Pestanas principais

25 nenos e nenas participaron no campamento urbano de Nadal organizado pola Aula da Natureza

Venres, 05 de xaneiro de 2024

Un ano máis, a Aula da Natureza ofreceu aos nenos e nenas de Ames unha alternativa para desfrutar do Nadal a través dun campamento na natureza. Nel 25 rapaces desfrutaron de tres días de actividades e obradoiros relacionados co Nadal e o medio ambiente, ademais de achegarse a unha forma de vida menos consumista aprendendo a empregar obxectos da natureza.

A programación de Nadal do Concello de Ames incluíu diversas actividades organizadas pola Aula da Natureza. Entre elas, un campamento urbano de Nadal dirixido a rapaces e rapazas de 6 a 14 anos, que se levou a cabo nas instalacións da Aula da Natureza, na Ameixenda, os días 27, 28 e 29 de decembro. Durante estes tres días, os/as nenos e nenas participaron en diversos obradoiros nos que empregaron materiais naturais, ademais de facer saídas e desfrutar de varios xogos.

O concelleiro de Xestión do Medio Natural, Javier Antelo, explica que “este campamento  non só é unha alternativa para desfrutar o Nadal dun xeito distinto, senón tamén unha oportunidade para coñecer a ampla biodiversidade do noso concello”.

Actividades do campamento urbano
Ao longo dos tres días que durou o campamento, os rapaces e rapazas que participaron puideron desfrutar dunha ampla variedade de actividades. Unha delas foi un obradoiro de xogos tradicionais no que, aproveitando toros de madeira de eucalipto, fixeron taboleiros para xogos como o tres en raia ou as damas, para os que elaboraron fichas de xogo con landras, castañas e froitos do eucalipto. Tamén elaboraron bandexas para as uvas da sorte, para as que modelaron follas de parra e un acio de uvas, onde puxeron os doce ocos para as uvas da sorte. Ademais, tamén houbo un obradoiro de cestería de Nadal a cargo de Julia da Cal, da Cestería a Parabólica, no que aprenderon a facer estrelas de vimbio entretecidas con xuncos e outros materiais cesteables.

Tamén houbo espazo para os xogos e actividades ao aire libre. Os nenos e nenas desfrutaron dun campionato de pulsos no que competiron por idades, e de varios xogos de adiviñas. Ademais, tamén aprenderon a recoñecer ás distintas especies a través dos son e das pegadas dos animais nunha actividade de recoñecemento de rastros e sons. Finalmente, a última tarde fixeron unha visita á carballeira de Ventín, onde viron as once figuras de animais comúns da fauna amiense que hai alí instaladas.

25 nenos e nenas participaron no campamento urbano de Nadal organizado pola Aula da Natureza

Multimedia

  • 25 nenos e nenas participaron no campamento urbano de Nadal organizado pola Aula da Natureza