Pestanas principais

Dous equipos de Ames clasifícanse para a final do Club de debate Alingua

Martes, 25 de abril de 2023

O pasado venres, 21 de abril, e este luns, día 24, celebrouse a fase de zona da XI edición do Club de debate Alingua, na que participaron equipos de distintos centros educativos de Galicia. En representación de Ames participaron dous equipos do IES do Milladoiro e un do IES de Ames. Desta fase, que tivo lugar no salón de plenos do Concello de Teo, saíron seis finalistas, que disputarán a final o sábado 3 de xuño na Casa da Cultura de Bertamiráns. Nese senso, cómpre destacar a clasificación dos equipos “Xente que fala” (IES do Milladoiro) e “Ames a palabra” (IES de Ames), que quedaron en primeira e segunda posición, respectivamente, no debate do venres.

O Club de Debate é un proxecto de dinamización lingüística dirixido á mocidade no que participan varios concellos galegos en colaboración cos centros de ensino secundario. Con esta iniciativa preténdese favorecer o uso do galego oral en contextos formais, como son os propios debates, e informais, tendo en conta a convivencia que se xera. Os contidos que se traballan teñen que ver, principalmente, coas habilidades comunicativas e a oratoria, mais tamén é necesario un proceso de documentación sobre os temas de debate.

Os concellos que organizan esta edición son nove: Ames, Teo, Carballo, Santa Comba, Val do Dubra, Santiago de Compostela, Ferrol, Pontevedra, Dodro e Rois. En total, participaron 140 alumnos, en equipos mixtos formados por rapaces e rapazas de 3º e 4º da ESO, 1º de Bacharelato e ciclos formativos, e dirixidos por 30 docentes. Nesta edición, Ames estivo representado por 3 equipos (2 grupos do IES do Milladoiro e 1 grupo do IES de Ames).

O Club de Debate consiste nun torneo por equipos, organizado como unha competición deportiva na que os debates se producen dous a dous. Todos os equipos teñen que preparar e defender dúas posicións respecto ao tema proposto (a favor e en contra).

Seis equipos clasificados para a final, dous deles amesáns
Nas fases preliminares, o tema de debate foi “Somos menos sociais coas redes sociais”. Na primeira xornada, o equipo que quedou no primeiro lugar foi “Xente que fala”, do IES do Milladoiro, que levou un premio de 500 euros. Na segunda posición clasificouse “Ames a palabra”, do IES de Ames, cun premio de 300 euros. O terceiro posto foi para o grupo do CPI Eusebio Lorenzo Baleirón do Concello de Dodro. Ademais, participaron o IES Eduardo Pondal, o CPI dos Dices e o equipo “Debáteme esta” do IES do Milladoiro.

Na segunda xornada, a vitoria foi para o IES Xulián Magariños (Negreira), e no podio entraron tamén o equipo dos Falabaratos Festeiros do IES Terra de Xallas (Santa Comba) e o do IES de Canido (Ferrol). Tamén estiveron presentes o IES Saturnino Montojo, o equipo “Filial Canido” (IES de Canido), o IES Luís Seoane, os “Compis Molonguis” (CPR P. Calasancio Pontevedra) e os “Teixugos Meleiros” (CPR P. Calasencio Pontevedra).

Para outorgar as puntuacións o xurado valorou cuestións como a calidade e a orixinalidade dos argumentos, a seguridade, a capacidade de oratoria e de improvisación, o traballo en equipo e a calidade lingüística.

A fase final celebrarase na Casa da Cultura de Bertamiráns o sábado 3 de xuño. O equipo gañador levará como premio unha viaxe en grupo.

Imaxe grupal dos participantes na fase preliminar

Multimedia

  • Alumnado do IES do Milladoiro, que quedou en primeira posición
  • Alumnado do IES de Ames, que quedou en segunda posición