Pestanas principais

Departamento de Normalización Lingüística

    • Enderezo: Pazo da Peregrina. Avenida de Azcárraga, nº 5, Bertamiráns. 15220 Ames.
    • Teléfono:  662 37 72 15
    • Horario de atención ao público: de 9:00 - 14:00 h
    • Responsable municipal: Concellaría de Normalización Lingüística
    • Responsable técnico: Rosa Moreiras Cuñarro, técnica de normalización lingüística
    • Obxectivo principal do servizo:
      • Incrementar o uso e o prestixio da lingua galega en todos os ámbitos municipais
Outros Datos: 
  • Funcións:
    • Asesorar e colaborar coa planificación lingüística do Concello de Ames
    • Promover actuacións para aumentar o uso do galego no ámbito municipal, de acordo coa normativa vixente, e entre a veciñanza
    • Contribuír á formación lingüística da veciñanza e do persoal municipal
    • Mellorar a calidade lingüística e comunicativa do Concello de Ames
    • Informar e asesorar sobre dereitos lingüísticos da veciñanza e deberes lingüísticos municipais
    • Asesorar sobre cuestións lingüísticas á veciñanza e ao persoal municipal

Novas do departamento

O programa Apego continúa o seu programa de actividades co obradoiro “Música e Rosalía”, de Leticia Falcón, que se vai desenvolver na Casa da Cultura do Milladoiro o xoves 22 de febreiro, ás 18:00 horas. Os/as interesados/as en anotarse poden facelo enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal desde hoxe e ata o 21 de febreiro, no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, idade dos nenos/as e un número de teléfono de contacto. A programación do Apego para o primeiro semestre do 2024 pode consultarse premendo nesta ligazón.

Orballo, aperta, bolboreta, tartaruga, folerpa, ovo e agarimo son algunhas das verbas galegas que salientan como “preferidas” as mulleres que este ano participaron no Obradoiro de Acollemento Lingüístico “En galego co teu acento”. O obradoiro, organizado pola concellaría de Normalización Lingüística en colaboración coa Oficina de Atención ao Migrante, vén de ser clausurado coa presenza das concelleiras de Normalización e Igualdade. Este ano participaron 15 mulleres de 6 nacionalidades.

A cuarta edición dos Premios Youtubeir@s, organizados polos servizos de normalización lingüística de dez concellos, das tres universidades e da Deputación da Coruña, recibiron xa dende que se abriu o prazo de inscrición o pasado maio un total de 300 vídeos e 50 canles que competirán nas doce categorías nas que se dividen os galardóns. Así, a participación  superou xa as cifras rexistradas na edición de 2019, ano no que concorreron ao certame 240 vídeos e 31 canles. Dende a organización dos Premios Youtubeir@s, agárdase que estes números aumenten nas últimas semanas de prazo, tendencia que se vén repetindo dende a posta en marcha desta iniciativa. O prazo de inscrición finalizará o vindeiro  23 de outubro de 2020 ás 23.59 h.

O Proxecto Youtubeir@s está organizado polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, A Baña, Carballo, Cedeira, A Coruña, O Grove, Moaña, Ourense, Ribadeo, Pontevedra, Rianxo, Santiago e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña. Este programa ten o obxectivo de fomentar a creación de contidos na Rede na nosa lingua.  Youtubeir@s encara neste outono o treito final desta terceira edición. Así, até o vindeiro 27 de setembro permanecerá aberto o prazo de inscrición para que todas as persoas creadoras de contidos en Youtube na nosa lingua poidan competir nos Premios Youtubeir@s, que neste 2019 repartirán  6.500 euros nas diferentes categorías en que se divide o certame.

A través do programa Apego, Cé Orquestra Pantasma volve a Ames coas xornadas “Brincadeiras Miudiñas”, nas que un inquedo xogueteiro irá guiando aos nenos e nenas no mundo dos xogos e os xoguetes miudiños a través de rimas, música, baile e manualidades. Así, o xogueteiro estará os días 28 de agosto e 4 de setembro no Milladoiro e os días 29 de agosto e 5 de setembro en Bertamiráns, en horario de 18.00 a 20.00 horas. Este é o segundo ano consecutivo que se realiza esta actividade durante a época estival no concello de Ames.

O programa Apego amesán arrinca o mes de novembro cun contacontos musical “terrorífico” para celebrar o Samaín cos máis cativos. “Historias con susto para durmir a gusto” é un número repleto de música, historias e algún susto para achegar ás crianzas ao conto tradicional, presentado por Vero Rilo e Sonsoles Penadique. O espectáculo, pensado para familias con crianzas a partir dos 5 anos, terá lugar o venres 4 de novembro ás 19:00 horas, no xardín do Pazo da Peregrina de Bertamiráns (ou, en caso de que chova, no interior). Para participar é preciso inscribirse, dende hoxe ata o 3 de novembro, enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que se indique o nome e apelidos dos asistentes, un teléfono de contacto e a idade dos nenos.

Contos, música, teatro, xogos, encontros científicos e festivais de cine e de maxia, 15 actividades compoñen a programación infantil con Apego para o último cuadrimestre do ano 2021 que prepararon as concellarías de Cultura e Normalización Lingüística. A primeira delas son as Brincadeiras Miúdas, que terán lugar o 1 e o 2 de setembro. Trátase de dúas xornadas de xogos, baile e cantos ao aire libre. Esta programación pechará o 17 de decembro coa visita do Apalpador no patio do Pazo da Peregrina. Podes consultar o programa completo premendo nesta ligazón.

O Pazo da Peregrina acolle dende onte e até o día 21 de maio o Obradoiro de Acollemento Lingüístico "En galego co teu acento" que, organizado pola Concellaría de Normalización en colaboración co Servizo de Atención a Migrantes, achega a nosa lingua e a nosa cultura á veciñanza procedente de outros lugares e países. A presentación do curso acudiron a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, a de Benestar Social, Luísa Feijóo, a técnica de Normalización, Rosa Moreiras, e Antía Rei que se encargará de impartir as clases.

Dende o pasado 1 de outubro un grupo de 20 persoas está a participar no obradoiro de lingua e cultura “En galego, co teu acento!” que se desenvolve no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Trátase dunha actividade gratuíta de 30 horas de duración que se imparte de luns a venres. A través desta actividade, dirixida a persoas de fóra de Galicia, preténdese que os/as participantes adquiran nocións básicas de lingua e cultura galegas para contribuír á súa integración. Este mesmo obradoiro vaise a realizar na Casa da Cultura do Milladoiro durante o mes de novembro. Se queres participar neste obradoiro aínda quedan algunhas prazas dispoñibles.

O Concello de Ames, a través do departamento de Normalización Lingüística, organiza un ano máis os Premios Lingua e Empresa, que promoven o uso da lingua galega no ámbito empresarial local. Nesta ocasión, incrementouse en sete o número de empresas participantes con respecto á edición anterior. Deste xeito, nesta edición presentáronse 33 empresas, mentres que na edición de 2022 foron 26 entidades as que concorreron aos ditos Premios. As empresas gañadoras desta edición daranse a coñecer na Gala Lingua e Empresa que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro o xoves, 9 de novembro, ás 20.30h. Os premios están dotados de 1500 euros e unha campaña publicitaria en Ames Radio, a emisora municipal.

Eventos del departamento

"Palabras", de Baobab teatro, chega á Casa da Cultura de Bertamiráns. Trátase dun espectáculo musical con contos, ditos e enredos da tradición oral para xogar, rir e bailar. É unha viaxe a traves da música na que aprenderemos unha presada de xogos e cancións para seguir espallando a lingua de boca en boca.

O Concello de Ames conmemora dende este martes 24 de maio o vixésimo aniversario da estrea en galego da película de animación “O bosque animado”, a primeira longametraxe de animación integramente en 3D producida fóra dos Estados Unidos, e realizada pola produtora coruñesa Dygra Films. Neste senso, o martes celebrarase na Casa da Cultura do Milladoiro un coloquio sobre a creación de películas de animación para o alumnado da ESO dos IES de Ames; proxectarase o filme de balde, ás 18:00 horas, e inaugurarase unha exposición interactiva ás 20:00 horas, que permanecerá no centro sociocultural ata o 6 de xuño.

Os Bolechas chegan á Casa da Cultura do Milladoiro co espectáculo participativo "A familia dos Bolechas", que xunta divertimento e aprendizaxe. A actividade, dirixida a nenos e nenas a partir dos 3 anos, é de balde. É preciso inscribirse do 29 de setembro ao 6 de outubro, enviando un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal

Con motivo da conmemoración do Día de Rosalía, o departamento de Normalización Lingüística do Concello de Ames organiza unha viaxe literaria á Casa Rosalía de Castro, en Padrón, guiada pola experta rosaliana María López Sández. Será o sábado 4 de marzo. Haberá servizo de autobús, con saída ás 10:00 horas dende O Milladoiro e regreso ás 14:30 horas. Durante a visita faranse dúas paradas, en Ortoño e en Bastavales, dous lugares que marcaron a vida da autora. 

O Concello de Ames conmemora este 23 de febreiro o aniversario da poetisa Rosalía de Castro, cun acto de homenaxe e a inauguración do mural “As Rosalías”, un novo traballo de Yoseba Muruzábal. Será ás 18:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Alí o alumnado do IES do Milladoiro lerá un manifesto, así como varios versos e textos da figura homenaxeada, acompañados de membros da Corporación municipal e da actriz Patricia de Lorenzo. Trátase dun acto aberto a toda a veciñanza.

“Amor, que corte!” é un espectáculo para crianzas a partir de 2 anos, que une contos e música para facernos reflexionar sobre que é o amor e para que aprendamos a relacionarnos dun xeito respectuoso e gozoso, entendendo o que nos une e o que nos diferencia. A proposta da narradora Iseo A Moura terá lugar o venres 22 de abril na Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 18:00 horas. As inscricións para esta actividade de balde do programa Apego poderán realizarse do 13 ao 21 de abril, enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal.

"Brincadeiras da lingua", de Migallas Teatro, é un espectáculo para nenas e nenos dos 0 aos 6 anos, con música en directo, contos e monicreques para que aprendan sobre a literatura popular infantil galega. A proposta, parte da programación infantil con Apego, chegará á Casa da Cultura do Milladoiro o venres 11 de marzo, ás 18:00 horas. As inscricións, de balde, poderán realizarse do 3 ao 10 de marzo, enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal.

A primeira actividade da programación infantil con Apego de outono de 2022 terá lugar o luns 19 de setembro no parque do Ameneiral de Bertamiráns, e o martes 20 de setembro no parque dos Piñeiros do Milladoiro, coas “Brincadeiras miúdas” de Cé Orquestra Pantasma. Esas dúas tardes, das 18:00 ás 20:00 horas, haberá concerto participativo, baile, xogos tradicionais, materiais desestruturados para xogar libremente e un espazo para crear xoguetes con ferramentas e materiais naturais. Para participar na proposta, de balde, non cómpre inscrición, e está dirixida ás familias con nenas e nenos a partir de 2 anos.

O programa Apego de Ames arrinca o ano 2023 cunha actividade na que a cativada poderá aprender cancións, ditos e recitados para achegarse á lingua dun xeito natural e divertido, "Cantando con raíz". O taller, dirixido a familias con crianzas de entre 0 e 6 anos, desenvolverase na Casa da Cultura do Milladoiro o venres, 27 de xaneiro, ás 18:00 horas. Para participar cómpre inscribirse, ata o xoves 26, enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, teléfono de contacto e idade das nenas e nenos.

Peter Punk e Brais das Hortas pechan o abril do Apego de Ames cun concerto punk infantil, no que dous cantantes de xéneros tan aparentemente distantes como a música infantil e o punk comparten escenario e crean un espectáculo musical e de clown divertido e participativo. Será o xoves 28 de abril na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 18:00 horas. As inscricións para o concerto, de balde e dirixido ao público infantil e familiar, poderán realizarse do 20 ao 27 de abril, enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal.