Pestanas principais

A memoria de Ames

A memoria de Ames é un proxecto de voluntariado interxeneracional que combina varias perspectivas e que ten como finalidade principal a recuperación da memoria dos lugares a través dos recordos das persoas que habitan neses lugares. Os recordos das persoas de Ames como un lugar de encontro para persoas maiores de 60 e menores de 35 que traballarán conxuntamente.

-Unha viaxe ao pasado con fotos en branco e negro.
-Unha selección de recordos asociados a lugares.
-Un teléfono móbil como ferramenta para gravar.
-Un guión e un vídeo para cada relato en cada lugar.
-Unha canle en Youtube para subir os vídeos.
-Un mapa en Google para situalos.
-Unha forma de recuperar o patrimonio inmaterial.
-Unha ruta sobre o pasado para construír o futuro.

Podémolo definir como un gran obradoiro de memoria con sesións para afondar e recuperar os recordos das persoas participantes co obxectivo de fomentar a convivencia e o encontro entre a veciñanza, a través de diferentes actividades. Os recordos sobre os que traballar terán como eixo principal a Ruta de Riamontes, onde se poden atopar 12 muíños, coñecidos coma “Os muíños de Parribeira”.

Unha vez seleccionados e guionizados os recordos máis atractivos para formar parte do proxecto, as persoas participantes gravarán e/ou serán gravadas nos lugares escollidos para contar o seu relato asociado a cada punto concreto da ruta. A idea é que tanto as sesións de memoria como as de guionización sirvan como encontros interxeracionais, contando coa implicación de persoas novas favorecendo o aprendizaxe, o coñecemento e o acompañamento.

A gravación dos vídeos poderá ter dous enfoques, en función das preferencias e dificultades das persoas maiores na utilización de ferramentas tecnolóxicas (móbiles, ordenadores, Youtube...). Por unha banda, pode servir para que as persoas maiores aprendan a gravar vídeos cos móbiles, e por outra banda, pode servir de intercambio xeracional, contando coa implicación das persoas novas, para a gravación dos vídeos, subilos á canle de Youtube, elaborar o mapa virtual da memoria ou elaborar os códigos QR.

A memoria de Ames desenvolverase en varias fases que se corresponderán con diferentes lugares e parroquias do concello. As actividades a realizar van dirixidas ao:

-Recoñecemento e posta en valor da riqueza ambiental, patrimonial ou turística da zona coas súas fortalezas e debilidades.
-Deseño e estruturación de novos modelos dixitais ou tecnolóxicos que atendan ás necesidades da zona ou que permitan mellorar os existentes.
-Deseño e estruturación dunha nova economía de coidados baseada na atención centrada na persoa.

Este proxecto está subvencionado ao abeiro da orde do 14 de setembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e convócanse subvencións, de carácter plurianual e en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas a entidades de acción voluntaria e entidades locais de Galicia para a elaboración e execución de proxectos de voluntariado interxeracional no medio rural vinculados co proxecto piloto Talento interxeracional, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para os anos 2022 e 2023 (código de procedemento BS508E). O Concello de Ames é beneficiario dunha subvención plurianual (exercicios 2022 e 2023) de 23.591,71 euros.