Pestanas principais

Departamento de Normalización Lingüística

    • Enderezo: Pazo da Peregrina. Avenida de Azcárraga, nº 5, Bertamiráns. 15220 Ames.
    • Teléfono:  662 37 72 15
    • Horario de atención ao público: de 9:00 - 14:00 h
    • Responsable municipal: Concellaría de Normalización Lingüística
    • Responsable técnica: Rosa Moreiras Cuñarro, técnica de normalización lingüística
    • Obxectivo principal do servizo:
      • Incrementar o uso e o prestixio da lingua galega en todos os ámbitos municipais.

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames recibe unha subvención anual para gastos de persoal da Deputación da Coruña e outra da Xunta de Galicia.

Outros Datos: 
  • Funcións:
    • Asesorar e colaborar coa planificación lingüística do Concello de Ames
    • Promover actuacións para aumentar o uso do galego no ámbito municipal, de acordo coa normativa vixente, e entre a veciñanza
    • Contribuír á formación lingüística da veciñanza e do persoal municipal
    • Mellorar a calidade lingüística e comunicativa do Concello de Ames
    • Informar e asesorar sobre dereitos lingüísticos da veciñanza e deberes lingüísticos municipais
    • Asesorar sobre cuestións lingüísticas á veciñanza e ao persoal municipal

Novas do departamento

Hoxe abre o prazo de inscrición para a charla de Xurxo Mariño, biólogo, experto en neurociencia e divulgador científico, que volve a Ames para falarnos de linguaxe, a principal característica da natureza humana. Linguaxe e evolución eu é o título da charla organizada polo Servizo de Normalización Lingüística de Ames dentro do mes da ciencia. A actividade, pensada principalmente para o público adulto, terá lugar o próximo xoves, 18 de novembro, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. As persoas interesadas en asistir poden anotarse enviando un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal no que indiquen nome e apelidos, teléfono de contacto e idade das crianzas que as acompañen.

A Carballeira de Ventín acolleu este pasado martes, 30 de setembro, unha nova xornada das Brincadeiras Miúdas, nas que os nenos e nenas xunto coas súas familias, puideron gozar de música, baile, xogos tradicionais e creación de xoguetes. Esta edición das Brincadeiras Miúdas xuntou a máis de 200 persoas, que gozaron nun concerto de Cé Orquestra Pantasma e participaron en xogos tradicionais, xogo libre e desestruturado e un espazo para a creación libre de xoguetes con materiais naturais.

O Enreguéifate continúa a medrar e a bater récords de participación edición tras edición. O proxecto de dinamización lingüística arredor da improvisación oral suma nesta novena edición un total de 109 obradoiros escolares en 48 centros educativos dos seis concellos impulsores do proxecto: Ames, Arzúa, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo.

O Concello de Ames, a través dos departamentos de Normalización Lingüística e Turismo, organizou unha andaina polo Mar de Ovellas, incluída na programación de Rosalía 2024. Inicialmente, estaba previsto que se celebrase o pasado 25 de febreiro, pero mor por do mal tempo foi adiada e finalmente tivo lugar a pasada fin de semana, o sábado 20 de abril. O itinerario coincidiu co Camiño de Fisterra – Muxía. A andaina estivo teatralizada polos Quinquilláns (Tero Rodríguez e Lucho Penabade) e contou co acompañamento musical de Luís O´Caruncho. A actividade rematou no local social de Trasmonte cunha interpretacion dos Quinquilláns do poema Miña casiña meu lar e coa degustación duns petiscos.

O programa Apego amesán arrinca outubro cun obradoiro de arrolos co grupo de música infantil Mamá Cabra. Nesta actividade Gloria Mosquera e Diego Maceiras interpretarán e ensinarán cantos de berce cos que adormecer, aleitar, tranquilizar e gozar da música e da lingua nos primeiros días e meses de vida. O taller, dirixido a familias con crianzas de 0 a 3 anos, desenvolverase o xoves 6 de outubro ás 18:00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Para participar, cómpre inscribirse dende hoxe ata o 5 de outubro, enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal, no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, teléfono de contacto e idade das nenas e nenos.

Desde mañá, 2 de setembro, ata o vindeiro día 10 estará aberto o prazo de inscrición nos obradoiros de acollemento lingüístico “En galego, co teu acento!”, unha iniciativa que busca aproximar a veciñanza á lingua e á cultura galegas dun xeito práctico e progresivo, así como favorecer a cohesión social e a integración das persoas procedentes de fóra de Galicia. Bertamiráns e O Milladoiro acollerán cadanseu obradoiro, de case un mes de duración, con sesións de dúas horas e en horario de mañá, de luns a xoves. As inscricións, de balde, poden realizarse de xeito presencial acudindo ao Servizo de Normalización Lingüística, situado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ou á oficina do Servizo de Atención ás Persoas Migrantes (SAMI), situada na rúa de Abaixo, número 10, do Milladoiro. Tamén poderá formalizarse a inscrición chamando por teléfono aos números 662 377 215 / 981 535 941. 

Este mércores, 3 de abril, ás 11:00 horas, dará comezo no Teatro Principal de Santiago de Compostela a Gala Enreguéifate 2024. Trátase dun acto no que se entregarán os premios Enreguéifate, o certame de regueifas impulsado polos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo e que pon o broche de ouro á súa sexta edición. Este ano presentáronse un total de 56 regueifas, e doce delas recollerán o seu galardón nesta gala.

Este venres, 14 de abril, ás 11:15 horas, dará comezo no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, a Gala Enreguéifate-Regueifesta. Trátase dun acto no que se entregarán os premios Enreguéifate, o certame de regueifas impulsado polos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo e que pon o broche de ouro á súa sexta edición. Unha trintena de centros de ensino de toda Galicia participarán activamente neste Encontro Regueifesta ao que tamén asistirá alumnado improvisador chegado de centros educativos de Euskadi e Cataluña. Este ano, o alumnado de 6º do CEIP Agro do Muíño recollerá o premio á regueifa mellor cantada na categoría escolar por “Rosalía”.

O Concello de Ames, a través do departamento de Normalización Lingüística, publica as cifras de participación e os nomes das persoas que integran o xurado da vixésima terceira edición do Certame Literario Concello de Ames. Nesta ocasión, presentáronse 186 traballos, case trinta máis que na edición anterior. As persoas encargadas de xulgar os textos desta edición serán Manuel Portas Fernández, Carlos Negro Romero e Dolores Vilavedra Fernández; as tres pertencentes ao ámbito literario e referentes na creación literaria galega actual. Preme nesta ligazón para consultar a listaxe de traballos presentados ao XXIII Certame Literario de Ames.

A Concellaría de Normalización Lingüística fixo públicas as cifras de participación e as persoas que xulgarán os textos desta décimo novena edición do Certame Literario de Ames. Este ano presentáronse uns 152 traballos, números moi parellos a anteriores anos. O xurado desta edición está formado por pola profesora e escritora María López Sández, o poeta e profesor Ismael Ramos e o profesor e crítico literario Armando Requeixo, os tres veciños e veciñas de Ames. A súa decisión farase pública o 10 de maio a través da web municipal e das redes sociais do Concello de Ames. Tres días despois, o venres 13 de maio terá lugar a entrega de premios na Casa da Cultura do Milladoiro.

Eventos del departamento

Language Planning e unha comedia áceda da compañía “Os Quinquilláns”, baseada nos relatos de “Made in Galicia” de Sechu Sende.

A representación terá lugar na Casa da Cultura de Milladoiro o venres, 8 de outubro ás 20:30 horas.

A obra chega a Ames a través do programa “Fala Redes” da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galiciua.

A función é de balde e os convites poden adquirirse xa na billeteira municipal.