Solapas principales

Xeografía

Localización

Ames é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca administrativa de Santiago. Limita ao norte co Concello de Val do Dubra; ao oeste cos concellos da Baña e Brión; ao sur con Brión e Teo; e ao leste co Concello de Santiago de Compostela.

O Concello de Ames ten unha extensión de 94 km2, e a súa poboación (31.858 habitantes segundo o Censo de 2018) repártese entre 116 entidades de poboación e 11 parroquias. Os dous principais núcleos de poboación son Bertamiráns e O Milladoiro.

 

Xeografía física

Ames ten unha orografía na que sobrancean vales, brañas, prados e fragas, cun relevo suave de escasas elevacións.

  • Orografía

O mapa físico artéllase sobre un terreo ondulado, irregular e abrupto na metade setentrional do municipio e con suaves desniveis na zona meridional, no val da Maía, do que forma parte. A rede fluvial estrutúrase ao norte dende o Tambre e pola metade sur discorre o Sar con afluentes como o Pasos ou Armeiro. Os tramos da marxe esquerda transcorren principalmente por zonas sombrizas e os da marxe dereita por solana. No río Tambre hai aluvións cuaternarios dispostos en forma de terrazas fluviais.
O Espiño, con 424 metros de altitude, ou o Pedrouzos, con 385 metros, son elevacións da Serra de Ameixenda. Cara o sur, onde a orografía é máis suave sobresae a Pena Mosqueira con 252 metros sobre unha terra fértil e de boa calidade para o aproveitamento agrícola.

  • Xeoloxía

Predomina o granito de dúas micas, que se estende no mapa xeolóxico de Pontealbar, Espiñeira a Bertamiráns; as migmatitas granitoides na zona de Roxos e cara á Escravitude e encóntranse abondosos depósitos arxilosos de rochas sedimentarias nunha pequena área de Bertamiráns.

 

Clima

O clima do concello de Ames está moi matizado pola súa localización nun val, sendo os invernos suaves e os veráns calorosos. As chuvias concéntranse fundamentalmente nos meses de outubro a maio.

O territorio municipal está baixo un dominio climático oceánico hiperhúmido.

A temperatura media anual é de 14º. Os invernos son moderados, cunha media que non baixa dos 8º en decembro, o mes máis frío. A temperatura media de xullo, o mes máis cálido, é de 21º.

A media anual de precipitacións estímase en 1.791 mm. O 40% das precipitacións concéntranse fundamentalmente no inverno e rexístrase unha acusada seca estival xa que tan só un 10% das chuvias se producen nos meses do verán.

Se o desexa pode consultar na web de MeteoGalicia o tempo previsto en Ames e a Amaía nos vindeiros días.

 

Espazos naturais

O val da Maía, asentado sobre un amplo macizo granítico percorrido polo río Sar nas proximidades do núcleo de Bertamiráns, é un dos espazos de maior valor paisaxístico do municipio.
 
Neste val de orixe fluvial, hai bosques de ribeira mesturados con zonas destinadas ao cultivo e pastoreo, pegadas do sistema agropecuario tradicional. A importancia ecolóxica do contorno do Sar motivou a distinción como Lugar de interese comunitario (LIC) incluído na Rede Natura 2000.
 
Ademais de embocar incontables regatos nas marxes dos ríos Tambre e Sar, abrolla abondosa vexetación ripícola como ameneiros (Alnus glutinosa), freixos (Fraxinus excelsior) e bidueiros (Betula alba) que dan paso a soutos e carballeiras de gran riqueza forestal. Nese hábitat hai tamén rás patilongas (Rana iberica), lavandeiras reais (Motacilla cinerea), miñatos (Buteo buteo) e donicelas (Mustela nivalis), entre outras especies de interese faunístico.
 
 
 
Toponomía

Poboación

Núcleos urbanos e parroquias

Economía