Solapas principales

Departamento de Promoción Económica y Empleo

Noticias del departamento

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe, 28 de xaneiro, a modificación das bases da campaña de tarxetas bono Reactiva Ames. Deste xeito, modifícase o primeiro período da campaña Merc@mes. Inicialmente estaba previsto que se desenvolvese do 5 de febreiro ata o 31 de marzo, pero debido ás novas restricións aprobadas esta mesma semana pola Xunta para frear o nivel de contaxios pola Covid, decidiuse modificar as datas da primeira fase de dita campaña. Así, desenvolverase do 19 de febreiro ata o 19 de abril. A segunda fase será do 1 de setembro ata o 31 de outubro. Durante as dúas fases a clientela do comercio local poderá mercar dous tipos de bonos: un polo que se pagarán 30 euros e se obterán 50€ para gastar, e outro que custará 60 euros e terá un valor á hora de realizar as compras de 100€. A través desta iniciativa trátase de fomentar as compras no comercio local de Ames.

Dende este martes, día 6, ata finais do mes de agosto, as oficinas da Unión de Consumidores de Galicia, en Bertamiráns e no Milladoiro, estarán pechadas por descanso do persoal. O servizo de asesoramento enmárcase dentro do acordo que teñen asinado o Concello de Ames e a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL). No mes de setembro volverase a ofrecer dito servizo no horario habitual: os martes no Milladoiro e os xoves en Bertamiráns. A oficina de Santiago estará aberta en horario de 10:00 horas a 15:00 horas durante este mes.

Tras cinco meses, dende xuño, situado na rúa do Sar, o mercado de rúa volve a ubicarse no centro de Bertamiráns. Deste xeito, este sábado 14 de novembro, os postos ambulantes ocuparán as rúas Ameneiral e Entrerríos, así como a praza do Concello para poder cumprir as medidas de distancia e seguridade que dita o regulamento da Xunta de Galicia na loita contra a pandemia da COVID-19.

Os concellos de Ames e de Brión poñen en marcha unha nova edición do Programa Integrado de Emprego. Dirixido a 100 mulleres desempregadas, a formación orientarase ao traballo nos sectores socio sanitario, comercial e de atención ao público, ocio e tempo libre, turismo, limpeza, hostalería e manexo de maquinaria. Ademais, as participantes recibirán formación transversal en novas tecnoloxías e idiomas, técnicas de busca de emprego, marca persoal, comunicación, habilidades sociais e intelixencia emocional e emprendemento. Tamén contarán con titorías persoais que as acompañarán á hora de buscar emprego. O Programa está financiado con 213.599,74 € pola Consellería de Emprego e Igualdade e cofinanciado polos concellos de Ames e Brión. Para participar ou solicitar máis información do proceso de inscrición e do funcionamento do programa hai que cubrir este formulario.

Tras o éxito acadado na edición anterior do programa InserAmes-Brión XI (período 2018-19), cunha porcentaxe de inserción laboral superior ao 60% das persoas participantes, os concellos de Ames e Brión acaban de poñer en marcha un novo programa que rematará en outubro do 2020. Na décimo segunda edición do InserAmes-Brión participan 100 persoas desempregadas, residentes nos concellos de Ames e Brión, que pertencen aos colectivos de menores de 30 anos e maiores de 45 anos.

O Concello de Ames colaborou con REAS Galicia na organización do VI Encontro aberto da Economía Social e Solidaria, que se desenvolveu o sábado, 22 de maio, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Houbo charlas dirixidas a representantes de pequenas entidades co fin de potenciar a relación entre o tecido da economía social. O alcalde Ames, Blas García, asistiu á apertura da xornada, que se desenvolveu de 11.00 a 14.00 horas. Un total de 15 entidades e 35 persoas participaron en dito Encontro.

Calquera persoa, residente ou non, no concello de Ames, pode adquirir os bonos que se poñerán a venda a partir deste próximo luns, 1 de marzo, en Bertamiráns e no Milladoiro. As persoas que queiran mercar ditas tarxetas terán que presentar o seu DNI para acreditar que son maiores de 18 anos. Tamén se poderán mercar estes bonos nas carpas informativas que o Concello ten previsto instalar os días 5 de marzo, na rúa Travesa do Milladoiro, e o día 6, na praza da Maía de Bertamiráns. Existen dous tipos de bonos: un polo que se pagarán 30 euros e se obterán 50€ para gastar, e outro que custará 60 euros e terá un valor á hora de realizar as compras de 100€. A través desta campaña preténdese valorizar e impulsar as compras no comercio local. Preme nesta ligazón para consultar os establecementos adheridos a dita campaña.

Os Concello de Ames e Brión están desenvolvendo o obradoiro dual de emprego ForestAmes-Brión no que participan 20 alumnos/as traballadores/as e un equipo de 5 persoas que forman o persoal administrativo e docente. Este obradoiro comezou o pasado 28 de decembro de 2020 e realizarase ata o 27 de setembro de 2021. Durante 9 meses os traballadores/as recibirán formación específica sobre o certificado de profesionalidade oficial de repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, que conta con 410 horas de duración. Dentro do apartado de formación complementaria, o alumnado vén de participar nun curso sobre prevención de riscos laborais, de 60 horas de duración, impartido no centro de formación de Aldea Nova.

O pasado xoves, 10 de outubro, tivo lugar na Cidade da Cultura de Santiago a celebración da primeira edición en Galicia de Emprende Innova Comparte, un evento organizado por Acción Contra a Fame, en colaboración co Concello de Ames e outras institucións. Ao longo da xornada organizáronse talleres participativos, networking e un concurso final onde a amesá, Lucía Nieto, obtivo o premio mentorización, que lle axudará a posicionar a súa futura empresa. A dito evento asistiron 32 persoas, mentres que no concurso participaron 12 emprendedores/as.

A asociación cultural alfombristas de San Xoanciño de Ames participou no proxecto virtual internacional Ephemeral Art Tokio 2020, organizado pola Coordinadora Internacional de entidades de alfombristas de arte efémero, no que participaron 26 delegacións que elaboraron diferentes alfombras. A asociación de alfombristas amesá elaborou a súa propia alfombra floral. Este proxecto foi creado pola comisión de proxectos da Coordinadora, especialmente para os días que debía de celebrarse o Congreso de Arte efémero en Tokio, anulado pola crise sanitaria da Covid-19.

Eventos del departamento

O acto inaugural da programación de Nadal da Concellaría de Promoción Económica neste ano 2021 é o acendido das luces, que terá lugar o 8 de decembro ás 18:30 horas na Praza do Concello, en Bertamiráns. Durante a tarde, a veciñanza gozará da actuación musical da escola de música EMMA e dunha chocolatada con churros. O evento forma parte do programa "Nadal con Ames na Rúa".

Chega unha nova actuación no mes de agosto do programa AmesON de verán. A praza de Manuel Murguía, no Milladoiro, acolle o concerto do grupo local As Maianas, a partir das 21:00 horas.

A praza de Manuel Murguía, no Milladoiro, acolle ás 19:30 horas a actuación da Cé Orquestra Pantasma, un espectáculo para un público familiar incluido dentro da programación do AmesON de verán.

Continúa a programación do AmesOn de verán, desta volta coa actuación do grupo Club Naval, na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro, a partir das 21:00 horas.

O programa AmesON de verán continúa durante o mes de xullo. O venres 15, ás 21.00 horas,  actuará na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro, o dúo Eva e Camilo.

A praza de Manuel Murguía, no Milladoiro, acolle unha nova actuación do programa AmesON de verán. Será a partir das 21:00 horas, co grupo Habana Café Son.

O parque do Ameneiral, en Bertamiráns, acolle unha nova actuación dentro do programa AmesON de verán. Desta volta, actuarán Jinetes del Trópico a partir das 21:00 horas.

O parque do Ameneiral, en Bertamiráns, acolle unha nova actuación dentro do programa AmesON de verán. Desta volta, e pensada para un público familiar, actuará Marifaltri a partir das 19:30 horas.

Chega a primeira actuación do mes de agosto do programa AmesON de verán. A praza de Manuel Murguía, no Milladoiro, acolle o concerto da artista MJ Pérez, unha das mellores voces do panorama actual da música galega, a partir das 21:00 horas.

O cartel do AmesON de verán 2022 péchase, ás 19.00 horas, coa actuación no Milladoiro da orquestra Panorama. Previamente á actuación da Panorama, como abreconcerto, actuarán os/as gañadores/as do concurso Canta con Ames.