Solapas principales

170 establecementos comerciais adheríronse á campaña de tarxetas bono Merc@mes que comeza o 1 de marzo

Viernes, 26 de febrero de 2021

Calquera persoa, residente ou non, no concello de Ames, pode adquirir os bonos que se poñerán a venda a partir deste próximo luns, 1 de marzo, en Bertamiráns e no Milladoiro. As persoas que queiran mercar ditas tarxetas terán que presentar o seu DNI para acreditar que son maiores de 18 anos. Tamén se poderán mercar estes bonos nas carpas informativas que o Concello ten previsto instalar os días 5 de marzo, na rúa Travesa do Milladoiro, e o día 6, na praza da Maía de Bertamiráns. Existen dous tipos de bonos: un polo que se pagarán 30 euros e se obterán 50€ para gastar, e outro que custará 60 euros e terá un valor á hora de realizar as compras de 100€. A través desta campaña preténdese valorizar e impulsar as compras no comercio local. Preme nesta ligazón para consultar os establecementos adheridos a dita campaña.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, informa de que 170 establecementos comerciais adheríronse á campaña de tarxetas bono Merc@mes que comeza o 1 de marzo.  A través deste proxecto, durante este exercicio 2021, poranse en circulación 3.000 tarxetas-bono para gastar nos establecementos comerciais amesáns. Esta iniciativa xerará un volume de negocio de 200.000 euros.

A campaña desenvolverase en dúas fases. A primeira fase está previsto que se desenvolva dende o 1 de marzo ata o 1 de maio. A segunda fase será do 1 de setembro ata o 31 de outubro. Durante as dúas fases a clientela do comercio local poderá mercar dous tipos de bonos: un polo que se pagarán 30 euros e se obterán 50€ para gastar, e outro que custará 60 euros e terá un valor á hora de realizar as compras de 100€. Cómpre destacar que tanto a adquisición das tarxetas como a realización das compras con ditas tarxetas pódense realizar exclusivamente en estes dous períodos.

Características das tarxetas bono Reactiva Ames
A tarxeta-bono Reactiva Ames é unha tarxeta prepago a través da cal o Concello de Ames poñerá ao dispor das persoas beneficiarias unha axuda do 40% do valor da mesma. O Concello de Ames poñerá ao dispor dos beneficiarios, a través da entidade colaboradora, un total de 3.000 tarxetas que funcionarán como unha tarxeta visa prepago, con banda magnética, sen chip nin PIN (anónimas).

Estas tarxetas poderán ser utilizadas en futuras promocións que se poñan en marcha desde o Concello de Ames. O Concello de Ames cofinanciará dous tipos de tarxeta-bono Reactiva Ames:

  •  2.000 tarxetas Reactiva Ames por valor de 50 euros. Do valor total da tarxeta o Concello de Ames achegará 20 euros e a persoa beneficiaria achegará 30 euros.
  • •1.000 tarxetas Reactiva Ames de 100 euros. Do valor total da tarxeta o Concello de Ames achegará 40 euros e a persoa beneficiaria achegará 60 euros.

Poderase mercar unha tarxeta bono de cada tipo
A axuda do Concello de Ames é do 40% do valor da tarxeta-bono solicitada pola persoa beneficiaria. Cada persoa poderá solicitar e adquirir un máximo de 1 tarxeta-bono de cada tipo; é dicir, cada persoa poderá adquirir como máximo unha tarxeta bono de 50 € e unha tarxeta bono de 100 euros.

Como obter as tarxetas bono
A Concellaría de Promoción Económica, poñerá a venda as tarxetas bono a partir do 1 de marzo, data na que comeza a campaña. Calquera persoa maior de idade -non ten porque ser residente no concello de Ames- pode adquirilas, presentando o DNI que acredite que é maior de idade.

As tarxetas bono poñeranse á venda na Casa da Cultura de Bertamiráns, en horario de 11:00 a 13:30 horas, e de 17:00 a 19:30 horas. Habilitarse unha mesa na entrada da Casa da Cultura, onde se poderán mercar ditas tarxetas. No Milladoiro poderanse adquirir polas mañás, entre as 11:00 e as 13:30 no local da Asociación de Empresarios Novo Milladoiro, na rúa Palmeira, número 19. Polas tardes venderanse na rúa Viorneira, número 1, no local da Asociación Palmira Boulevard, entre as 17:00 e as 19:30 horas.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destaca que “a campaña Merc@mes tivo unha boa acollida entre o sector comercial con máis de 170 establecementos comerciais adheridos. Agora, agardamos que a clientela compre as 3.000 tarxetas-bono que se ofrecen para mercar no comercio local de Ames. Cómpre lembrar que dita campaña se desenvolve en dúas fases: a primeira do 1 de marzo ao 1 de maio e a segunda do 1 de setembro ata o 31 de outubro. A adquisición das tarxetas e a maila súa utilización para realizar compras pódense facer exclusivamente nestes dous períodos”.

170 establecementos adheridos á campaña
170 establecementos comerciais adheríronse á campaña de tarxetas bono Merc@mes. Entre eles non figuran espazos de gran distribución destinados á alimentación (hipermercados ou supermercados pertencentes a grandes cadeas), estacións de servizo de combustible, salas de xogo/apostas, farmacias e demais establecementos sanitarios e estancos, postos que nas bases se establecía que este tipo de negocios non poderían incluírse na campaña.

Si que se incluíron ópticas, clínicas veterinarias, psicotécnicos, clínicas dentais, establecementos ortopédicos e parafarmacias. As tarxetas non son válidas para a compra en tendas on-line, a través da Internet. Preme nesta ligazón para consultar os establecementos adheridos a dita campaña.

Os establecementos adheridos á dita campaña dispoñen dunha pegatina no escaparate de Merc@mes, para que a clientela os poida distinguir e saber en cales poden poder facer uso das tarxetas – bono.

campaña tarxetas bono

Multimedia

  • establecemento adherido
  • establecemento adherido
  • establecemento adherido
  • tarxeta bono
  • Cartel Merc@mes