Pestanas principais

A artista Fitz Licuado elaborou un gran mural na Casa da Cultura do Milladoiro que representa a loita das mulleres contra o patriarcado

Mércores, 09 de setembro de 2020

Rematou unha nova edición do Delas Fest no concello de Ames. Entre o 3 e o 9 de setembro, a artista uruguaia Fitz Licuado pintou un mural na parte traseira da Casa da Cultura do Milladoiro, que representa a loita das mulleres contra o patriarcado. Ademais, o equipo de 7H Cooperativa Cultural, organizadores do evento, impartiu o pasado sábado, 5 de setembro, un obradoiro de arte urbana con spray no parque de Correos, no Milladoiro. O Delas Fest é o primeiro festival de arte urbana con perspectiva de xénero de Europa. É o segundo ano que Ames acolle esta iniciativa.

O DelasFest, o primeiro festival de arte urbana con perspectiva de xénero de Europa, vén de rematar no concello de Ames. Este ano ampliouse a súa duración a catro semanas e incrementáronse o numero de concellos involucrados.

En cada concello o Delas Fest realiza unha intervención artística e un obradoiro de creación. Entre o 24 de agosto e o 20 de setembro, diferentes espazos dos municipios de Teo, Ames, Santiago e Brión acollen a nova edición do Delas Fest, un pioneiro proxecto organizado por 7H Cooperativa Cultural co obxectivo de democratizar a expresión artística na rúa e contribuír ao combate das desigualdades materiais e simbólicas que sofren as mulleres que crean no espazo público.

No concello de Ames a programación do Delas Fest incluíu un obradoiro de arte urbana con spray, que se desenvolveu o pasado sábado, 5 de setembro, no parque de Correos, no Milladoiro. Este obradoiro no que participaron 11 persoas tivo moi boa aceptación por parte da veciñanza de Ames. As participantes neste obradoiro decoraron a parede do parque de Correos con grafites creadas por elas mesmas. Debido ao éxito desta actividade, a Concellaría de Igualdade convidou ao equipo de 7H Cooperativa Cultural a volver a colaborar proximamente para poder organizar este tipo de obradoiros en Ames.

Mural elaborado por Fitz Licuado
A principal actividade que incluíu o Delas Fest en Ames foi o traballo realizado pola artista uruguaia Florencia Durán, coñecida como Fitz Licuado, que elaborou un gran mural na parte traseira da Casa da Cultura do Milladoiro. Para a elaboración de dito mural Fitz Licuado reuniuse con varias mulleres do Milladoiro que a inspiraron no seu traballo. Deste xeito, a obra feita reivindica a forza da sororidade entre mulleres fronte ás cargas que o patriarcado impón e impuxo ao longo da historia, a través da representación de varias figuras inspiradas en mulleres do municipio, fotografadas pola artista antes de iniciar o mural, que sosteñen a metade do ceo, coma escribiu Xohana Torres. Neste senso, o mural conta coa frase de Xohana Torres; “As mulleres sosteñen a metade do ceo”.

Este mural súmase ao elaborado o ano pasado na primeira edición do Delas Fest na entrada do pavillón polideportivo do Milladoiro. Neste caso a artista Btoy realizou un mural a partir dun retrato a gran tamaño da activista trans Verónika Arauzo.

A concelleira de Igualdade, Luísa Feijóo, destacou o gran traballo que realizou a artista uruguaia Florencia Durán. “Quero darlle as grazas por achegarse ao noso concello, por contextualizar a súa obra mediante xuntanzas con mulleres amesás e realizar esta obra de arte que representa a loita das mulleres en contra do patriarcado. Captou perfectamente a forza das nosas mulleres e a súa loita pola igualdade”.  

Luísa Feijóo engadiu “quero tamén darlle as grazas ao persoal de 7H Cooperativa Cultural coa organización deste evento que pon en valor o traballo das mulleres en algo tan que está tan masculinizado como pode ser o mundo do grafite, así como por ser quen de sacar adiante un proxecto como este e aínda facelo máis grande no momento en que estamos fomentando a participación. Todo o que sexa visibilizar o traballo das mulleres e darlle protagonismo en calquera ámbito é moi importante para conseguir unha igualdade real e efectiva”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Delas Fest deixou para os amesáns un mural e taller"

Revista Ames Go: "A loita das mulleres contra o patriarcado, inmortalizada na Casa da Cultura do Milladoiro"

Mural elaborado pola artista Fitz Licuado

Multimedia

  • Mural elaborado pola artista Fitz Licuado
  • Mural elaborado pola artista Fitz Licuado
  • Mural elaborado pola artista Fitz Licuado
  • Mural elaborado pola artista Fitz Licuado
  • Resultado do obradoiro de arte urbana con spray
  • Obradoiro de arte urbana con spray
  • Obradoiro de arte urbana con spray
  • Obradoiro de arte urbana con spray