Esta mañá presentouse a programación de actividades da campaña “Ames en igualdade”, coa que o Concello de Ames vai conmemorar o Día Internacional da Muller, que se celebra o 8 de marzo. Ao abeiro desta conmemoración vaise realizar o venres, 5 de marzo, unha nova sesión de autocine na que se proxectará o filme María Solinha, dirixida por Ignacio Vilar. O luns 8 de marzo terá lugar o acto oficial, no que se dará lectura ao manifesto institucional. Tamén se presentará a ruta urbana 8M e descubrirase o monólito dedicado a Filomena Fraga, na praza da Maia. O sábado, 13 de marzo, inaugurarase a ruta urbana 8M, unha ruta circular polas zonas verdes de Bertamiráns na que se colocarán monólitos dedicados a mulleres relevantes, entre elas a escritora e veciña de ames, Filomena Fraga.