Actualidad

A Ponte Maceira acolleu este sábado unha nova edición das Noites en Vela, que reuniu máis de 2.000 persoas neste enclave emblemático para gozar dunha velada de música e cultura coa ponte iluminada unicamente á luz das candeas.

O Concello de Ames informa á veciñanza sobre as recomendacións e medidas de seguridade para a observación da eclipse solar que terá lugar o mércores 12 de agosto. Ames será unha das localizacións privilexiadas para contemplar este fenómeno astronómico, cunha ocultación do disco solar de ata o 99,96%, dependendo da zona de observación.

O Concello de Ames vén de adxudicar un contrato menor á empresa Dixardín para executar os traballos de acondicionamento e reverdecemento das zonas axardinadas da rúa Anxeriz. A actuación inclúe a reparación e mellora do sistema de rego, así como o recheo dos parterres e a plantación de nova vexetación.

Este sábado, 18 de xullo, a partir das 21:00 horas, celebrarase unha nova edición das “Noites en Vela”, un evento que xa é toda unha tradición e que vincula anualmente aos concellos de Ames e Negreira dende o 2016, e que só puido interromper a pandemia durante as edicións do 2020 e 2021. Este ano os grupos encargados de amenizar a noite serán o cuarteto Balteira e mailo grupo de gaitas amesán da Asociación Cultural Follas Novas. Ademais, haberá un espectáculo pirotécnico que poñerá o punto final á velada. O acceso ao evento é de balde. A actuación de Balteira está subvencionada pola Xunta de Galicia dentro do programa Cultura no Camiño 2026. Hai máis de 50 persoas inscritas para acudir en autobús, que pasará polo Milladoiro, Bugallido, Agro do Muíño e Bertamiráns.

O Concello de Ames, o Club Ribeiras do Tambre, a Deputación da Coruña e a Federación Galega de Piragüismo, organizan para o vindeiro sábado, 25 de xullo, a partir das 16.00 horas, a segunda edición da Regata provincial Ames, que forma parte do V Circuíto Deputación da Coruña de piragüismo en augas tranquilas. Trátase da segunda regata desta competición que se desenvolverá durante os meses de xullo, agosto e setembro. Ademais, en horario de mañá, a partir das 12.00 horas, realizarase o XXXV Descenso do Tambre, dende Portomouro ata a praia fluvial de Tapia. Cómpre destacar que este ano o Club de piragüismo Ribeiras do Tambre celebra o seu 40 aniversario.

O Concello de Ames vén de publicar un bando municipal, a través do que se autoriza, con carácter excepcional, á instalación e utilización de pantallas ou televisores nas terrazas dos establecementos de hostalaría do municipio, para a retransmisión da final da Copa do Mundo de Fútbol, que vai ter lugar o vindeiro domingo 19 de xullo, ás 21.00 horas. Dita autorización está condicionada ao cumprimento dunha serie de normas recollidas no bando municipal.

O Estadio Universitario de Albacete acollerá esta fin de semana, os días 18 e 19 de xullo, o Campionato de España Sub-20 de atletismo ao aire libre. Esta competición será a antesala do Campionato do Mundo da categoría, que se celebrará o próximo mes de agosto en Oregón (Estados Unidos). Neste Campionato de España participan 55 atletas galegas e galegos entre os que se atopan tres atletas amesáns como son Nico Collazo, do Ames atletismo Savante; María Estévez, da Sociedad Gimnástica de Pontevedra; e Lucas Pena, tamén da Sociedad Gimnástica de Pontevedra.

Esta mañá celebrouse un pleno extraordinario e urxente no que se aprobou a solicitude dunha subvención nominativa, a través dun convenio de colaboración entre a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, a Deputación Provincial da Coruña e o Concello de Ames, para a construción do mercado municipal de abastos. Este proxecto enmárcase dentro do plan Conecta Ames, incluído dentro da convocatoria para a asignación de senda financeira do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional aos plans EDIL, no marco do desenvolvemento urbano sostible, con cargo ao FEDER para o período 2021-2027. Premendo nesta ligazón podes ver a gravación do pleno.

O centro de depósito de residuos do Concello de Ames rexistrou un total de 714 entradas durante o pasado mes de maio. O Punto Limpo do Milladoiro, situado na rúa das Hedras, rexistrou 681 usuarios/as, mentres que o Punto Limpo Móbil contabilizou 33 usuarios/as. A tendencia dos últimos meses é que se superen as 700 entradas, uns datos que poñen de manifesto a responsabilidade de toda a veciñanza de Ames en materia medioambiental e a importancia de separar e reciclar residuos. Este servizo pode empregarse para desfacerse de aqueles obxectos e materiais que non van aos colectores convencionais.

O Concello de Ames vén de reorganizar as prazas de aparcamento reservadas para persoas con mobilidade reducida (PMR) que daban servizo ao entorno da Casa do Concello. A actuación supón a reubicación das prazas situadas na rúa Ameneiral, a creación dunha terceira praza PMR e unha futura mellora da accesibilidade na entrada da Casa Consistorial.
- 1 de 691
- siguiente ›




