A cuarta edición do festival de arte urbana con perspectiva de xénero, o Delas Fest, vén de rematar as súas actividades no concello de Ames, que serve como unha das sedes do certame, xunto a Brión, Santiago e Teo. Neste senso, a artista uruguaia Cecilia Rodríguez Oddone, coñecida como Ceciro, creou un mural na antiga escola unitaria de Firmistáns, que titulou “A ruta das leiteiras”, e que serve de homenaxe a un dos labores tradicionais das mulleres amesás, que era o traslado de leite e auga a pé con caldeiras na cabeza. Ademais, no palco da festa de Bugallido realizouse un obradoiro de iniciación á pintura con spray, que dirixiu o equipo de 7H Cooperativa Cultural, a organizadora do proxecto Delas Fest.