Pestanas principais

Departamento de Benestar Social

    • Unidade Municipal de Servizos Sociais de Bertamiráns (UTS BERTAMIRÁNS): Praza de Chavián s/n, Bertamiráns, 15220 - Ames (A Coruña)
      • Teléfono:  981 89 09 64
      • Horario de atención ao público Lunes a viernes de 9:00h a 14:00h
    • Unidade Municipal de Servizos Sociais do Milladoiro (UTS MILLADOIRO): Rúa de Abaixo, nº 10, O Milladoiro, 15895 - A Coruña
      • Teléfono:981 53 59 41
      • Horario de atención ao público Lunes a viernes de 9:00h a 14:00h
    • Responsable municipal: Concellaría de Benestar Social
Outros Datos: 
  • Programación actividades Amessan 2020-2021
  • Estrutura do servizo:
    UTS : Milladoiro e Bertamiráns
    As UTS ou Unidades de Traballo Social son a "porta de entrada" ao Sistema de Servizos Sociais e ofrecen un Servizo de Información público, para toda a poboación, desde onde se facilita de forma profesional e confidencial, información sobre os servizos sociais, recursos e prestacións a disposición das cidadás e cidadáns, así como os dereitos que teñen tanto a nivel individual como grupal.
  • Funcións
    Nelas valóranse as necesidades, oriéntase aos recursos máis axeitados, e intervense cando as persoas así o demandan, cara a garantir unha atención persoal e social de calidade, ofrecendo:
    • Información , valoración, diagnóstico e orientación  en canto a  dereitos, recursos e intervencións sociais.
    • Xestión do Servizo de Axuda no Fogar, Xantar na Casa, Fogar de tránsito, Programa de alimentos, Renda Básica Municipal, axudas de  emerxencia social.
    • Actuacións preventivas das situacións de risco e necesidade social do conxunto da poboación, intervindo para acadar a integración social.
  • Novas relacionadas
  • Axenda

Novas do departamento

A unidade móbil de doazón de sangue estará este venres, 9 de outubro, en Bertamiráns, na Avenida da Maía diante da praza. O horario será de mañá, de 15.30 a 21.00 horas. Por mor da pandemia da Covid-19, e para regular a afluencia de doantes e evitar esperas, é necesario solicitar cita previa chamando ao número de teléfono 900 100 828.

O programa Sanauga abre este luns, 16 de setembro, o prazo de inscrición para o curso 2019-2020. Este programa de actividades acuáticas, posto en marcha pola Concellaría de Benestar Social, a través da Oficina de Voluntariado (OVA), e cofinanciado pola Deputación da Coruña, está dirixido a persoas maiores e persoas con discapacidade. Os interesados poden inscribirse e obter máis información no teléfono 662 377 044.

O Departamento de Promoción da Saúde organiza unha andaina con marcha nórdica polas praias e dunas de Corrubedo para o sábado 17 de outubro. Trátase dunha actividade que organiza o departamento de Promoción da Saúde, dependente da Concellería de Benestar Social, e que se enmarca no programa "Activa o teu Outono". A ruta circular ten 12,5 quilómetros, cunha dificultade media - alta pola súa lonxitude. Porase a disposición da veciñanza un servizo de autobús gratuíto, que sairá dende O Milladoiro e Bertamiráns. Ofértanse 50 prazas. Premendo nesta ligazón podes realizar a inscrición. O prazo estará aberto ata o 15 de outubro ás 23:59 horas.

“Tan iguais como diferentes". Este lema rezará na faixa que o Concello de Ames vai colocar o vindeiro domingo, 21 de marzo co gallo da celebración do "Día Mundial da Síndrome de Down". O departamento de Servizos Sociais leva anos colaborando coa Asociación Compostela Down para contribuír a visibilizar a realidade deste colectivo e a para acadar unha sociedade máis inclusiva. A pancarta estará exposta desde o día19 até o día 23 de marzo. Por outra banda, o Concello anima á veciñanza amesá a participar na campaña “Calcetíns diferentes” iniciada no ano 2019 para destacar o valor da diferenza. Tamén invita á veciñanza a conectarse o domingo, 21 a partir das 11:30 da mañá, ao evento virtual no que se lerá o "Decálogo pola inclusión", se entregarán os premios Down Galicia e actuarán Tanxugueiras e Orquestra Cinema.

A Consellería de Sanidade, en data 12 de agosto de 2020, publicou a Orde sobre modificación de determinadas medidas previstas no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola Covid-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. A Orde dispón que “no caso particular de consumo de tabaco ou de cigarros electrónicos na vía pública ou en espazos ao aire libre, incluídas as terrazas, só se poderá exceptuar a obriga de uso de máscara, e exclusivamente durante o indicado consumo, sempre que, tendo en conta a posible concorrencia de persoas e as dimensións do lugar, poida garantirse o mantemento, en todo momento, da distancia de dous metros con outras persoas”.

O 8 de xullo celébrase o Día Mundial da Alerxia, unha doenza que afecta a millóns de persoas en todo o mundo. O Concello de Ames súmase á campaña de iluminar os seus edificios públicos de cor azul co obxectivo de previr e concienciar á poboación sobre as enfermidades alérxicas.

Un ano máis o Concello de Ames colabora co programa Vacacións en Paz, que leva a cabo a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, a través do cal as familias do municipio acollen durante os meses de xullo e agosto nenos e nenas saharauís. Nesta edición son 11 familias amesás as que acollen a 7 nenas e 4 nenos ata o vindeiro 9 de setembro. Estes rapaces e rapazas chegaron a Ames os días 7 e 9 de xullo. Destes 11 nenos e nenas, 6 participan por primeira vez este ano no programa de Vacacións en Paz. Está previsto que durante a última semana deste mes de agosto visiten a Casa do Concello.

“A saúde como moito máis que ausencia de enfermidade”. Con esta filosofía nace a I Feira da Saúde e Ben-estar de Ames que esta fin de semana congregará no Pazo da Peregrina actividades ao aire libre, deporte, xogos, unha exposición, a proxeccións de documentais e relatorios relacionados con distintos aspectos da saúde e o benestar. O evento está organizado pola concellaría de Sanidade como colofón á Semana da Saúde que estes días se desenvolve no concello. Conta co apoio de 17 asociacións e no programa inclúense actividades para a infancia, para os/as adultos/as e algunhas nas que pode participar toda a familia. Podes consultar aquí os horarios dos faladoiros e mailo programa de actividades da Feira da Saúde e Ben-Estar.

Este pasado luns 31 de xaneiro, vinte e nove rapaces e rapazas dos centros escolares de Ventín, Agro do Muíño, Barouta e A Maía reuníronse por primeira vez no foro de participación infantil de Ames. Tratouse dunha xuntanza previa á celebración do Consello Sectorial de Nenas e Nenos, na que se propuxeron ideas e actividades para debater no seu próximo pleno, que terá lugar o mércores 16 de febreiro.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción da Saúde, está desenvolvendo dende o pasado mes de xaneiro o programa de andainas saudables “SaúdeAndo”, que se realiza todos os xoves pola tarde dende os centros de saúde de Bertamiráns e do Milladoiro. Nesta ocasión sumou a esta iniciativa ao alumnado que participa no programa Tardes divertidas da EEI Milladoiro. A través deste tipo de actividades trátase de fomentar a práctica deportiva e mailos hábitos saudables entre os nenos e nenas.

Eventos del departamento

Coincidindo ca semana de sensibilización sobre o dano cerebral adquirido, a Casa dos Maiores de Milladoiro acolle hoxe mércores, 27 de outubro, ás 19:00 horas, unha charla informativa sobre esta doenza.

O acto institucional do "Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller" celebrarase o 25 de novembro, ás 18:30, na praza do Concello. Asistirán todos os membros da Corporación que, de forma conxunta, lerán un manifesto a prol da erradicación desta lacra social. Contará coas actuacións da Escola Municipal de Música e da Plataforma Feminista de Ames que interpretarán temas emblemáticos da loita contra a violencia machista. Como lembranza da data, e para que a concienciación continúe simbolicamente presente ao longo de todo ano, repartiranse camisetas, cadernos, alfombriñas para o rato do ordenador e paraugas conmemorativos.

Co gallo do día da eliminación da violencia contra as mulleres, e co lema “Ames marcha contra o machismo”, a Concellaría de Benestar e Igualdade organiza unha andaina pola Ruta Mitolóxica do Monte Viso. As inscricións están abertas para as persoas que desexen participar, enviando un correo a promociondasaude@concellodeames.gal ata o xoves 18 de novembro ás 14:00 horas. Haberá servizo de autobuses, que sairán ás 10:00 horas da Casa do Concello de Bertamiráns e ás 10:15 horas da Casa da Cultura do Milladoiro.

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle hoxe, 19 de novembro, ás 20:30 horas, a obra de Teatro “¿Esto es amor?” da Compañía Psíare. A actividade, que se desenvolverá a modo de Teatro-Forum, encádrase no programa “NIN SERVIL, NIN CALADA, LIBRE” co que o Concello de Ames conmemora o Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller.

A actividade é de balde e as entradas xa se poden retirar na billeteira municipal.

 

A Casa da Cultura do Milladoiro acolle hoxe, 20 de novembro, ás 20:30 horas, a obra de Teatro “¿Esto es amor?” da Compañía Psíare. A actividade, que se desenvolverá a modo de Teatro-Forum, encádrase no programa “NIN SERVIL, NIN CALADA, LIBRE” co que o Concello de Ames conmemora o Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller.

A actividade é de balde e as entradas xa se poden retirar na billeteira municipal.

No marco da  conmemoración do Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller 2021, a Concellaría de Igualdade organiza a representación de “Golpes”. A obra porase en escena o día 24 de novembro, ás 13:00 horas, na Casa de Cultura de Bertamiráns. 

O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolle a proxección de “En Deuda con Todas”, un documental estreado no ano 2019 pola organización sen ánimo de lucro galega AGARESO, que trata en detalle as repercusións da penalización do aborto en El Salvador. O evento, que inclúe unha exposición inicial da actualidade do país centroamericano, o visionado do filme e un debate posterior, terá lugar este venres 3 de decembro ás 20:00 horas. A actividade, promovida pola Concellaría de Benestar Social e Igualdade, chega despois da recepción institucional á activista salvadoreña Morena Herrera no mes de outubro, no que pediu ao Concello de Ames que informara á sociedade de situacións como a do seu país, no que o aborto é fortemente penado.

O martes 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o Concello de Ames celebrará un acto institucional na Praza do Concello, en Bertamiráns, ás 17:30 horas. Ao rematar a homenaxe, realizarase a ruta urbana 8M, un percorrido polas zonas verdes de Bertamiráns na que se destacan as historias de mulleres que loitaron pola igualdade. A programación completa do 8M pode consultarse premendo nesta ligazón.

O parque do Ameneiral acollerá a carreira de obstáculos “Moitos camiños, mesma meta”, que volve despois dunha primeira edición en 2020 cunha gran acollida. O percorrido busca mostrar dun xeito lúdico e familiar as trabas as que as mulleres se enfrontan a diario. A cita, organizada pola Concellaría de Igualdade, terá lugar o venres 18 de marzo, ás 17:30 horas, no propio Ameneiral, en Bertamiráns. As inscricións, de balde, poderán realizarse ata o xoves 17 ás 14:00 horas, acudindo presencialmente ás oficinas dos Servizos Sociais do Concello, ou ben en liña premendo nesta ligazón. A actividade forma parte dos actos do 8M en Ames.

O sábado 5 recupéranse as xornadas de igualdade e prevención da violencia de xénero en Ames, “Acércate”, que organiza a Concellaría de Igualdade,  e que acadan este ano a súa XI edición. Orixinalmente programadas para comezos de decembro, celebraranse na Casa da Cultura de Bertamiráns de 10:00 a 14:00 horas, coa presenza da debuxante, escritora e música Lola Vendetta. A programación completa do 8M pode consultarse premendo nesta ligazón.