- Tematica
O Concello de Ames, a través do departamento de Normalización Lingüística, publica as cifras de participación e os nomes das persoas que integran o xurado da vixésima terceira edición do Certame Literario Concello de Ames. Nesta ocasión, presentáronse 186 traballos, case trinta máis que na edición anterior. As persoas encargadas de xulgar os textos desta edición serán Manuel Portas Fernández, Carlos Negro Romero e Dolores Vilavedra Fernández; as tres pertencentes ao ámbito literario e referentes na creación literaria galega actual. Preme nesta ligazón para consultar a listaxe de traballos presentados ao XXIII Certame Literario de Ames.
A decisión do xurado farase pública o día 10 de xuño, a través das redes sociais e da páxina web do Concello de Ames. Tres días despois, o 13 de xuño, terá lugar a entrega de premios nun acto público na Casa da Cultura do Milladoiro.
O Certame Literario do Concello de Ames celebra neste 2026 a súa vixésimo terceira edición manténdose por enriba dos 180 traballos presentados. En 2024 participaron 179 textos, en 2025 houbo 158 obras literarias, e nesta ocasión son 186 os traballos que terá que revisar o xurado para escoller os textos gañadores.
A categoría con maior participación foi a sección para persoas maiores de 18 anos na modalidade de narrativa, na que se presentaron 65 traballos. Na mesma franxa de idade, na modalidade de poesía, recibíronse 58 obras. Nas outras dúas categorías de poesía, unha dirixida a persoas de menos de 13 anos e outra a autores e autoras de entre 14 e 17 anos, recibíronse 17 e 11 textos, respectivamente. Do mesmo xeito, na categoría de narrativa nesas mesmas franxas de idade, presentáronse 22 e 13 traballos, respectivamente.
En total, participan no concurso 86 textos poéticos e 100 textos narrativos, a diferenza de anos anteriores, na que a poesía marcaba a tendencia do certame. Premendo nesta ligazón podes consultar a listaxe completa de títulos e pseudónimos das obras presentadas.
Dende o Servizo de Normalización Lingüística amosan a súa satisfacción porque o certame se volva a situar, un ano máis, como un concurso de referencia para moitos autores e autoras en lingua galega, e porque acade, de novo, altas cifras de participación.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "O Certame Literario de Ames medra en participación con 186 obras: trinta máis que na anterior edición"





