Pestanas principais

Ames afondará na historia de 12 mulleres relevantes para o feminismo con motivo do 8M

Venres, 26 de febreiro de 2021

Esta mañá presentouse a programación de actividades da campaña “Ames en igualdade”, coa que o Concello de Ames vai conmemorar o Día Internacional da Muller, que se celebra o 8 de marzo. Ao abeiro desta conmemoración vaise realizar o venres, 5 de marzo, unha nova sesión de autocine na que se proxectará o filme María Solinha, dirixida por Ignacio Vilar. O luns 8 de marzo terá lugar o acto oficial, no que se dará lectura ao manifesto institucional. Tamén se presentará a ruta urbana 8M e descubrirase o monólito dedicado a Filomena Fraga, na praza da Maia. O sábado, 13 de marzo, inaugurarase a ruta urbana 8M, unha ruta circular polas zonas verdes de Bertamiráns na que se colocarán monólitos dedicados a mulleres relevantes, entre elas a escritora e veciña de ames, Filomena Fraga.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social e Igualdade, ten programadas unha serie de actividades para conmemorar o Día da Muller, que se conmemora o 8 de marzo. Esta mañá, a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Luísa Feijóo; o director do filme María Solinha, Ignacio Vilar; o promotor do proxecto autocine.gal, Xoán Mariño; a deseñadora da campaña do 8M, Ames en igualdade, Mónica Fernández; e persoal do departamento de Benestar Social, participaron na presentación das actividades conmemorativas do 8M, e concretamente da sesión de autocine na que se vai proxectar a película María Solinha.

Unha das actividades previstas é a proxección do filme María Solinha, dirixida por Ignacio Vilar, e producida por Vía Láctea e maila Televisión de Galicia. Está protagonizada polas actrices Laura Míguez e Grial Montes e reconstrúe a historia da viúva canguesa María Soliña, acusada de bruxería e queimada pola Inquisición no 1621. Esta película proxectarase nunha nova sesión de Autocine, o venres, 5 de marzo, ás 19.30 horas, na explanada do Supercor, na rúa Agro do Medio, no Milladoiro. Para asistir a dita sesión de Autocine, que é gratuíta, é necesario reservar entrada premendo nesta ligazón. Antes da proxección farase a presentación do filme por parte do seu director, Ignacio Vilar.

O director do filme, Ignacio Vilar, explicou que “fomos uns dos pioneiros do autocine ambulante. Dende o 19 de xuño de 2020, percorremos 100 concellos galegos e estreamos sempre as películas en aldeas nas que non hai cine. Faime moita ilusión estrear María Solinha en Ames porque, unha moi boa parte da película, saíu de aquí. Ademais, é moi axeitada a proxección deste filme no mes de marzo, no que se celebra o Día da muller, porque esta película ten como protagonistas a dúas mulleres do século XVII de Cangas, acusadas de bruxas e quimadas pola Inquisición. Para min, esta película naceu desa impotencia ante o machismo que aínda segue no século XXI”.

A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Luísa Feijóo, dixo “para celebrar o día 8 de marzo deste ano realizarase, coma sempre, un acto institucional, a proxección de María Solinha, na sesión de autocine e, coma novidade, haberá unha ruta circular urbana por Bertamiráns, onde se repasarán as biografías de 11 mulleres importantes para o feminismo”. Ademais, Luísa Feijóo, destacou que “María Solinha é a alegoría do vencemento e da loita contra o machismo disfrazado de diferentes formas ao longo da historia, e para nós e un pracer contar con esta estrea no noso concello no 8 de marzo. Ademais, neste momento que estamos a vivir que as violencias machistas seguen a aumentar e incluso houbo un incremento durante a pandemia”.

Por último, Xoán Mariño, promotor do proxecto autocine.gal, explicou que “este estrea en Ames é o comezo dunha ruta que imos facer por todo Galicia. Durante este mes de marzo faremos 20 proxeccións de autocines. María Solinha é unha película que nos ofrece a oportunidade de reflexionar. Empezamos co autocine móbil, de xeito experimental, fai tres anos. É unha maneira de consumo cultural que apareceu para quedarse porque é unha actividade segura e diferente. Ademais, hai moi poucas salas de cine coas que achegar as películas ao rural galego e, deste xeito, pódese facer”.  

Acto central do 8M e ruta urbana
O acto central da conmemoración terá lugar o propio día 8 de marzo, ás 18:00 horas, na praza do Concello. Como adoita acontecer todos os anos, lerase o Manifesto institucional. Após da lectura, a celebración continuará na praza da Maía, onde terá lugar a presentación da ruta 8M e se descubrirá o monólito que se dedica á escritora e veciña de Ames, Filomena Fraga.

Ademais, o sábado, 13 de marzo, inaugurarase a ruta urbana 8M, unha ruta circular por Bertamiráns, na que se colocarán monólitos dedicados a 11 mulleres relevantes, entre elas a escritora e veciña de Ames, Filomena Fraga. A ruta M8 constitúe un roteiro circular polas zonas verdes de Bertamiráns, con saída e chegada ao Pazo da Peregrina. Ten unha versión curta de aproximadamente cinco quilómetros, e outra longa que se estende ata os 8 quilómetros. En cada unha das zonas verdes pola que discorre colocarase un monólito dedicado a unha muller coñecida polas súas accións a prol da igualdade.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames proyecta el filme «María Solinha» e inaugura ruta urbana por el 8M"

El Correo Gallego: "Día da Muller amesán con ‘María Soliña’ en autocine, ruta e tributo"

Presentación Autocine María Solinha

Multimedia

  • Presentación Autocine María Solinha
  • Autocine María Solinha