Pestanas principais

María López Sández, Ismael Ramos e Armando Requeixo xulgarán os 152 traballos do XIX Certame Literario de Ames

Venres, 01 de abril de 2022

A Concellaría de Normalización Lingüística fixo públicas as cifras de participación e as persoas que xulgarán os textos desta décimo novena edición do Certame Literario de Ames. Este ano presentáronse uns 152 traballos, números moi parellos a anteriores anos. O xurado desta edición está formado por pola profesora e escritora María López Sández, o poeta e profesor Ismael Ramos e o profesor e crítico literario Armando Requeixo, os tres veciños e veciñas de Ames. A súa decisión farase pública o 10 de maio a través da web municipal e das redes sociais do Concello de Ames. Tres días despois, o venres 13 de maio terá lugar a entrega de premios na Casa da Cultura do Milladoiro.

O Certame Literario de Ames continúa neste 2022 cunha participación moi parella a edicións anteriores, despois de que no 2020 sufrira un importante descenso no número de traballos presentados por mor da excepcionalidade vivida nese ano. Se no 2021 participaron 155 textos, nesta ocasión son 152 os traballos que terá que revisar o xurado para escoller ás persoas gañadoras.

A categoría con maior participación, como aconteceu na edición pasada, foi a de poesía para persoas de 18 anos ou máis, á que se presentaron 59 traballos. Ademais, na mesma franxa de idade na modalidade de narrativa recibíronse 51 obras. Nas outras dúas categorías de poesía, dirixidas a persoas de menos de 13 anos e a autores e autoras de entre 14 e 17 anos, recibíronse 8 candidaturas en cada franxa de idade. Do mesmo xeito, na modalidade narrativa, foron 13 os traballos en ambas as dúas categorías. En total, participan no concurso 77 textos narrativos e 75 traballos poéticos.

A concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, mostra a súa satisfacción "por ir recuperando o nivel de participación previo á pandemia. O noso certame literario segue a ser un concurso de referencia para moitos creadores e creadoras en lingua galega. Admiro moito ás persoas que teñen capacidade para escribir e máis se o fan na nosa lingua". Ademais, engadiu "é un orgullo ver que é un certame que crea canteira, xa que podemos ver nos andeis das librerías obras de escritoras e escritores premiadas no certame literario de Ames".

Compoñentes do xurado

Finalmente, serán tres veciños e veciñas de Ames as persoas encargadas de revisar e xulgar os textos que participan nesta XIX edición do Certame Literario de Ames. As tres están dedicadas ao mundo da docencia e da creación literaria, e colaboran habitualmente con diversos medios de comunicación.

María López Sández (Lugo, 1973) é escritora e exerce na actualidade de profesora asociada na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, tras pasar polo ensino secundario. A súa produción narrativa está conformada por obras como “A forma das nubes”, premio Repsol de Narrativa, “O faro escuro” ou “A noite da deusa”. López Sández é tamén a autora do ensaio “Paisaxe e nación: a creación discursiva do territorio”, e recentemente, vén de publicar con Marilar Aleixandre “Movendo os marcos do patriarcado”, un estudo sobre o pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán.

Ismael Ramos (Mazaricos, 1994) é poeta e profesor no ensino secundario. O escritor mazaricán vén publicando e gañando textos poéticos dende 2012, cando levou o XVI Premio Francisco Añón. En 2015, levou o XVIII Premio Johán Carballeira por “Os fillos da fame”, a súa primeira publicación editorial, polo que tamén foi galardoado co Premio Fervenzas Literarias 2016. Co seu segundo traballo, “Lumes”, repetiu este premio no ano 2017. Xa en 2021, publicou con Xerais “Lixeiro”, un texto publicado en castelán por La Bella Varsovia. Ademais, Ramos é columnista habitual na edición galega de eldiario.es.

Armando Requeixo (Mondoñedo, 1971) é crítico literario, investigador do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e docente na Universidade de Santiago de Compostela. Ensaísta e tradutor, Requeixo é membro da sección de crítica da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, da Asociación Española de Críticos Literarios e do PEN Club Galicia. É colaborador habitual en varios medios de comunicación, e desde o 2011 mantén o blogue Criticalia, onde publica críticas das novidades editoriais ao tempo que achega reflexións sobre diversas cuestións vinculadas coa literatura galega.

Cartaz do XIX Certame Literario de Ames

Multimedia

  • Cartaz do XIX Certame Literario de Ames