en Ames. O obxectivo é que ante un incendio forestal cada grupo de intervención saiba cal é a súa labor evitando ou minimizando os imprevistos e facilitando a colaboración do Concello co director/a de extinción. Premendo nesta ligazón podes descargar o plan municipal de incendios forestais de 2026.

Luns, 15 de xuño de 2026
A astronomía e os petróglifos centran as actividades da Aula da Natureza durante a temporada estival

A Aula da Natureza xa ten lista a súa programación para os meses de xuño, xullo, agosto e setembro. Unha programación que se centra na cultura castrexa, a recollida de herbas de San Xoán, a eclipse total de sol, a interpretación de petróglifos e a observación de estrelas. Para inscribirse nas actividades da Aula da Natureza, é preciso enviar a ficha de inscrición, que se pode descargar nesta ligazón, ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. Preme nesta ligazón para consultar a programación.

Xoves, 11 de xuño de 2026
O CEIP Ago do Muíño recibe o Premio Voz Natura ao mellor proxecto da provincia da Coruña

O CEIP Agro do Muíño, situado na parroquia amesá de Ortoño, recibiu esta mañá, no Museo Santiago Rey Fernández-Latorre de Arteixo, o premio provincial do proxecto de educación medioambiental Voz Natura pola súa proposta interdisciplinar “Agronautas, orbitando en verde”. Deste xeito, o centro contará cunha dotación de 2.000 euros grazas ao seu traballo no que participaron cincocentos alumnos e alumnas coordinados por Yolanda González e co deseño de actividades proposto pola técnica do departamento de Medio Ambiente do Concello de Ames, Patricia Reboreda.

Xoves, 11 de xuño de 2026
O Pazo da Peregrina acolle un laboratorio nómade de investigación para a preparación comunitaria ante a crise ecosocial

O vindeiro domingo, 14 de xuño, o Pazo da Peregrina de Bertamiráns será a sede dun laboratorio nómade de investigación para a preparación comunitaria ante a crise ecosocial, organizada pola plataforma Ames Pospetróleo e o Instituto Resiliencia en colaboración co Concello de Ames. A sesión enmárcase nunha liña de investigación de Marta Moreno Muñoz arredor da ecopedagoxía e prácticas comunitarios en contextos de crise ecosocial.