Pestanas principais

Departamento de Normalización Lingüística

    • Enderezo: Pazo da Peregrina. Avenida de Azcárraga, nº 5, Bertamiráns. 15220 Ames.
    • Teléfono:  662 37 72 15
    • Horario de atención ao público: de 9:00 - 14:00 h
    • Responsable municipal: Concellaría de Normalización Lingüística
    • Responsable técnico: Rosa Moreiras Cuñarro, técnica de normalización lingüística
    • Obxectivo principal do servizo:
      • Incrementar o uso e o prestixio da lingua galega en todos os ámbitos municipais
Outros Datos: 
  • Funcións:
    • Asesorar e colaborar coa planificación lingüística do Concello de Ames
    • Promover actuacións para aumentar o uso do galego no ámbito municipal, de acordo coa normativa vixente, e entre a veciñanza
    • Contribuír á formación lingüística da veciñanza e do persoal municipal
    • Mellorar a calidade lingüística e comunicativa do Concello de Ames
    • Informar e asesorar sobre dereitos lingüísticos da veciñanza e deberes lingüísticos municipais
    • Asesorar sobre cuestións lingüísticas á veciñanza e ao persoal municipal

Novas do departamento

Ao longo do mes de xuño, o equipo do proxecto Youtubeir@s organiza dous grandes encontros de intercambio entre persoas xeradoras de contidos dixitais no Youtube, co obxectivo de motivar a súa vinculación e de crear redes conxuntas de traballo. O primeiro deles terá lugar o 8 de xuño na Coruña e o segundo será en Santiago o venres 28. Youtubeir@s está organizado polos servizos de normalización lingüística de trece concellos galegos, as universidades de Santiago, A Coruña e Vigo, e a Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación de contidos na Rede na nosa lingua. Esta iniciativa chega este ano á súa terceira edición baixo o lema Conéctate á comunidade e multiplícate, co que busca non só aumentar o número e a calidade de vídeos e persoas creadoras en galego, senón tamén fortalecer as conexións e as interrelacións da comunidade youtubeira.

O concerto “Un soño é...” de Uxía Lambona e a Banda Molona, que pecha a programación Apego deste semestre e serve tamén de clausura do programa Modo Galego, Actívao, realizarase en exterior, na praza de Chavián de Bertamiráns, este sábado 17 de xuño, ás 19.00 horas. Isto permite ampliar o aforo e que todas aquelas familias que queiran poidan asistir libremente. A entrada será libre e gratuíta. Dende o departamento de Normalización Lingüística indican que unhas 700 persoas solicitaron poder asistir a dito concerto, polo que se agarda que máis dun milleiro de persoas acudan a ver o espectáculo de Uxía Lambona e a Banda Molona. 

É unha impresión repetida. Nas últimas semanas, escoitouse falar polas rúas de Ames máis galego entre a rapazada. Preto de 3.000 nenos e nenas de sete centros educativos que cursan o segundo ciclo de infantil e primaria participaron na experiencia de 21 días de compromiso lingüístico promovida pola Real Academia Galega e o Concello de Ames no marco do programa Modo galego, actívao!, que ao longo deste curso traballará distintos aspectos nos contextos de socialización infantil. O Seminario de Sociolingüística da RAG ten agora por diante outro labor fundamental, analizar en profundidade os resultados da proposta que consistiu en animar os cativos e cativas a se expresar en galego dentro e fóra das aulas, contando coa implicación do profesorado e o monitorado das actividades complementarias de xestión municipal, e apelando tamén á complicidade das familias. A avaliación farase con distintas ferramentas que sirvan para tirar conclusións útiles, para o Concello de Ames e para calquera outro que queira replicar o proxecto. Pero á espera dese diagnóstico científico, as primeiras impresións por todas as partes implicadas son moi positivas.

Este sábado, 3 de xuño, celebrarase na Casa da Cultura de Bertamiráns a final do Club de Debate 2023, no que participan grupos de distintos centros educativos de Galicia. Nesta última fase competirán seis equipos formados por rapaces e rapazas de 3º e 4º da ESO, 1º de Bacharelato e ciclos formativos, dos concellos de Dodro, Negreira, Santa Comba, Ferrol, e tamén Ames, que chega á final representado por “Xente que fala”, do IES do Milladoiro, e por “Ames a palabra” do IES de Ames. O tema de debate será “A mocidade renuncia ao galego?”. 

O vindeiro venres, 28 de febreiro, a Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá, a partir das 20:00 horas, unha homenaxe poética e musical a Rosalía de Castro. O acto central da conmemoración do Día de Rosalía, cuxa entrada será libre e gratuíta ata completar aforo, contará con lecturas, dramatizacións, videocreacións e coa actuación musical de MJ Pérez. No acto participarán o alumnado dos centros escolares de Ames e representantes do ámbito cultural e asociativo. As persoas asistentes recibirán un agasallo.

Mañá, venres 28 de febreiro, a Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá, ás 20.00 horas, unha homenaxe poética e musical a Rosalía de Castro. O acto central da conmemoración do Día de Rosalía, cuxa entrada será libre e gratuíta ata completar aforo, contará con lecturas, dramatizacións, videocreacións e coa actuación musical de MJ Pérez. No acto participarán o alumnado dos centros escolares de Ames e representantes do ámbito cultural e asociativo. As persoas asistentes recibirán un agasallo.

O tempo obrigou a trasladar toda a programación ao interior da Casa da Cultura de Bertamiráns pero nin a choiva nin a pandemia foron quen de deslucir a II Festa do Apego. O evento organizado polo departamento de Normalización Lingüística do Concello de Ames contou con danza, música, teatro, xogos, moito galego e, sobre todo, moito apego.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Normalización Lingüística, organiza a terceira Festa do Apego de Ames, que se celebrará o sábado 18 de xuño. As actividades programas inicialmente para o Pazo da Peregrina mudan á Casa da Cultura de Bertamiráns e á praza de Chavián por mor da predición meteorolóxica. Haberá contos, música, xogos e moitos máis recursos para gozar coa e desde a lingua. Ademais, as librarías municipais, Lenda e Máinomen, en Bertamiráns, e Nenos Nais, no Milladoiro, ofrecerán un 10% de desconto en materiais infantís en galego durante toda a xornada. O prazo de inscrición para as actividades estará aberto ata mañá xoves 16 de xuño. As reservas realizaranse enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal indicando as actividades ás que se quere asistir, nome e apelidos das persoas solicitantes, idade das crianzas e teléfono de contacto.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Normalización Lingüística, organiza a cuarta Festa do Apego, que terá lugar o sábado, 6 de maio, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Haberá contos, xogos, música, monicreques, obradoiros, espazos de recursos e moitas máis actividades. A entrada será libre e de balde. Á presentación do programa acudiron a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, e o persoal do Servizo de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras e Fátima Souto.

Desde o pasado domingo, os versos de Rosalía de Castro pódense ler nos farois das rúas máis transitadas do Concello de Ames. A acción responde ao programa “A luz de Rosalía”, unha intervención poética deseñada polo Servizo de Normalización Lingüística en colaboración cos equipos de Dinamización da Lingua Galega dos centros educativos de infantil e primaria do concello que, un ano máis, xuntan esforzos para celebrar o aniversario da poeta da Maía espallando o seu pensamento e a súa obra con traballos realizados pola rapazada amesá. A veciñanza poderá gozar desta exposición urbana até o día 7 de marzo. 

Eventos del departamento

Continúan as actividades do programa Apego de Ames co obradoiro sensorial “O cesto dos tesouros”, unha proposta de xogo enfocada a bebés de 6 a 18 meses para que exploren obxectos da vida cotiá. O taller, impartido por Eva Blanco, busca estimular os seus cinco sentidos e facelos avanzar na propia autonomía. A proposta terá lugar no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, o venres 25 de febreiro, e con dúas sesións: a primeira ás 17:00 horas e a segunda as 18:30 horas. A inscrición, de balde, poderá realizarse dende o 17 ata o 24 de febreiro, enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal, no que se indique nome e apelidos das persoas asistentes, teléfono de contacto, idade das crianzas e sesión escollida.

As actividades do programa Apego do último cuadrimestre continúan cunha sesión de narración oral protagonizada por Raquel Queizás e a ra Nano, coa que as crianzas poderán aprender as partes do corpo ao ritmo da música. A proposta, dirixida a familias con nenas e nenos de 1 a 4 anos, terá lugar o xoves 13 de outubro ás 18:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Para participar, cómpre inscribirse do 4 ao 11 de outubro, enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal, no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, teléfono de contacto e idade das nenas e nenos.

Dende o 2 ata o 9 de decembro está aberto o prazo para inscribirse en “Ramona Órbita”, un espectáculo musical do autor e compositor Paco Cerdeira, Pakolas. O programa Apego de Ames presenta unha proposta chea de humor, aventuras e viaxes no tempo a través da música. O concerto será na Casa da Cultura do Milladoiro o venres 10 de decembro, ás 18:00 horas. As persoas interesadas en asistir poden anotarse enviando un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, no que indiquen nome e apelidos, teléfono de contacto e idade das crianzas que as acompañen.

O programa Apego de Ames organiza o venres 10 de xuño unha saída pola súa Ruta do Apego, situada nas ribeiras do río Tambre, entre os lugares de Lens e Oca. Na xornada realizarase un percorrido guiado, así como varias actividades ambientais para estimular o coñecemento e o amor polo patrimonio ambiental, cultural e lingüístico. Será das 16:30 ás 19:30 horas, con servizo de autobuses dende o Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. As inscricións para a actividade poderán realizarse do 2 ao 9 de xuño, enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, teléfono de contacto e idade das crianzas. En caso de choiva, suspenderase a saída.

O programa Apego continúa en marzo con “Somos Xogo”, un proxecto da asociación Xandobela en torno á creación e a difusión de xogos de mesa en galego. A actividade presentará algúns dos proxectos presentados ao certame Xoga en Galego e dará pistas para que as crianzas a partir dos 4 anos creen os seus propios. O taller terá lugar no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, o venres 4 de marzo, en dúas sesións ás 17:00 e ás 18:30 horas. A inscrición, de balde, poderá realizarse dende o 24 de febreiro ao 3 de marzo, enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal.

A última das propostas do programa Apego para o mes de maio é “Tecendo fíos”, unha actividade que se desenvolverá o venres, 26 de maio, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ás 18:00 horas. Trátase dunha sesión de contos interactivos para rir, xogar, compartir e axudar á relaxación, creando espazos de divertimento e de calma. A actividade diríxese a familias con crianzas a partir de 3 anos. O prazo para anotarse está aberto dende o día 16. As persoas interesadas en participar deben enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que se indique nome, apelidos, idades dos rapaces/as e un número de teléfono de contacto. A programación do Apego para o primeiro semestre do 2023 pode consultarse premendo nesta ligazón.

A última das propostas do programa Apego para o mes de marzo é o obradoiro de arrolos "Tecendo soños", que se desenvolverá o venres 24 na Casa da Cultura do Milladoiro. Esperanza Mara será a encargada de impartir o taller, que se enfocará nos cantos da tradición oral, acompañados de estimulación musical e sensorial axeitados para nenos e nenas. Esta actividade diríxese a familias e crianzas de entre 0 e 3 anos. Participar é de balde, e para facelo é necesario inscribirse mandando un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal no que se indiquen nomes e apelidos dos asistentes e a idade dos rapaces/as que vaian, así como un número de teléfono de contacto. 

O programa Apego amesán arrinca outubro cun obradoiro de arrolos co grupo de música infantil Mamá Cabra. Nesta actividade Gloria Mosquera e Diego Maceiras interpretarán e ensinarán cantos de berce cos que adormecer, aleitar, tranquilizar e gozar da música e da lingua nos primeiros días e meses de vida. O taller, dirixido a familias con crianzas de 0 a 3 anos, desenvolverase o xoves 6 de outubro ás 18:00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Para participar, cómpre inscribirse do 28 de setembro ao 5 de outubro, enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal, no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, teléfono de contacto e idade das nenas e nenos.

O programa Apego propón, para comezar o mes de xuño, un obradoiro no que as familias poderán coñecer recursos, estratexias e ferramentas para levar a cabo un porteo seguro; así como para unha lactación satisfactoria que cree vínculos afectivos coas crianzas. Terá lugar o 2 de xuño ás 18:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. A actividade é de balde, e está dirixida a todas aqueles pais e nais que estean agardando un bebé ou que teñan crianzas de entre 0 e 2 anos. Para participar é necesario inscribirse previamente, entre o 25 de maio e o 1 e xuño, enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal

O programa Apego trae no mes de abril unha nova actividade, o obradoiro de regueifas, con Lupe Blanco e Josinho da Teixeira, que terá lugar na Casa da Cultura do Milladoiro. Trátase dunha sesión lúdica e moi divertida para crianzas a partir dos 3 anos. A iniciativa busca xogar coas palabras e ca música para achegar aos pequenos á arte de regueifar, un divertimento creativo e emocionante que busca crear vínculos de apego á lingua galega. Participar é de balde, e para facelo é necesario inscribirse (entre o 20 e o 27 de abril) mandando un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal no que se indiquen nomes e apelidos dos asistentes e a idade dos rapaces/as que vaian, así como un número de teléfono de contacto.