Solapas principales

24 alumnos do CEIP de Barouta presentaron en CLUN o seu proxecto de innovación para o sector primario

Martes, 12 de marzo de 2024

Esta mañá alumnado de cuarto de primaria do CEIP de Barouta presentou na sede central de Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN) un proxecto innovador sobre a aplicación da tecnoloxía e a intelixencia artificial no sector gandeiro. Esta iniciativa, que desenvolveron entre todos como traballo de aula, busca facilitar o traballo dos gandeiros e gandeiras ofrecendo información meteorolóxica en tempo real que lles permita mellorar o rendemento das explotacións. Durante a presentación o alumnado estivo acompañado de persoal do centro de ensino, así como do alcalde de Ames e das concelleiras de Promoción Económica e Educación.

A sede central e a fábrica de Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN) recibiron esta mañá a visita do alumnado dunha aula de cuarto de primaria do CEIP de Barouta, que presentou un proxecto sobre o uso da intelixencia artificial no sector primario e, máis concretamente, na gandaría. Neste acto estiveron acompañados polo director do centro, Alonso Caxade; a titora de 4° de Educación Primaria, Silvia López; o coordinador do Plan Dixital de Centro, Juan Lago; ademais de polo alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; e a concelleira de Educación e Mocidade, Carmen Porto.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, dixo “é un orgullo que unha empresa como CLUN reciba aos nenos e nenas de Barouta para presentar este proxecto, que acadou o primeiro premio na categoría de premios educativos da xornada InnovAmes. O Concello de Ames pertence á Rede Innpulso e este proxecto enmárcase dentro dese eido da innovación que promove dita rede. Esta é unha mostra máis da colaboración que pode existir entre a comunidade educativa e mailo sector empresarial, xa que moitos dos proxectos que se crean nas aulas poderían ser empregados polas empresas de Ames”.

A concelleira de Educación e Mocidade, Carmen Porto, explicou que “a educación pública é sinónimo de calidade. Ames conta con grandes profesionais cun grado de implicación enorme, vital para que iniciativas como a que hoxe lle presentamos a CLUN saian adiante”.

MeteoBarouta: moito máis que información meteorolóxica
Fai uns meses, o alumnado deste centro amesá creou nas súas instalacións unha estación meteorolóxica que ofrece datos en tempo real sobre as condicións climáticas da zona.

A partir deste proxecto, o alumnado quixo ir un paso máis alá, e púxose a traballar na creación dunha aplicación móbil que permitise o acceso inmediato e constante a estes datos, e que emitise alertas cos cambios e variacións detectadas pola estación instalada no colexio. Ademais, trátase dunha iniciativa inclusiva, de utilidade para todas e todos, pois estas alertas van acompañadas de pictogramas e dunha mensaxe de audio para que todas as persoas teñan acceso a esta información.

O alumnado concluíu a súa intervención presentando as posibilidades que ofrece este proxecto ao sector primario, en concreto á gandaría en extensivo. Tal e como eles mesmos explicaron, MeteoBarouta permitirá crear automatismos para a alimentación e derivación do gando grazas á lectura dos datos da estación meteorolóxica do colexio con intelixencia artificial. Así, por exemplo, en caso de baixada drástica das temperaturas, a interpretación destes datos permitiría bloquear o mecanismo das portas para evitar que o gando pastase no exterior.

Dito proxecto acadou o primeiro premio, valorado en 2.000 euros, dentro da categoría de premios educativos da xornada de innovación “InnovAmes”, que se celebrou no pasado mes de xaneiro no pavillón polideportivo do Milladoiro.

Barouta como exemplo de “aprender facendo”
O director do CEIP de Barouta, Alonso Caxade, explicou que “para nós é un orgullo poder vir a un lugar onde os proxectos poden ter vida propia e utilidade, porque cando deseñamos un proxecto na escola, o que agardamos é que despois o noso alumnado poida ter unha implicación directa onde dito proxecto pode aplicarse, como pode ser o sector gandeiro no caso que nos ocupa”.

Ademais, engadiu “é fantástico que o noso alumnado teña este contacto directo con CLUN porque é a empresa que esta detrás dun sistema de automatismo, que xogando a soñar estes nenos e nenas lle poderían ofrecer o sistema que presentaron, e incluso ter un contacto coas gandeiras e gandeiros, que lles permitiría saber se ese automatismo é eficaz. En resumo, para que sexa significativo para o noso alumnado é fundamental que teñan contacto directo con quen o vai utilizar, para saber se esa idea é boa ou non”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Alumnos do CEIP de Barouta poñen o seu saber ao servizo dos gandeiros"

La Voz de Galicia: "Alumnado del colegio de Barouta presentó en CLUN su proyecto de innovación ganadera"

Imaxe do alumnado do CEIP de Barouta que participou na visita a CLUN

Multimedia

  • 24 alumnos do CEIP de Barouta presentaron en CLUN o seu proxecto de innovación para o sector primario
  • 24 alumnos do CEIP de Barouta presentaron en CLUN o seu proxecto de innovación para o sector primario
  • 24 alumnos do CEIP de Barouta presentaron en CLUN o seu proxecto de innovación para o sector primario
  • 24 alumnos do CEIP de Barouta presentaron en CLUN o seu proxecto de innovación para o sector primario
  • 24 alumnos do CEIP de Barouta presentaron en CLUN o seu proxecto de innovación para o sector primario
  • 24 alumnos do CEIP de Barouta presentaron en CLUN o seu proxecto de innovación para o sector primario
  • 24 alumnos do CEIP de Barouta presentaron en CLUN o seu proxecto de innovación para o sector primario
  • 24 alumnos do CEIP de Barouta presentaron en CLUN o seu proxecto de innovación para o sector primario