Pestanas principais

Máis de cen obradoiros para revitalizar a lingua entre a mocidade a través da improvisación oral

Mércores, 28 de xaneiro de 2026

O Enreguéifate continúa a medrar e a bater récords de participación edición tras edición. O proxecto de dinamización lingüística arredor da improvisación oral suma nesta novena edición un total de 109 obradoiros escolares en 48 centros educativos dos seis concellos impulsores do proxecto: Ames, Arzúa, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo.

Estes encontros, dirixidos ao alumnado de 5º e 6º de primaria e da ESO, están dinamizados por referentes e profesionais da regueifa como Lupe Blanco, Josinho da Teixeira, Nuria das Cruces, O Rabelo, Xairo de Herbón, Cristian de Burela e Manuele Pardo, co obxectivo de espertar no alumnado a curiosidade polos xéneros de improvisación oral en galego e construír espazos de socialización, expresión e comunidade na nosa lingua para a xente moza.

Baixo o lema Versos doutro universo, esta novena edición do Enreguéifate reforza o carácter expansivo, inclusivo e integrador da regueifa, como o demostra a recente adhesión do concello de Arzúa ao proxecto, ampliando así a rede de colaboración institucional arredor da creación oral en galego.

O certame de regueifas en vídeo, un evento imprescindible para amantes da improvisación oral
Como cada edición, o proxecto Enreguéifate impulsa o seu certame de regueifas en vídeo co obxectivo de achegar a improvisación oral ao público a través da participación e da celebración colectiva. Un evento xa consolidado que, na edición anterior, pechou a convocatoria con case un cento de participacións rexistradas.

O prazo de inscrición desta novena edición permanecerá aberto ata o vindeiro 6 de marzo.

Para participar é preciso enviar un ou máis vídeos cunha duración máxima de tres minutos, nos que aparezan cando menos dúas persoas regueifando sobre un tema libre. A inscrición deberá realizarse a través da web do proxecto, www.enregueifate.gal, onde tamén poden consultarse as bases completas.

O certame contará novamente con dúas categorías: unha xeral, para calquera persoa interesada, e outra escolar, dirixida ao alumnado dos centros educativos galegos non universitarios. Como en edicións anteriores, outorgaranse oito galardóns por cada categoría, que recoñecerán a regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, máis reivindicativa, mellor cantada, mellor falada, máis inclusiva e máis entroideira.

A entrega de premios terá lugar na gala do xoves, 16 de abril, que se celebrará no Teatro Principal de Pontevedra.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "Enreguéifate: máis de 100 obradoiros e un concurso con prazo aberto"

Máis de cen obradoiros para revitalizar a lingua entre a mocidade a través da improvisación oral

Multimedia

  • Máis de cen obradoiros para revitalizar a lingua entre a mocidade a través da improvisación oral
  • Máis de cen obradoiros para revitalizar a lingua entre a mocidade a través da improvisación oral
  • Máis de cen obradoiros para revitalizar a lingua entre a mocidade a través da improvisación oral