Pestanas principais

Plan de compostaxe comunitario

Desde o ano 2005 o Concello de Ames aposta pola posta en valor e aproveitamento dos residuos sólidos urbanos (RSU) mediante o súa transformación en compost. Así, Ames incorpórase como cliente da Mancomunidade Serra do Barbanza o 1 de xaneiro de 2006. Dende ese momento os residuos orgánicos, que se depositan nos contedores verdes, son xestionados na planta da Mancomunidade Serra do Barbanza, no municipio de Lousame, mediante un proceso de compostaxe aerobia que consta dunha fase de fermentación en túneles e unha fase de maduración nunha nave que esta pechada parcialmente.

Tras un mínimo de catro meses de proceso controlado, onde se produce a estabilización da materia orgánica, acompañada dunha importante redución do volume inicial, o material pasa por un proceso de afino para a eliminación de impropios ata obter o compost final

O Concello de Ames coñecedor da importancia de que os máis pequenos dos fogares participen neste proxecto realiza intervencións nos centros e moi diversas actividades de horta e compost a través do programa de educación ambiental da Aula da Natureza.
Ademais, a Concellaría de Medio Ambiente puxo en marcha o "programa de compostaxe caseiro" no que, en cada unha das tres edicións que se levan realizado, tras unha selección de candidatos/as baseada fundamentalmente na súa implicación e o seu compromiso ambiental, repartíronse unha media de 60 composteiros por campaña. O programa comeza cunha formación básica sobre o compostaxe, a través dunha charla coloquio aos participantes do proxecto, seguido da instalación do composteiro, tres visitas de seguimento anual e a atención telefónica e/ou presencial para a resolución de calquera incidencia. Cada unha das edicións contou cunha memoria resumo da experiencia e unha avaliación dos logros e medidas a corrixir para próximas experiencias.

O programa de compostaxe comunitario tamén se desenvolve nas hortas urbanas. Neste senso formouse aos usuarios/as das hortas nas técnicas de compostaxe comunitario e construíron entre todos un composteiro artesanal. Posteriormente o Concello realizou a compra dunha trituradora para conseguir aproveitar a gran cantidade de residuos vexetais que se producen no concello, residuos que son resultado de podas en parques e xardíns e dos de roces forestais, así como da retirada de ramas e árbores caídas e cúmulos de podas urbanas.

No ano 2017 deséñase un plan de transformación dos residuos orgánicos procedentes das cociñas e comedores municipais en compost. Este plan involucra a toda a comunidade educativa do municipio, ao persoal de cociña e comedores, así como a técnicas dos departamentos de educación e medio ambiente.

Por outra banda, no viveiro municipal do concello creouse un área de compostaxe escolar comunitario. Esta conta con 6 composteiros de 800 litros e 4 composteiros de 320 litros
instalados sobre unha base de pavimento ecolóxico. Para a obtención de material estruturante hai que ter en conta unha serie de pautas. Os restos da cociña e comedores escolares proporcionan a chamada porción húmida (60 % humidade) necesaria para realizar o compost, pero moitos proxectos similares fracasan por carecen do subministro asegurado da chamada porción seca (-60% de humidade) procedente fundamentalmente do triturado de podas de árbores e follas secas.

  • OBXECTIVOS
    • Reducir e reciclar en orixe os restos orgánicos xerados nas cociñas e comedores municipais dos centros escolares do concello de Ames.
    • Reducir as emisións de gases con efecto invernadoiro derivadas do transporte e tratamento destes residuos contribuíndo desta forma a mitigación do cambio climático.
    • Reducir os custos de transporte e de xestión dos residuos municipais.
    • Obter un compost de calidade e aproveitalo para consumo propio devolvendo a materia orgánica á súa orixe, o chan, mellorando as súas propiedades e contribuíndo así á loita contra a desertificación e á diminución do uso de fertilizantes sintéticos.
    • Concienciar e sensibilizar aos escolares en particular e á poboación amesá en xeral da importancia do proceso de compostaxe comunitario.