Actualidade

Ex., 10-08-2026
Ex., 10-08-2026
Mércores, 17 de xuño de 2026
O Concello realiza unha recepción ao IES do Milladoiro como gañador do Club de Debate Alingua 2026

O salón de Plenos da Casa do Concello acolleu un acto de recepción e recoñecemento ao alumnado e profesorado do IES do Milladoiro que vén de gañar a final do Club de Debate Alingua 2026, celebrada no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns o pasado sábado 25 de abril. A través de dito recibimento púxose en valor o enxeño e capacidade de argumentación da mocidade, así como o seu desenvolvemento das destrezas orais en contextos formais e informais.

Martes, 16 de xuño de 2026
Arredor de 60 persoas participaron na andaina teatralizada polo Mar de Ovellas

O Concello de Ames, a través dos departamentos de Turismo e Normalización Lingüística, organizou un ano máis esta ruta polo Mar de Ovellas, incluída na programación de Rosalía 2026. Deste xeito, 55 persoas participaron o pasado domingo, 7 de xuño, nesta andaina teatralizada polo grupo Os Quinquilláns e pola regueifeira Lupe Blanco. A ruta partiu de Augapesada e rematou no local social de Trasmonte cunha pequena festa con música e degustación de petiscos. 

Sábado, 13 de xuño de 2026
A Casa da Cultura do Milladoiro acolle o acto de entrega de premios do XXIII Certame Literario Concello de Ames

Hoxe sábado, 13 de xuño, celebrouse no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro a gala de entrega de premios do XXIII Certame Literario Concello de Ames, un acto literario-musical no que participaron 16 dos 18 gañadores nas modalidades de poesía e de narrativa. O evento estivo presentado pola xornalista de Ames Radio, Belén Martínez. Da parte musical encargouse o alumnado da Escola Municipal de Música de Ames. Participaron máis de 20 alumnos e alumnas da modalidade de música e movemento e do combo sax-project. Todos os textos premiados publicaranse nun libro colectivo que verá a luz no vindeiro mes de abril.

Mércores, 10 de xuño de 2026
O Certame Literario do Concello de Ames xa ten textos premiados na súa XXIII edición

A Concellaría de Normalización Lingüística acaba de publicar a listaxe de persoas gañadoras da vixésimo terceira edición do Certame Literario de Ames. Na edición deste ano, recibíronse un total de 186 traballos, e foi na categoría de narrativa para maiores de 18 anos na que houbo un maior número de participantes, con 65 obras recibidas. As persoas encargadas de xulgar os textos desta edición foron: Manuel Portas Fernández, Carlos Negro Romero e Dolores Vilavedra Fernández; as tres pertencentes ao ámbito literario e referentes na creación literaria galega actual. O acto de entrega de premios estará presentado por Belén Martínez, xornalista de Ames Radio, e terá lugar este sábado, 13 de xuño, ás 12:30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Pódese descargar a acta completa do xurado na seguinte ligazón.

Luns, 08 de xuño de 2026
Centos de persoas ateigaron o Pazo da Peregrina na VII Festa do Apego

O pasado sábado, 6 de xuño, o Pazo da Peregrina acolleu a sétima edición da Festa do Apego, unha xornada na que as familias e crianzas puideron gozar de diferentes propostas culturais, actividades, xogos e obradoiros para favorecer deste xeito á transmisión da lingua e unha crianza positiva, creativa e en galego. Pódese acceder á galería completa da festa do Apego nesta ligazón.

Xoves, 04 de xuño de 2026
Xa está aberto o prazo de inscrición para o concerto dos Jalochos do vindeiro sábado 13 de xuño

O programa Apego rematará o seu programa de actividades do primeiro semestre de 2026 co concerto “A Landra viaxeira e o amigo Lambón” do grupo Os Jalochos, que se vai desenvolver na Casa da Cultura do Milladoiro, o sábado 13 de xuño, ás 18:00 horas. As persoas interesadas en anotarse poden facelo enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal desde hoxe e ata o venres 11 de xuño, no que se indique o nome da actividade, nome e apelidos das persoas asistentes, idade dos nenos/as e un número de teléfono de contacto. A programación do Apego para o primeiro semestre do 2026 pode consultarse premendo nesta ligazón

Xoves, 28 de maio de 2026
Ames presenta a VII Festa do Apego, unha xornada chea de actividades e recursos para favorecer unha crianza positiva, creativa e en galego

O Concello de Ames, a través do departamento de Normalización Lingüística, presentou esta mañá a VII Festa do Apego, unha xornada aberta e chea de espectáculos, actividades e recursos lúdico-educativos para favorecer unha crianza positiva, creativa e en galego, que se celebrará o vindeiro sábado, 6 de xuño, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Un espazo de encontro para familias, e tamén para docentes e outras persoas interesadas, no que o apego polo noso é protagonista.

Xoves, 21 de maio de 2026
Aberto o prazo de inscrición para o espectáculo teatral “Tilintilonia”, enmarcado no programa Apego

O proxecto Apego continúa o seu programa de actividades durante o mes de maio co espectáculo teatral “Tilintilonia”, que se vai desenvolver na Casa da Cultura do Milladoiro, o venres 29 de maio, ás 18:00 horas. As persoas interesadas en anotarse poden facelo enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal desde hoxe e ata o xoves 28 de maio, no que se indique o nome da actividade, nome e apelidos das persoas asistentes, idade dos nenos/as e un número de teléfono de contacto. A programación do Apego para o primeiro semestre do 2026 pode consultarse premendo nesta ligazón.

Sábado, 16 de maio de 2026
Manuel Portas Fernández, Carlos Negro Romero e Dolores Vilavedra Fernández forman o xurado do XXIII Certame Literario de Ames

O Concello de Ames, a través do departamento de Normalización Lingüística, publica as cifras de participación e os nomes das persoas que integran o xurado da vixésima terceira edición do Certame Literario Concello de Ames. Nesta ocasión, presentáronse 186 traballos, case trinta máis que na edición anterior. As persoas encargadas de xulgar os textos desta edición serán Manuel Portas Fernández, Carlos Negro Romero e Dolores Vilavedra Fernández; as tres pertencentes ao ámbito literario e referentes na creación literaria galega actual. Preme nesta ligazón para consultar a listaxe de traballos presentados ao XXIII Certame Literario de Ames.

Mércores, 13 de maio de 2026
Xa está aberto o prazo de inscrición para a Foliada con Apego do vindeiro venres 22 de maio

O programa Apego continúa o seu programa de actividades durante o mes de maio coa actividade Foliada con Apego, que se vai desenvolver no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, o venres 22 de maio, ás 18:00 horas coas cantareiras e pandeireteiras María e Carme da Pontragha. As persoas interesadas en anotarse poden facelo enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal desde hoxe e ata o xoves 21 de maio, no que se indique o nome da actividade, nome e apelidos das persoas asistentes, idade dos nenos/as e un número de teléfono de contacto. A programación do Apego para o primeiro semestre do 2026 pode consultarse premendo nesta ligazón.