Pestanas principais

Doce persoas participan no obradoiro de acollemento lingüístico “En galego, co teu acento!", impartido en Bertamiráns

Venres, 18 de marzo de 2022

Dende este luns 14 de marzo doce persoas de diferentes orixes aprenden máis sobre a lingua e a cultura galega no taller de acollemento lingüístico “En galego, co teu acento!”, que se desenvolverá no Pazo da Peregrina de Bertamiráns ata o 13 de abril. O curso, de balde, contén quince sesións de dúas horas nas mañás dos luns, mércores e venres. Ao remate, realizarase este mesmo obradoiro no Milladoiro, do 20 de abril ao 25 de maio.

O obradoiro de acollemento lingüístico “En galego, co teu acento!” volve un ano máis para achegar a lingua e a cultura galega a unha parte da veciñanza procedente de fóra de Galicia ou que por diferentes motivos non tivo oportunidade de coñecela. Coa colaboración das concellarías de Normalización Lingüística e Benestar Social, o curso está dirixido principalmente a persoas procedentes de fóra de Galicia, pero tamén a calquera outra persoa interesada na lingua e na cultura galega.

Este mesmo luns tivo lugar a sesión inaugural do curso, que será impartido polo persoal do Servizo de Normalización Lingüística amesán. Entre o alumnado atópanse persoas orixinarias de Venezuela, Arxentina, Uruguai, Cuba, Brasil ou València, moitas delas con raíces galegas ou con familia asentada no país, que buscan poder entender mellor ás persoas que lles rodean, integrarse ou recuperar parte da súa herdanza cultural.

O curso, basicamente práctico e participativo, ten unha duración de 30 horas e desenvolverase en horario de mañá, os luns, os mércores e os venres, cun total de 15 sesións de dúas horas. “Para aprender unha lingua hai que falala. Podemos saber moita gramática ou moita teoría pero ata que non nos poñemos a falar non funcionamos”, indicou a profesora do taller, Rocío Loureiro. “Imos darlles unhas nocións básicas de galego, pero tamén é importante que leven recursos, para que continúen lendo, escoitando música, oíndo a radio, e que coñezan máis o noso panorama cultural, social, e sobre todo lingüístico”.

Para acompañar as clases, o persoal do SNL recomenda ás participantes ir mergullándose na lingua, lendo en galego, vendo e escoitando audiovisual ou música, ou prestando atención á súa contorna. “Fixemos un exercicio e xa sabía que avogado se escribía con v porque o lera nun cartel. Son pequenos detalles pero serven para ir recordando palabras”, destacou unha das alumnas, de orixe venezolana. “Levo catro meses aquí e paréceme unha oportunidade moi bonita. Teño unha filla de once anos que fala galego e eu teño que falalo tamén”.

Os vínculos familiares son unha das razóns máis compartidas entre o alumnado para aprender galego. Unha participante uruguaia de ascendencia galega ten “nove netos que falan perfectamente galego. Cando os meus avós chegaron a Uruguai tamén lles custaba entender cousas, hai que educar o oído”. “Teño un neto de catro anos que chegou a casa cantando un poema de Rosalía e non entendía nada”, recordou outra participante venezolana, que leva catro meses en Galicia. “Os meus netos aprenden e xa falan galego, a miña filla tamén traballa e aprende, eu tamén quero entender á xente coa que comparto tempo”, sinalou unha alumna de Cuba.

As raíces e a herdanza cultural é outro dos motivos polos que varias persoas se animaron a participar. “Levo cinco anos aquí, nacín en Galicia pero marchei de pequeno. É un idioma moi enriquecedor que me conecta coas miñas raíces. Ao vivir aquí o menos que podo facer é falalo”, resaltou un dos alumnos de Venezuela. Outra alumna brasileira quedou aquí despois de estudar un máster “porque os meus avós son galegos e a miña herdanza cultural é de aquí. Estou encantada porque nesta clase valórase a miña cultura e o meu acento”. Outros participantes simplemente buscan mellorar o seu galego, como un home de València, que leva en Galicia dende agosto. “A idea é aprender máis e coñecer xente doutras culturas”.

Unha vez rematado o curso en Bertamiráns, será a quenda do Milladoiro. O taller, que se desenvolverá na Casa da Cultura, terá lugar do 20 de abril ao 25 de maio, das 9:00 ás 11:00 horas, os luns, os mércores e os venres. Ao remate de ambos obradoiros entregarase un diploma de asistencia.

A concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, agradeceu a implicación das persoas participantes e animounas a seguir dando pasos para “sumarse á nosa lingua e a nosa cultura”. “No concello xa gozamos dunha gran riqueza de culturas grazas a toda a poboación migrante que vive en Ames. Que participen neste curso e mostren gana e iniciativa de aprender máis sobre o galego e a nosa cultura só fai que esta riqueza aumente e que estean máis preto de nós”.

Na mesma liña se pronunciou a concelleira de Benestar Social, Luisa Feijóo. “Temos que agradecerlles as persoas que participan nestes obradoiros que escollesen o noso concello para vivir, sen elas Ames non sería o que é hoxe, un concello solidario, acolledor e cunha riqueza intercultural envexable. Con este taller aprendemos todos e todas, xa que á vez que se achegan a nós, tamén nos enriquecen coa súa cultura, co seu acento e coas súas tradicións”.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Amesáns recén chegados van ampliar a súa cultura con En galego co teu acento"

Doce persoas participan no obradoiro de acollemento lingüístico “En galego, co teu acento!", impartido en Bertamiráns

Multimedia

  • Doce persoas participan no obradoiro de acollemento lingüístico “En galego, co teu acento!", impartido en Bertamiráns
  • Doce persoas participan no obradoiro de acollemento lingüístico “En galego, co teu acento!", impartido en Bertamiráns
  • Doce persoas participan no obradoiro de acollemento lingüístico “En galego, co teu acento!", impartido en Bertamiráns
  • Doce persoas participan no obradoiro de acollemento lingüístico “En galego, co teu acento!", impartido en Bertamiráns
  • Doce persoas participan no obradoiro de acollemento lingüístico “En galego, co teu acento!", impartido en Bertamiráns