- Tematica
As entidades organizadoras do Certame Enreguéifate anuncian as regueifas gañadoras desta IV edición. En total, houbo 27 propostas participantes, das cales 11 participaron a través da categoría xeral e 16 na categoría escolar. O proxecto está promovido polos concellos de Ames, Pontevedra, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo.
Enreguéifate é un proxecto que apoia a difusión da improvisación oral en verso (regueifa) para contribuír, por medio dela, á promoción do uso da lingua galega. Neste camiño, Enreguéifate súmase ao labor que xa veñen realizando diversas entidades públicas e privadas, así como moitas persoas do ámbito cultural e do ensino.
O obxectivo principal deste proxecto é que a cidadanía entre en contacto coa improvisación oral en verso a través da experiencia de regueifar, nomeadamente no ámbito escolar. Por iso, inclúe accións formativas para alumnado e profesorado, un certame regueifeiro e un encontro anual de regueifa.
Esta edición do certame desenvolveuse coas adaptacións necesarias motivadas pola situación de confinamento producida por mor da COVID-19, entre elas o reforzo das actividades virtuais e a supresión dos obradoiros formativos presencias e da gala final de entrega de premios. Neste senso, a organización do certame transmitiu “a súa gratitude pola alta participación” dadas as circunstancias, xa que se recibiron un total de 27 vídeos a concurso, 16 na categoría escolar e 11 na xeral. As procedencias foron do máis diversas: O Grove, Tordoia, Donostia, Santiago, Lugo, Baio, Burela, Cangas, Ourense, Cotobade, Gondomar, Ferrol, Malpica de Bergantiños, Teo, Mourente ou Baamonde.
Regueifas gañadoras da IV edición de Enreguéifate
Podíase participar no proxecto a través de dúas categorías, a escolar e a xeral. En ambas as categorías había premio para a regueifa máis aguda, a regueifa máis diversa, a máis reivindicativa, a mellor cantada e a mellor falada.
O xurado estivo formado por Manolo Maseda, mestre, músico e regueifeiro; Séchu Sende, profesor, escritor e regueifeiro; Lupe Blanco, regueifeira; Conchi Cochón, técnica de Normalización Lingüística e Vero Rilo, narradora oral.
O resultado final das votacións, ao non poder haber gala final coma noutras edicións, deuse a coñecer cun vídeo presentado por Séchu Sende como representante do xurado, acompañado polas Regueitubeiras. O vídeo pódese ver ao pé desta nova.
Premios da Categoría Xeral:
- A máis brava: De norte a sur - Localismos 2.0
- A máis aguda: Trespés - Antítodo anti todo
- A máis diversa: decídese deixar deserta esta categoría por non haber ningún vídeo que encaixe e cumpra as bases. Acórdase facer unha mención a “Os Conxugadores”, xa que a súa regueifa era a única realmente diversa, pero pasábase moito dos 3 minutos.
- A máis reivindicativa: Regueifeires dos emojis - AGAL vs RAG
- A mellor falada: As despistadas - Regheifa na casa!
- A mellor cantada: Entre nós - Etioloxía do coronavirus?
Premios da Categoría Escolar:
- A máis brava: Patakas Bravas - As linguas: patrimonio natural
- A máis aguda: COV-Regueifeiras- COV-verán
- A máis diversa: "Clase Rosalía". San Xoán de Filgueira - Regueifeir@s dispost@s a salvar o planeta. Decídese tamén facer unha mención a María, participante do grupo Irmanciñ@s.
- A máis reivindicativa: "Banda EcoTeo" - EcoRegueifa
- A mellor falada: As rejeifeiras do Cabaso – As rejeifeiras do cabaso
- A mellor cantada: As guardianas baiesas – A loita por un mundo mellor
Todas as regueifas participantes e gañadoras pódense visualizar tanto na páxina web do certame como na súa canle de Youtube.