- Tematica
No marco do Día de Rosalía de Castro, o Concello de Ames, mediante o departamento de Normalización Lingüística, organizou o pasado sábado, 21 de febreiro, a xa habitual excursión literaria “Viaxando con Rosalía”, unha ruta polas localizacións de referencia da vida e obra de Rosalía de Castro. O itinerario, no que participaron cincuenta persoas, foi conducido pola experta rosaliana María López Sández, e rematou na Casa-Museo da escritora, en Padrón. A programación completa das actividades do Día de Rosalía pódense consultar na seguinte ligazón.
Como xa vén sendo habitual no mes de febreiro, en conmemoración do Día de Rosalía de Castro, o Concello de Ames organizou unha nova edición da excursión literaria “Viaxando con Rosalía”, a cal forma parte dunha ampla programación que busca poñer en valor e revitalizar a figura da autora dende unha óptica feminista e comprometida co idioma.
Dita excursión percorreu os lugares de referencia na vida e obra da autora dende Ames ata a Casa da Matanza, en Padrón. Deste xeito, e guiados pola experta rosaliana María López Sández, os cincuenta participantes na actividade arrancaron dende O Milladoiro e Bertamiráns, e foron recibindo información de relevancia no autobús.
Xustamente en Ames foi a primeira parada da visita, na casa da familia paterna de Rosalía, situada na Tarroeira, e onde ademais tivo lugar o acto fundacional do Seminario de Estudos Galegos no ano 1293. Seguidamente, o grupo fixo parada en Bastavales, no concello de Brión, onde se atopa a igrexa cuxas campás protagonizaron un dos versos con máis sona da autora. As persoas asistentes tiveron a oportunidade de entrar ao templo, de escoitar o son de ditas campás e de subir ao campanario.
O itinerario rematou na Casa-Museo Rosalía de Castro, en Padrón. Os asistentes puideron gozar dun percorrido guiado por María López Sández, a través de todas as salas e cuartos dun espazo, a Casa da Matanza, que foi a residencia de Rosalía nos seus últimos anos de vida, ata falecer no 1885. Un lugar que dá un contexto moi enriquecedor á hora de comprender a obra da escritora.
Caldo de Gloria
A diferenza doutras edicións, este ano fíxose unha parada para degustar o Caldo de Gloria. Esta novidade vén dada pola iniciativa da Fundación Rosalía de Castro, co obxectivo de conmemorar o poema “Miña casiña, meu lar”, de Follas novas, no que unha muller pobre conta un capítulo da súa épica diaria: a de sobrevivir. Co gallo de homenaxear a Rosalía, centos de locais hostaleiros, centros educativos públicos, centros de día e empresas ofreceron pratos de caldo con manteis especiais de papel co poema inserido durante os días previos ao Día de Rosalía ata o propio día.
Novas relacionadas
Diario de Santiago: "A excursión literaria “Viaxando con Rosalía” rexistra un novo éxito de participación con 50 persoas"

















