Pestanas principais

Carballeira dos Trasgos

O Concello de Ames, a través da Aula da Natureza, realizou unha intervención na Carballeira de Paramuíño, na parroquia de Biduído, para poñer en valor a flora e fauna deste lugar. Neste lugar acondicionouse un novo espacio natural que pode ser empregado pola veciñanza amesá para pasear e descansar. Trátase da Carballeira dos Trasgos que se atopa no lugar de Paramuíño, na parroquia de Biduído, que conta cunha extensión de 8.000 metros cadrados. Neste lugar o Concello puxo en marcha un proxecto para recrear a vida que existe nunha carballeira. Deste xeito, resáltase a fauna, a flora e tamén os seres dos nosos contos e lendas, como trasgos ou damas.

A primeira parte desta iniciativa foi posta en marcha en febreiro de 2023, a través da cal se colocaron varias figuras dos animais típicos que habitan unha carballeira (vacaloura, bolboreta macaón, donosiña, curuxa, píntega e peto real). Tamén se recrearon os seres das nosos contos e lendas, como trasgos ou damas. En decembro de 2023 déuselle continuidade a dito proxecto coa incorporación de cinco novas figuras (unha xeneta, bubela, víbora, avelaíña e xoaniña). As figuras foron colocadas por persoal da empresa amesá Escenoset e do Concello de Ames. Está previsto darlle continuidade a este proxecto coa colocación de novas figuras. O obxectivo é ir engadindo novos elementos de xeito paulatino.

Eixos do proxecto
O proxecto contempla tres eixos estruturais que son a eliminación de eucaliptos de xeito paulatino para non alterar a cantidade de luz no chan; a realización de podas e rozas selectivas (o material de poda irase acumulando en pequenos montículos para que servirán de micro-hábitat a multitude de insectos e vermes); e maila plantación de novos carballos co fin de manter con vida dita carballeira.

O proxecto tamén ten unha clara vertente educativa, xa que dun xeito sutil trátase de deixar a sinal da enorme variedade de vida que alberga un ecosistema, facendo visible a fauna e a flora e que serva como aviso do que se perde cando estes desaparecen como ocorre cando se tala unha finca chea de carballos centenario, e se plantan nela outras árbores como poden se pinos ou eucaliptos.

Por outra banda, o obxectivo é que a veciñanza volva a desfrutar das carballeiras coma se facía antes que eran un espazo de convivencia, de xogo, de celebración de festas e de encontro. A intención é non poñer estruturas artificiais de xogo senón que os rapaces, rapazas e persoas adultas empreguen os elementos da contorna para xogar e descansar.

Pídese coidar e respectar os elementos colocados
Dende o Concello convídase a veciñanza a coidar e respectar os elementos que se colocaron en dita carballeira porque se trata dun espazo que é para desfrute de todos e todas.

A recreación feita na carballeira correu a cargo da empresa amesá Escenoset. O director artístico de Escenoset, X. Méndez, en colaboración coa responsable da Aula Natureza, Patricia Reboreda, déronlle forma a recreación feita co obxectivo de visibilizar elementos comúns da vida que existe debaixo dos carballos.