Pestanas principais

A final do Club de Debate 2023 será este sábado na Casa da Cultura de Bertamiráns

Xoves, 01 de xuño de 2023

Este sábado, 3 de xuño, celebrarase na Casa da Cultura de Bertamiráns a final do Club de Debate 2023, no que participan grupos de distintos centros educativos de Galicia. Nesta última fase competirán seis equipos formados por rapaces e rapazas de 3º e 4º da ESO, 1º de Bacharelato e ciclos formativos, dos concellos de Dodro, Negreira, Santa Comba, Ferrol, e tamén Ames, que chega á final representado por “Xente que fala”, do IES do Milladoiro, e por “Ames a palabra” do IES de Ames. O tema de debate será “A mocidade renuncia ao galego?”. 

A xornada comezará ás 10:15 horas, cunha dinámica de interacción entre os equipos participantes, co obxectivo de que se coñezan, interrelacionen entre eles e o nerviosismo diminúa. Os encontros entre equipos produciranse a partir das 10:50 horas. Os primeiros grupos en debater serán os “Falabaratos festeiros” (IES Terra de Xallas) e o IES de Canido. A continuación, será a quenda de “Xente que fala” (IES do Milladoiro) e “Peripatéticas” (IES Xulián Magariños). Para rematar a mañá, participarán “Ames a palabra” (IES de Ames) e o CEIP Eusebio Lorenzo Baleirón.

Durante a tarde, continuarán os debates e os equipos defenderán unha posición diferente á da mañá. Celebraranse un total de seis debates, e cada equipo deberá argumentar a favor e en contra do tema escollido para a final: “A mocidade renuncia ao galego?”. Finalmente, arredor das 18:45 horas coñecerase a decisión do xurado e realizarase a entrega de premios.

Nesta ocasión, o xurado estará formado por Carme Pereiro, técnica de normalización lingüística de Carballo; Alberto Ramos, especialista en comunicación, xornalista e escritor; Rocío Loureiro, licenciada en Filoloxía Galega e colaboradora en anteriores edicións do certame; María Estévez, investigadora María Zambrano na USC, tradutora e especialista en mediación lingüística; e María Caamaño, profesora de Ciencias da Educación da USC, especialista en expresión dramática e oralidade. Para outorgar as puntuacións, teranse en conta cuestións como a calidade e a orixinalidade dos argumentos, a capacidade de refutación e interacción co equipo contrario, a comunicación non verbal, a capacidade de oratoria e improvisación, o traballo en equipo e a calidade lingüística. O equipo que acade maior puntuación levará como premio unha viaxe en grupo dunha fin de semana.

Club de debate
O Club de Debate é un proxecto de dinamización lingüística dirixido á mocidade no que participan varios concellos galegos en colaboración cos centros de ensino secundario. Con esta iniciativa preténdese favorecer o uso do galego oral en contextos formais, como son os propios debates, e informais, tendo en conta a convivencia que se xera nas diferentes fases e espazos da actividade. Os contidos que se traballan teñen que ver, principalmente, coas habilidades comunicativas e a oratoria, mais tamén é necesario un proceso de documentación sobre os temas de debate.

Os concellos que organizan esta edición son nove: Ames, Teo, Carballo, Santa Comba, Val do Dubra, Santiago de Compostela, Ferrol, Pontevedra, Dodro e Rois. En total, participaron 140 alumnos, dirixidos por 30 docentes. Nesta edición, Ames estivo representado por 3 equipos (2 grupos do IES do Milladoiro e 1 grupo do IES de Ames). Antes de disputar a final, todos os participantes pasaron por unha fase clasificatoria na que debateron sobre o tema “Somos menos sociais coas redes sociais”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Llega la final del Club de Debate con equipos de Dodro, Negreira, Ferrol, Ames y Xallas el sábado"

Imaxe grupal do club de debate