Pestanas principais

A Gala de Rosalía de Castro contará coa música de MJ Pérez e con lecturas, dramatizacións e videocreacións

Sábado, 22 de febreiro de 2020

O vindeiro venres, 28 de febreiro, a Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá, a partir das 20:00 horas, unha homenaxe poética e musical a Rosalía de Castro. O acto central da conmemoración do Día de Rosalía, cuxa entrada será libre e gratuíta ata completar aforo, contará con lecturas, dramatizacións, videocreacións e coa actuación musical de MJ Pérez. No acto participarán o alumnado dos centros escolares de Ames e representantes do ámbito cultural e asociativo. As persoas asistentes recibirán un agasallo.

O próximo venres, 28 de febreiro, o auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá, ás 20:00 horas, a gala homenaxe a Rosalía de Castro, que contará con recitados de poesía, dramatizacións, videocreacións e actuacións musicais. A entrada será libre e gratuíta e todas as persoas asistentes recibirán un agasallo. O acto estará conducido pola xornalista de Ames Radio, Nazaret López. Para a organización deste evento cóntase coa colaboración dos equipos de dinamización e normalización lingüística dos centros de ensino de Ames.

Este ano ademais dos centros educativos está confirmada a presenza de María López Sández, veciña de ames, escritora e especialista rosaliana e Daniel Asorey, autor do manifesto da Asociación de escritores en lingua galega.

Tamén participarán no evento o actor e veciño de Ames, Federico Pérez, representantes do club amesán FC Meigas, a profesora do CEP de Ventín, Mara Barral, e mailo alumnado do obradoiro de lingua e cultura organizado polo Concello de Ames.

Por outra banda, contarase coa presenza da cantautora MJ Pérez, unha das novas e máis potentes voces do panorama actual da música galega. MJ Pérez inicia o seu percorrido en 2014 e acumula centos de concertos por diferentes cidades e vilas galegas e tamén Portugal. Suma xa tres discos: un auto-editado (Ollos que non ven, síntoma de cegueira) e dous auto-producidos (Guerrilleira e Casandra), e estivo presente tanto en festivais coma nos principais circuítos musicais de Galicia. Nuns días presentará o seu último disco A luz prendida. A música de MJ Pérez bebe da esencia da canción de autor, unha fusión de diversos estilos musicais co predominio do rock-pop. A palabra e a mensaxe dos temas cobra especial protagonismo xunto coa voz de MJ, cargada de personalidade. En febreiro de 2019, MJ fixo viral o seu tema Malaxente, unha particular versión do poema Castellanos de Castilla premiada na última edición dos premios Youtubeir@s.

A concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, anima a toda a veciñanza a participar no acto poético-musical que este ano terá lugar o día 28 de febreiro, ás 20:00 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Ademais, destaca “ que o obxectivo principal das actividades programadas polo Día de Rosalía é difundir a obra e o pensamento rosaliano, ao tempo que se pon en valor a lingua galega e se resalta a vixencia e a actualidade de Rosalía de Castro. Neste acto combinarase a música con lecturas, dramatizacións e videocreacións.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Sández, Asorey e MJ Pérez na gala tributo amesá a Rosalía de Castro"

Cartel Gala de Rosalía

Multimedia

  • Cartel Gala de Rosalía