Pestanas principais

Departamento de Normalización Lingüística

    • Enderezo: Pazo da Peregrina. Avenida de Azcárraga, nº 5, Bertamiráns. 15220 Ames.
    • Teléfono:  662 37 72 15
    • Horario de atención ao público: de 9:00 - 14:00 h
    • Responsable municipal: Concellaría de Normalización Lingüística
    • Responsable técnica: Rosa Moreiras Cuñarro, técnica de normalización lingüística
    • Obxectivo principal do servizo:
      • Incrementar o uso e o prestixio da lingua galega en todos os ámbitos municipais.

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames recibe unha subvención anual para gastos de persoal da Deputación da Coruña e outra da Xunta de Galicia.

Outros Datos: 
  • Funcións:
    • Asesorar e colaborar coa planificación lingüística do Concello de Ames
    • Promover actuacións para aumentar o uso do galego no ámbito municipal, de acordo coa normativa vixente, e entre a veciñanza
    • Contribuír á formación lingüística da veciñanza e do persoal municipal
    • Mellorar a calidade lingüística e comunicativa do Concello de Ames
    • Informar e asesorar sobre dereitos lingüísticos da veciñanza e deberes lingüísticos municipais
    • Asesorar sobre cuestións lingüísticas á veciñanza e ao persoal municipal

Novas do departamento

Desde hoxe está aberto o prazo de inscrición para o curso de Introdución á lingua e literatura galegas que convoca o Concello de Ames en colaboración coa Xunta de Galicia, dirixido a persoas procedentes doutras comunidades lingüísticas co obxectivo de impulsar o uso do galego e aproximar a veciñanza ao noso idioma, así como favorecer a cohesión e a integración social. Este curso de 20 horas impartirase no Pazo da Peregrina do 15 ao 30 de outubro de luns a xoves, con sesións de dúas horas e en horario de tarde, das 16:00h ás 18:00h. As inscricións, de balde, poden realizarse de xeito presencial acudindo ao Servizo de Normalización Lingüística, situado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, chamando por teléfono ao número 662 377 215 ou a través do enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal.

O Concello de Ames dá a coñecer hoxe, 30 de setembro, o nome das obras premiadas na décimo sétima edición do Certame Literario de narrativa e poesía. Este ano o xurado do certame estivo composto polo profesor e tradutor, Xosé Antón López Silva; polo profesor e escritor, Paulo Calvo; e pola xornalista, dramaturga e escritora, Nazaret López. Os tres viven en Ames e foron os encargados de xulgar os 65 traballos que se presentaron á XVII edición do Certame Literario de Ames. A entrega de premios será o vindeiro, 30 de outubro, ás 20.30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Listaxe cos traballos gañadores do XVII Certame literario do Concello de Ames.  

Tras unha edición de récord, na que foron impartidos máis de cen obradoiros escolares de improvisación oral, o proxecto Enreguéifate convida agora á poboación escolar e á cidadanía de toda Galicia a participar no seu certame de regueifas en vídeo, cuxo prazo de inscrición pecha este mesmo venres 6 de marzo. O certame e mailo proxecto son impulsados polos servizos de normalización lingüística de Ames, Arzúa, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo e teñen como obxectivo espertar a curiosidade pola improvisación oral en galego, sobre todo entre a mocidade, contribuíndo no proceso á boa saúde da regueifa, unha parte do noso patrimonio oral que experimentou nos últimos anos un grande crecemento en popularidade.

As entidades organizadoras do Certame Enreguéifate anuncian as regueifas gañadoras desta IV edición. En total, houbo 27 propostas participantes, das cales 11 participaron a través da categoría xeral e 16 na categoría escolar. O proxecto está promovido polos concellos de Ames, Pontevedra, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo.

Hoxe, xoves 27 de xuño, o Pazo da Peregrina acolleu a sesión de clausura do Obradoiro de acollemento lingüístico “En galego, co teu acento”, que se desenvolveu en Bertamiráns do 3 ao 27 de xuño. Dez persoas de nacionalidades e orixes diversas participaron no taller, no que puideron aprender máis sobre a lingua e a cultura galega. O obradoiro, no que colaboran as concellarías de Normalización Lingüística e de Benestar Social, rematou coa entrega duns diplomas e con palabras de agradecemento mutuas e en galego. Xa está aberto o prazo de inscrición para este mesmo obradoiro, pero para a quenda que se vai impartir do 1 ao 24 de outubro na Casa da Cultura do Milladoiro.

Un total de 18 concellos, entre os que se atopa Ames, únense en Alingua, Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega que naceu co obxectivo de desenvolver proxectos conxuntos no ámbito da normalización do idioma. A organización xorde para lles dar resposta aos múltiples retos de futuro que o galego debe afrontar. Esta iniciativa conxunta trata de fomentar a cooperación entre institucións locais e o traballo en rede. Adolfo Muíños, alcalde de Rianxo e presidente de Alingua encargouse de conducir esta mañá en Santiago a presentación da asociación celebrada no Auditorio de Galicia. A concelleira de Normalización Lingüística de Ames, Escarlata Pampín, participou esta mañá no acto de presentación de dita asociación.

A compañía Migallas Teatro pecha o setembro do programa Apego amesán con “Orella pendella”, un obradoiro para familias con música en directo no que aprender ditos infantís, xogos, contos, recitados e cancións de sempre para interactuar coas crianzas, revitalizar o uso da lingua, e estimular a súa capacidade cognitiva e comunicativa. A actividade, dirixida ás nenas e nenos de 0 a 6 anos, terá lugar o venres 30 de setembro na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 18:00 horas. Para participar, cómpre inscribirse dende hoxe ata o 29 de setembro, enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal, no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, teléfono de contacto e idade das crianzas.

Dende este luns 14 de marzo doce persoas de diferentes orixes aprenden máis sobre a lingua e a cultura galega no taller de acollemento lingüístico “En galego, co teu acento!”, que se desenvolverá no Pazo da Peregrina de Bertamiráns ata o 13 de abril. O curso, de balde, contén quince sesións de dúas horas nas mañás dos luns, mércores e venres. Ao remate, realizarase este mesmo obradoiro no Milladoiro, do 20 de abril ao 25 de maio.

O pasado venres, 21 de abril, e este luns, día 24, celebrouse a fase de zona da XI edición do Club de debate Alingua, na que participaron equipos de distintos centros educativos de Galicia. En representación de Ames participaron dous equipos do IES do Milladoiro e un do IES de Ames. Desta fase, que tivo lugar no salón de plenos do Concello de Teo, saíron seis finalistas, que disputarán a final o sábado 3 de xuño na Casa da Cultura de Bertamiráns. Nese senso, cómpre destacar a clasificación dos equipos “Xente que fala” (IES do Milladoiro) e “Ames a palabra” (IES de Ames), que quedaron en primeira e segunda posición, respectivamente, no debate do venres.

Once conxuntos de diferentes centros de ensino secundario dos concellos de Ames, Cedeira, Dodro, Negreira, Pontevedra e Teo participaron este pasado martes 5 e mércores 6 na fase clasificatoria do X Club de Debate. Do evento, celebrado na Casa da Cultura de Negreira, saíron seis finalistas, que disputarán a final do certame o próximo 6 de maio en Pontevedra. Neste senso, os equipos “Xente que fala” e “1,2,3 Milladoiro” do IES de Milladoiro estarán nesta fase final, ao remataren en segundo e terceiro lugar nas súas respectivas xornadas.

Eventos del departamento

O Concello de Ames, a través da Concellería de Normalización Lingüística, organiza a V Festa do Apego, que terá lugar o sábado, 25 de maio, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Haberá maxia, contos con música, xogos, concertos, teatro de monicreques, obradoiros e moitas máis actividades. A entrada será libre e de balde.  Premendo nesta ligazón pódese acceder á programación completa do evento.

O certame Galetiktokers, organizado polos departamentos de Mocidade e Normalización Lingüística de Ames, volve por quinto ano consecutivo co obxectivo de estimular a creatividade entre a mocidade, animar a creación de vídeos en galego con novos formatos e temáticas, e visibilizar a comunidade galega na rede social TikTok. Haberá seis premios de 300 euros cada un, que se repartirán nunha gala que terá lugar o sábado, 23 novembro de 2024, ás 19.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro.

O Concello de Ames organiza a VI Festa do Apego de Ames e convídanos a unha xornada de festa con música, teatro, xogos, obradoiros, contos e moitos máis recursos e actividades para gozar en familia con e desde a lingua. Será o sábado, 7 de xuño, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, desde as 11.00h da mañá ata as 21.00h da noite. Ao longo da xornada poderemos gozar de contos con música, xogos, concertos, teatro, obradoiros, espazos de xogo, espazos de creatividade e espazos de recursos. Todo isto e moito máis para achegarlles ás familias recursos lúdicos e educativos que favorezan a transmisión da lingua e unha crianza positiva, creativa e en galego. Nesta ligazón podes ver toda a programación da Festa de Apego de Ames.

O sábado 21 de febreiro está programada unha excursión literaria baixo o nome de “Viaxando con Rosalía”. Esta actividade, enmarcada dentro da programación municipal “Rosalía Ames 2026” para festexar o Mes de Rosalía, consistirá nunha visita á casa da escritora en Padrón da man da experta rosaliana María López Sández. Conta cun total de 60 prazas, polo que para participar é preciso inscribirse enviando un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número 662 377 215, entre o 14 e o 20 de febreiro. Poñerase a disposición das persoas asistentes un servizo de autobús, que sairá dende a Casa da Cultura do Milladoiro ás 9:30 horas e dende o Pazo da Peregrina de Bertamiráns ás 9:45 horas.

O Concello de Ames súmase un ano máis á conmemoración do aniversario de Rosalía de Castro, unha das escritoras máis universais de Galicia e que, ademais, foi veciña da aldea da Tarroeira, na parroquia de Ortoño, durante unha parte da súa infancia. A programación deste ano, como vén sendo habitual, busca a participación da veciñanza, ofertando unha ampla variedade de actividades para todas as idades, mais poñendo o foco na poboación máis nova. Deste xeito, a programación deste ano pretende estimular e dinamizar o uso do galego entre a mocidade amesá, poñendo en valor e achegándolles referentes en canto ao uso da nosa lingua.

O Programa Apego, do departamento de Normalización Lingüística, organizaunha excursión o sábado 17 de abril a Carballolandia, na Ribeira Sacra. Sairase ás 10.00 e voltarase ás 20.00 horas. Esta actividade, de balde, está dirixida a un público familiar.

O Concello de Ames ten preparado un amplo programa de actividades para as festas de Nadal deste ano. O programa, organizado por varios departamentos municipais, inclúe múltiples actividades dirixidas a todo tipo de públicos, que se desenvolverán ao longo do mes de decembro e comezos de xaneiro.

O venres 13 de decembro, ás 18:00 horas, Anxo Moure, a Banda da Montaña e Cé Orquestra Pantasma chegarán á Casa da Cultura de Bertamiráns da man do Apalpador. Dirixido a público familiar, o Apaldador volve a Ames para abrir o Nadal con contos, cantos e agasallos máxicos procedentes da Serra do Courel. Ademais, recollerá as cartas que os nenos e nenas lle queiran deixar.

O Apalpador visitará Ames o vindeiro venres 12 de decembro, ás 18.00 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns. A visita, enmarcada dentro do programa Apego, contará tamén coas actuacións musicais da Banda da Montaña e de Cé Orquestra Pantasma. Para asistir, é preciso facer unha inscrición previa enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal, indicando nome e apelidos dos asistentes, idade dos cativos e un teléfono de contacto. O prazo de inscrición está aberto do 4 ao 11 de decembro.

O Apalpador deixa as montañas do Courel para visitar aos nenos e nenas do Concello de Ames. O contador Anxo Moure transfórmase nesta figura e estará no Pazo da Peregrina de Bertamiráns o venres 11 de decembro a partir das 17.00 horas. Ademais, haberá un agasallo sorpresa para cada crianza que se achegue.  Para asistir é imprescindible inscribirse previamente, até o 10 de decembro, escribindo a  normalización@concellodeames.gal.