Solapas principales

20 alumnos/as traballadores/as participan no obradoiro de emprego ForestAmes-Brión

Miércoles, 17 de febrero de 2021

Os Concello de Ames e Brión están desenvolvendo o obradoiro dual de emprego ForestAmes-Brión no que participan 20 alumnos/as traballadores/as e un equipo de 5 persoas que forman o persoal administrativo e docente. Este obradoiro comezou o pasado 28 de decembro de 2020 e realizarase ata o 27 de setembro de 2021. Durante 9 meses os traballadores/as recibirán formación específica sobre o certificado de profesionalidade oficial de repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, que conta con 410 horas de duración. Dentro do apartado de formación complementaria, o alumnado vén de participar nun curso sobre prevención de riscos laborais, de 60 horas de duración, impartido no centro de formación de Aldea Nova.

Os obradoiros duais de emprego son programas públicos de formación e emprego nos que os traballadores/as desempregados/as participantes reciben cualificación profesional ao mesmo tempo que desenvolven un traballo produtivo en actividades de utilidade pública ou interese social.

Este obradoiro está sufragado pola Consellería de Economía Emprego e Industria, da Xunta de Galicia, e con achegas municipais dos Concellos de Ames e Brión. No seu desenvolvemento invístense 381.801 euros, dos cales 346.946 son para salarios e gastos do obradoiro de emprego; 10.500 euros para incentivos á contratación por empresas unha vez rematado o obradoiro; e 24.355 euros son achegas das entidades promotoras. Os incentivos para a contratación son axudas de 1500 euros por alumno que se concede ás empresas que contraten durante a lo menos 3 meses aos alumnos do obradoiro. O número de axudas é de 10. O 92 % da inversión corresponde a salarios do alumnado-traballador e de persoal.

Neste obradoiro impártese formación teórico práctica e o alumnado realiza traballos de interese municipal neste caso no sector forestal. Os 20 alumnos/as son traballadores/as con relación laboral co Concello de Ames. Ademais, neste obradoiro participan o persoal administrativo e docente (1 director, 1 titora-coordinadora, 1 administrativa e 2 docentes de especialidade forestal). Os alumnos-traballadores que finalicen con aproveitamento obteñen o certificado de profesionalidade oficial recoñecido polo Ministerio de Educación, de 410 horas, que os faculta para traballar en empresas forestais. Tamén obterán carné de aplicador de produtos fitosanitarios.

Formación específica a complementaria
Os 20 alumnos-traballadores reciben formación específica sobre o certificado de profesionalidade oficial denominado “Repoboacións Forestais e tratamentos silvícolas”. Deste xeito, abordarán contidos de repoboación forestal; tratamentos silvícolas: desbroces, podas, fertilización; control de doenzas e pragas forestais. tratamentos fitosanitarios; e manexo e mantemento de tractores forestais. Para desenvolver a parte práctica o alumnado-traballador utiliza diferente maquinaria e ferramenta forestal portátil: desbrozadoras, motoserras, tractores forestais, maquinaria pesada, e simuladores informáticos de máquinas forestais.

Por outra banda, recibirán unha formación complementaria sobre prevención de riscos laborais, sensibilidade ambiental, inserción laboral, alfabetización informática, orientación laboral e igualdade. Deste xeito,  o alumnado vén de participar nun curso sobre prevención de riscos laborais, de 60 horas de duración, impartido no centro de formación de Aldea Nova. A través deste curso o alumnado traballador obtivo o diploma oficial en prevención de riscos laborais, de nivel básico, que os faculta como recursos preventivos para traballar en calquera empresa.

Este pasado luns, 15 de febreiro de 2021, realizouse xa a entrega de diplomas deste curso de prevención de riscos laborais realizado no mes de xaneiro. No acto de entrega dos diplomas participaron a concelleira de Promoción Económica e Emprego do Concello de Ames, Ana Belén Paz; o concelleiro de Administración Xeral, Víctor Fernández; a concelleira de Promoción Económica e Emprego do Concello de Brión, María Guarina Rey, e maila concelleira de Política Social e Servizos Sociais de Brión, María Rosa Romero.

A concelleira de Promoción Económica e emprego, Ana Belén Paz, explica que a través deste obradoiro “o alumnado traballador aprende unha profesión de gran demanda en Galicia, reciben formación complementaria útil, realizan traballos no eido local de interese social e ambiental e se favorece a súa inserción profesional incentivando economicamente ás empresas para a súa contratación”.

Por outra banda, o concelleiro de Administración Xeral, Víctor Fernández, destaca que “coa realización do curso de prevención de riscos laboral, de nivel básico que consta de 60 horas de formación, o alumnado traballador obtivo o diploma oficial en prevención que os faculta como recursos preventivos para traballar en calquera empresa”.

Actuacións a desenvolver
O alumnado traballador realizará a repoboación forestal de faixas arredor de núcleos na parroquia de Covas, Ames; a limpeza de faixas auxiliares e acondicionamento de 32 quilómetros de camiños en Ames (13 hectáreas): e maila limpeza e repoboación de faixas secundarias de protección contra incendios na aldea de Trasouteiro (11,4 hectáreas) e de Aguiar (7,72 hectáreas), no concello de Brión. A actuación total de limpeza de faixas e de repoboación é de 32 hectáreas e  limparán e acondicionarán 32 quilómetros de camiños. Empregarán preto de 8.000 plantas de frondosas autóctonas.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Veinte alumnos en el taller de empleo ForestAmes-Brión"

El Correo Gallego: "Bosques y aldeas seguros en A Maía"

Obradoiro ForestAmes-Brión

Multimedia

  • Obradoiro ForestAmes-Brión
  • Obradoiro ForestAmes-Brión
  • Obradoiro ForestAmes-Brión
  • Obradoiro ForestAmes-Brión
  • Obradoiro ForestAmes-Brión