Pestanas principais

Ames apágase para conmemorar o Día Mundial do Medio Ambiente

Venres, 04 de xuño de 2021

A partir das 23.00 horas, do sábado 5 de xuño, suspenderase a iluminación da Casa do Concello de Ames co fin de concienciar sobre o consumo enerxético. A acción, para conmemorar o Día Mundial do Medio Ambiente, encádrase no proxecto europeo ‘People and Planet’, que implica á mocidade e aos gobernos locais na loita contra o cambio climático.

No marco do proxecto 'People & Planet', no que participa o Fondo Galego de Cooperación, hai convocado un apagón ambiental para o Día Mundial de Medio Ambiente, que se conmemora o sábado 5 de xuño. 23 concellos de Galicia apagarán as luces dos seus edificios públicos mías emblemáticos.

Aínda que o consumo eléctrico en Galicia caeu un 5,8% no ano 2020, tratouse dun descenso coxuntural debido á paralización da actividade por mor da Covid-19, de aí que cumpra seguir fomentando o aforro de enerxía para evitar o impacto ambiental que supón producila. Tanto as institucións como a cidadanía poden tomar medidas neste senso, como empregar o transporte público ou a bicicleta, elixir aparellos de baixo consumo, programar unha temperatura racional no fogar, encher ben a lavadora e o lavalouza ou apagar as luces e dispositivos como o ordenador cando non os utilicemos.

Consumir menos e facelo dun xeito responsable contribúe a combater a emerxencia climática e, polo tanto, a protexer os ecosistemas, que é o tema no que este ano se centra o Día Mundial do Medio Ambiente, baixo o lema ‘Reimaxina, rexenera, restaura’. Ademais, o “apagón” proposto polo Fondo Galego é unha das máis de 50 actividades que se impulsarán nos concellos socios dentro do proxecto ‘People and Planet’ e que van desde accións de rúa como o flashmob e a performance ata obradoiros de cociña sustentable, debuxo urbano, exposicións virtuais, retos virais, etc. Búscase así contribuír a acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible fixados por Nacións Unidas e, en especial, ao ODS 13: adoptar medidas urxentes para loitar contra o cambio climático e os seus efectos.

Apagón Ambiental