En 2021, tras a sinatura do correspondente convenio de colaboración entre os Concellos de Teo e Ames bota a andar o SAT conxunto para atención á poboación destes dous municipios. A xestión compartida permite dar un salto de calidade no que respecta ao horario de apertura e ás instalacións nas que se desenvolve a atención.
O obxectivo principal destas axudas é promover a autonomía persoal de menores de 0 a 6 anos con trastornos no seu desenvolvemento.
O resultado que se pretende acadar é facilitar a inclusión social e a igualdade de oportunidades de todos os nenos e nenas.
O SAT está dirixido á poboación infantil de 0 a 6 anos, á súa familia e ao seu contorno, e ten por obxectivo darlles resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e as nenas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos, para facilitar o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social.
O equipo profesional responsable, está conformado por dous psicólogos, dúas logopedas e unha terapeuta ocupacional, con capacitación específica para a atención ás necesidades deste grupo poboacional. O SAT constitúe unha extensión das atencións prestadas polos servizos sociais municipais, se ben o acceso a este require a prescrición da atención polos servizos de pediatría comunitaria ou hospitalaria. O equipo do servizo está a disposición de particulares, entidades e profesionais para a orientación ante calquera necesidade de información sobre as súas opcións de intervención.
A agrupación de concellos de Teo e Ames para a prestación do Servizo de Atención Temperá foi beneficiaria da convocatoria de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá nos anos 2024 a 2026, cofinanciada pola Unión Europea.
O Servizo de Atención Temperá, posto en marcha de maneira conxunta entre os Concellos de Ames e Teo, ten as súas instalacións no enderezo Travesía das Galanas, 67, 1º andar (Teo), no que ofrece servizos de psicoloxía, logopedia e terapia ocupacional. Os números de teléfono de contacto son o móbil 604 014 864 e o fixo 881 023 475.
- Folleto informativo do Servizo de Atención Temperá
- Convocatoria de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá nos anos 2024 a 2026
Horario do SAT:
Luns a xoves: de 8:00 a 19:00 horas.
Venres: de 8:00 a 14:30 horas.







