Solapas principales

Camiños de Santiago por terras de Ames

Ames é un dos pouco concellos galegos polo que discorren varios dos Camiños de peregrinación xacobea. Son dúas as rutas de peregrinación que discorren polo seu territorio: o Camiño Real de Santiago a Fisterra-Muxía e o Camiño Portugués.

O Camiño Real de Santiago a Fisterra-Muxía

 
Este é o Camiño de finalización da peregrinación xacobea, o único que ten en Santiago de Compostela o seu punto de arranque e non o seu final. A primeira etapa do Camiño Real na procura das terras de Fisterra desenvólvese por terras de Ames.

Logo de saír da praza do Obradoiro e deixar atrás Ponte Sarela, o Camiño avanza cara á comarca da Maía. O Camiño entra en Ames polo Alto do Vento e discorre por Ventosa e Lombao, para despois descender até Augapesada.

En Augapesada salva o rego dos Pasos, unha ponte medieval de cantería que ten un arco de medio punto e dous aliviadoiros. Ao seu carón hai unha pequena zona de descanso.

En Castiñeiro do Lobo, o Camiño ataca despois unha prolongada costa, de máis de tres quilómetros, até coroar o Alto do Mar de Ovellas e iniciar o tránsito cara ás augas do río Tambre e a comarca da Barcala.

O descenso faise por Susavila de Carballo e Trasmonte.

En Trasmonte pódese visitar o cruceiro e a igrexa barroca de Santa María, construída a mediados do século XVIII. No seu interior destaca un retablo da Natividade de estilo barroco e o da capela maior datado a finais do século XVIII.

O Camiño Real segue por Burgueiros até chegar ao núcleo histórico da Ponte Maceira, lugar onde se conserva un interesante conxunto de arquitectura popular e onde tamén se pode gozar dunha paraxe natural de gran beleza.

Na Ponte Maceira o camiño fisterrán despídese do concello de Ames e cruza o Tambre para entrar en terras de Negreira por unha fermosa ponte gótica. A chamada Ponte Vella foi levantada a finais do século XIV e no ano 1471 foi testemuña da batalla entre as tropas da mitra compostelá e as do conde de Altamira. No século XVIII foi restaurada, mais mantendo a estrutura medieval de cinco arcos, o central oxival e mais dous aliviadoiros.

 
Máis información:
    

O Camiño Portugués

 
A última etapa do Camiño Portugués de Padrón a Santiago discorre polo concello de Ames.

O Camiño, tras pasar polo pazo do Faramello, Rúa de Francos e As Galanas, no concello de Teo, atravesa logo a parroquia amesá de Santa María de Biduído.

Despois de discorrer por unha zona montesía, sobarda o alto da Grela e descende cara O Milladoiro.

Segundo algúns autores, a toponimia do Milladoiro lembra a existencia dun dos soados «humilladoiros» do Camiño de Santiago. Neste lugar os peregrinos, que se achegaban pola ruta marítima e o Camiño Portugués, albiscaban aquí, por primeira vez, as torres da basílica compostelá, e de xeonllos daban grazas a Deus e o Santo Patrón polas aventuras da súa viaxe.

Non obstante, outros especialistas no Camiño consideran máis fundada a explicación pola que o lugar recibiría o seu nome pola existencia dun amilladoiro, un monte de pedras pequenas amoreadas aos poucos polos peregrinos que ían camiño dun lugar de culto. Os romeiros deixarían, no primeiro lugar de avistamento da Catedral, unha pedra traída desde a súa terra natal, para que fose testemuño da súa camiñada para que cando chegase o momento do Xuízo Final as pedras falasen ao seu favor dando conta da súa devoción e peregrinaxe a Compostela.

María Madalena é a padroa do Milladoiro e a ela está dedicada unha ermida da que existe constancia xa en documentos datados no século XVII, textos que recollen asemade a existencia dun hospital para atender os peregrinos.

A última milla do Camiño Portugués discorre pola rúa do Porto, o monte de Agro dos Monteiros, desde onde se ven as torres da Catedral e baixa cara á Rocha Vella en terras de Compostela.

Máis información: