Pestanas principais

Departamento de Normalización Lingüística

    • Enderezo: Pazo da Peregrina. Avenida de Azcárraga, nº 5, Bertamiráns. 15220 Ames.
    • Teléfono:  662 37 72 15
    • Horario de atención ao público: de 9:00 - 14:00 h
    • Responsable municipal: Concellaría de Normalización Lingüística
    • Responsable técnica: Rosa Moreiras Cuñarro, técnica de normalización lingüística
    • Obxectivo principal do servizo:
      • Incrementar o uso e o prestixio da lingua galega en todos os ámbitos municipais.

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames recibe unha subvención anual para gastos de persoal da Deputación da Coruña e outra da Xunta de Galicia.

Outros Datos: 
  • Funcións:
    • Asesorar e colaborar coa planificación lingüística do Concello de Ames
    • Promover actuacións para aumentar o uso do galego no ámbito municipal, de acordo coa normativa vixente, e entre a veciñanza
    • Contribuír á formación lingüística da veciñanza e do persoal municipal
    • Mellorar a calidade lingüística e comunicativa do Concello de Ames
    • Informar e asesorar sobre dereitos lingüísticos da veciñanza e deberes lingüísticos municipais
    • Asesorar sobre cuestións lingüísticas á veciñanza e ao persoal municipal

Novas do departamento

Ao longo do mes de xuño, o equipo do proxecto Youtubeir@s organiza dous grandes encontros de intercambio entre persoas xeradoras de contidos dixitais no Youtube, co obxectivo de motivar a súa vinculación e de crear redes conxuntas de traballo. O primeiro deles terá lugar o 8 de xuño na Coruña e o segundo será en Santiago o venres 28. Youtubeir@s está organizado polos servizos de normalización lingüística de trece concellos galegos, as universidades de Santiago, A Coruña e Vigo, e a Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación de contidos na Rede na nosa lingua. Esta iniciativa chega este ano á súa terceira edición baixo o lema Conéctate á comunidade e multiplícate, co que busca non só aumentar o número e a calidade de vídeos e persoas creadoras en galego, senón tamén fortalecer as conexións e as interrelacións da comunidade youtubeira.

O concerto “Un soño é...” de Uxía Lambona e a Banda Molona, que pecha a programación Apego deste semestre e serve tamén de clausura do programa Modo Galego, Actívao, realizarase en exterior, na praza de Chavián de Bertamiráns, este sábado 17 de xuño, ás 19.00 horas. Isto permite ampliar o aforo e que todas aquelas familias que queiran poidan asistir libremente. A entrada será libre e gratuíta. Dende o departamento de Normalización Lingüística indican que unhas 700 persoas solicitaron poder asistir a dito concerto, polo que se agarda que máis dun milleiro de persoas acudan a ver o espectáculo de Uxía Lambona e a Banda Molona. 

Este luns, 17 de novembro, o auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolleu a estrea de “Promover o galego dende o local”, un documental sobre varios programas de dinamización lingüística. A peza audiovisual, producida por Nós Televisión e financiada polo Concello de Ames, pon en valor as iniciativas que se levan desenvolvendo estes últimos anos en Ames para impulsar e promover o uso do galego en amplos ámbitos a través de proxectos como o Galetiktokers, Modo Galego, actívao!, os Premios Lingua e Empresa ou o Certame Literario.

No marco do Día de Rosalía de Castro, o Concello de Ames, mediante o departamento de Normalización Lingüística, organizou o pasado sábado, 21 de febreiro, a xa habitual excursión literaria “Viaxando con Rosalía”, unha ruta polas localizacións de referencia da vida e obra de Rosalía de Castro. O itinerario, no que participaron cincuenta persoas, foi conducido pola experta rosaliana María López Sández, e rematou na Casa-Museo da escritora, en Padrón. A programación completa das actividades do Día de Rosalía pódense consultar na seguinte ligazón.

É unha impresión repetida. Nas últimas semanas, escoitouse falar polas rúas de Ames máis galego entre a rapazada. Preto de 3.000 nenos e nenas de sete centros educativos que cursan o segundo ciclo de infantil e primaria participaron na experiencia de 21 días de compromiso lingüístico promovida pola Real Academia Galega e o Concello de Ames no marco do programa Modo galego, actívao!, que ao longo deste curso traballará distintos aspectos nos contextos de socialización infantil. O Seminario de Sociolingüística da RAG ten agora por diante outro labor fundamental, analizar en profundidade os resultados da proposta que consistiu en animar os cativos e cativas a se expresar en galego dentro e fóra das aulas, contando coa implicación do profesorado e o monitorado das actividades complementarias de xestión municipal, e apelando tamén á complicidade das familias. A avaliación farase con distintas ferramentas que sirvan para tirar conclusións útiles, para o Concello de Ames e para calquera outro que queira replicar o proxecto. Pero á espera dese diagnóstico científico, as primeiras impresións por todas as partes implicadas son moi positivas.

O proxecto “Modo galego, actívao!”, unha experiencia de inmersión lingüística na que participan preto de 2.000 alumnos amesáns dos centros educativos de infantil e primaria, continúa coa posta en marcha do reto da inmersión lingüística, no que se propuxo aos nenos e nenas a empregar o galego polo menos durante tres semanas en todos os ámbitos da vida. Os principais obxectivos son a promoción e apoio do uso do galego na socialización da infancia, así como a asociación da lingua galega a actividades de lecer.

Este sábado, 3 de xuño, celebrarase na Casa da Cultura de Bertamiráns a final do Club de Debate 2023, no que participan grupos de distintos centros educativos de Galicia. Nesta última fase competirán seis equipos formados por rapaces e rapazas de 3º e 4º da ESO, 1º de Bacharelato e ciclos formativos, dos concellos de Dodro, Negreira, Santa Comba, Ferrol, e tamén Ames, que chega á final representado por “Xente que fala”, do IES do Milladoiro, e por “Ames a palabra” do IES de Ames. O tema de debate será “A mocidade renuncia ao galego?”. 

O venres 23 de maio o CEIP A Maía celebrou as Letras Galegas 2025 cunha foliada participativa amenizada polos diferentes grupos das escolas tradicionais de Bugallido, tanto de nenos e nenas como de persoas adultas. Ademais destes grupos convidados, as mestras cantareiras do CEIP A Maía tocaron e cantaron varias pezas e o alumnado do centro acompañounas cantando e bailando. O Servizo de Normalización Lingüística municipal colaborou con esta actividade integrada no marco das actuacións do programa Modo Galego Actívao! que se lle ofreceron aos centros educativos de infantil e primaria.

O vindeiro venres, 28 de febreiro, a Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá, a partir das 20:00 horas, unha homenaxe poética e musical a Rosalía de Castro. O acto central da conmemoración do Día de Rosalía, cuxa entrada será libre e gratuíta ata completar aforo, contará con lecturas, dramatizacións, videocreacións e coa actuación musical de MJ Pérez. No acto participarán o alumnado dos centros escolares de Ames e representantes do ámbito cultural e asociativo. As persoas asistentes recibirán un agasallo.

Mañá, venres 28 de febreiro, a Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá, ás 20.00 horas, unha homenaxe poética e musical a Rosalía de Castro. O acto central da conmemoración do Día de Rosalía, cuxa entrada será libre e gratuíta ata completar aforo, contará con lecturas, dramatizacións, videocreacións e coa actuación musical de MJ Pérez. No acto participarán o alumnado dos centros escolares de Ames e representantes do ámbito cultural e asociativo. As persoas asistentes recibirán un agasallo.

Eventos del departamento

Dende o 9 ata o 16 de decembro está aberto o prazo para inscribirse na visita do Apalpador ao concello de Ames, acompañado dos contos e cantos do narrador Anxo Moure. O evento terá lugar no patio do Pazo da Peregrina de Bertamiráns, o venres 17 de decembro, cunha primeira sesión programada para as 17:00 horas. As persoas interesadas en asistir ao encontro poden anotarse enviando un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, no que indiquen nome e apelidos, teléfono de contacto e idade das crianzas que as acompañen. A medida que se vaian completando as prazas, habilitaranse máis sesións para que todas as familias poidan participar.

O Apalpador volve un ano máis a Ames cargado de contos e cantos, e cun agasallo máxico nacido na Serra do Courel para todas e cada unha das crianzas que o veñan ver. Tamén recollerá as cartas que as nenas e os nenos lle queiran deixar. A visita terá lugar o venres 16 de decembro ás 18:00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Para participar, cómpre inscribirse do 7 ao 15 de decembro, enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal, no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, teléfono de contacto e idade das nenas e nenos.

O departamento de Normalización Lingüística de Ames, dentro do programa Apego, prepara para o mes de abril unha nova actividade. Trátase dunha excursión ao Ecomuseo do Pazo de Arxeriz, no Cabo do Mundo, e a Carballolandia, un ecoparque situado no concello de Chantada, na Ribeira Sacra, á beira do río Miño. Será o sábado 15 de abril, e ofrecerase servizo de autobús con saída ás 9:30 e regreso ás 21:00 horas ao Pazo da Peregrina de Bertamiráns. As inscricións para participar na actividade, que está dirixida ao público familiar, son de balde. Hai prazas limitadas, polo que é preciso inscribirse, ata o xoves 13 de abril, enviando un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, teléfono de contacto e idade das crianzas.

A programación do Apego de Ames continúa en outubro cunha nova actuación de Pakolas, que preestrea o seu novo disco cun concerto cheo de humor para aprender, cantar e gozar a ritmo roqueiro. A proposta, dirixida ao público familiar, terá lugar o venres 28 de outubro ás 18:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Para participar, cómpre inscribirse do 20 ao 27 de outubro, enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal, no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, teléfono de contacto e idade das nenas e nenos.

O Apego de Ames prepara unha nova edición da súa foliada, unha actividade chea de música para compartir, cantar, bailar, aprender cancións galegas e pasalo ben. Será o venres 20 de maio no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, a partir das 18:00 horas. As inscricións para a actividade, de balde e dirixida ao público familiar, poderán realizarse do 12 ao 19 de maio, enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal.

O programa Apego de Ames arrinca novembro cunha proposta especial polo Samaín. Vero Rilo e Sonsoles Penadique conducirán unha sesión de narrativa oral para achegarnos ao conto tradicional con relatos, música, historias con amor e desgusto, sustos e só algo de medo. A proposta, dirixida a familias con crianzas a partir de 5 anos, terá lugar o venres 4 de novembro ás 19:00 horas, no xardín do Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Para participar, cómpre inscribirse do 25 de outubro ao 3 de novembro, enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal, no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, teléfono de contacto e idade das nenas e nenos.

Continúa o programa Apego de Ames en setembro co espectáculo musical “O poder da Superlingua”, do grupo A Gramola Gominola. Trátase dunha proposta na que a lingua se converte nunha superheroína, coa que poder cantar, ler, bailar, investigar, xogar ou amar. Será o vindeiro venres 23 de setembro, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Para asistir ao concerto, de balde e dirixido ao público familiar, cómpre inscribirse do 15 ao 22 de setembro, enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal, no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, teléfono de contacto e idade das crianzas.

A compañía Migallas Teatro pecha o setembro do programa Apego amesán con “Orella pendella”, un obradoiro para familias con música en directo no que aprender ditos infantís, xogos, contos, recitados e cancións de sempre para interactuar coas crianzas, revitalizar o uso da lingua, e estimular a súa capacidade cognitiva e comunicativa. A actividade, dirixida as familias con nenas e nenos de 0 a 6 anos, terá lugar o venres 30 de setembro na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 18:00 horas. Para participar, cómpre inscribirse do 22 ao 29 de setembro, enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal, no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, teléfono de contacto e idade das crianzas.

O Apego de Ames continúa en novembro con “Quen canta Alí”, de Lydia Botana “Bolboreta” e Fabaloba, unha proposta con contos e cancións apoiadas por ilustracións nun “Kamishibai” (“teatro de papel” en xaponés). A actividade, dirixida a familias con crianzas a partir de 3 anos, terá lugar o venres 18 de novembro ás 18:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Para participar, cómpre inscribirse do 10 ao 17 de novembro, enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal, no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, teléfono de contacto e idade das nenas e nenos.

Lydia Botana “Bolboreta” e Fabaloba volven ao Apego de Ames con “Un bico para Alí”, unha sesión de contos e cancións que nos achegarán á historia de Antón, un neno con diversidade funcional por mor dun vento triste que lle levou a fala. Estrañada polo comportamento do seu novo compañeiro, Alí intentará axudalo a comunicarse botando man de contos, xogos, cancións e outros moitos recursos. A actividade, dirixida a familias con crianzas a partir de 3 anos, terá lugar o xoves 24 de novembro ás 18:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Para participar, cómpre inscribirse do 16 ao 23 de novembro, enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal, no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, teléfono de contacto e idade das nenas e nenos.