Solapas principales

Departamento de Promoción Económica y Empleo

Noticias del departamento

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe, 28 de xaneiro, a modificación das bases da campaña de tarxetas bono Reactiva Ames. Deste xeito, modifícase o primeiro período da campaña Merc@mes. Inicialmente estaba previsto que se desenvolvese do 5 de febreiro ata o 31 de marzo, pero debido ás novas restricións aprobadas esta mesma semana pola Xunta para frear o nivel de contaxios pola Covid, decidiuse modificar as datas da primeira fase de dita campaña. Así, desenvolverase do 19 de febreiro ata o 19 de abril. A segunda fase será do 1 de setembro ata o 31 de outubro. Durante as dúas fases a clientela do comercio local poderá mercar dous tipos de bonos: un polo que se pagarán 30 euros e se obterán 50€ para gastar, e outro que custará 60 euros e terá un valor á hora de realizar as compras de 100€. A través desta iniciativa trátase de fomentar as compras no comercio local de Ames.

Dende este martes, día 6, ata finais do mes de agosto, as oficinas da Unión de Consumidores de Galicia, en Bertamiráns e no Milladoiro, estarán pechadas por descanso do persoal. O servizo de asesoramento enmárcase dentro do acordo que teñen asinado o Concello de Ames e a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL). No mes de setembro volverase a ofrecer dito servizo no horario habitual: os martes no Milladoiro e os xoves en Bertamiráns. A oficina de Santiago estará aberta en horario de 10:00 horas a 15:00 horas durante este mes.

Tras cinco meses, dende xuño, situado na rúa do Sar, o mercado de rúa volve a ubicarse no centro de Bertamiráns. Deste xeito, este sábado 14 de novembro, os postos ambulantes ocuparán as rúas Ameneiral e Entrerríos, así como a praza do Concello para poder cumprir as medidas de distancia e seguridade que dita o regulamento da Xunta de Galicia na loita contra a pandemia da COVID-19.

Os concellos de Ames e de Brión poñen en marcha unha nova edición do Programa Integrado de Emprego. Dirixido a 100 mulleres desempregadas, a formación orientarase ao traballo nos sectores socio sanitario, comercial e de atención ao público, ocio e tempo libre, turismo, limpeza, hostalería e manexo de maquinaria. Ademais, as participantes recibirán formación transversal en novas tecnoloxías e idiomas, técnicas de busca de emprego, marca persoal, comunicación, habilidades sociais e intelixencia emocional e emprendemento. Tamén contarán con titorías persoais que as acompañarán á hora de buscar emprego. O Programa está financiado con 213.599,74 € pola Consellería de Emprego e Igualdade e cofinanciado polos concellos de Ames e Brión. Para participar ou solicitar máis información do proceso de inscrición e do funcionamento do programa hai que cubrir este formulario.

Tras o éxito acadado na edición anterior do programa InserAmes-Brión XI (período 2018-19), cunha porcentaxe de inserción laboral superior ao 60% das persoas participantes, os concellos de Ames e Brión acaban de poñer en marcha un novo programa que rematará en outubro do 2020. Na décimo segunda edición do InserAmes-Brión participan 100 persoas desempregadas, residentes nos concellos de Ames e Brión, que pertencen aos colectivos de menores de 30 anos e maiores de 45 anos.

O Concello de Ames colaborou con REAS Galicia na organización do VI Encontro aberto da Economía Social e Solidaria, que se desenvolveu o sábado, 22 de maio, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Houbo charlas dirixidas a representantes de pequenas entidades co fin de potenciar a relación entre o tecido da economía social. O alcalde Ames, Blas García, asistiu á apertura da xornada, que se desenvolveu de 11.00 a 14.00 horas. Un total de 15 entidades e 35 persoas participaron en dito Encontro.

Calquera persoa, residente ou non, no concello de Ames, pode adquirir os bonos que se poñerán a venda a partir deste próximo luns, 1 de marzo, en Bertamiráns e no Milladoiro. As persoas que queiran mercar ditas tarxetas terán que presentar o seu DNI para acreditar que son maiores de 18 anos. Tamén se poderán mercar estes bonos nas carpas informativas que o Concello ten previsto instalar os días 5 de marzo, na rúa Travesa do Milladoiro, e o día 6, na praza da Maía de Bertamiráns. Existen dous tipos de bonos: un polo que se pagarán 30 euros e se obterán 50€ para gastar, e outro que custará 60 euros e terá un valor á hora de realizar as compras de 100€. A través desta campaña preténdese valorizar e impulsar as compras no comercio local. Preme nesta ligazón para consultar os establecementos adheridos a dita campaña.

Os Concellos de Ames e Brión están impartindo dende o pasado mes de outubro a quinta edición do obradoiro dual de emprego Renova no que participan 20 alumnos/as traballadores/as. Nesta edición impártense 12 meses de formación sobre o certificado de profesionalidade oficial de montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas de 420 horas de duración. Ademais, impártese un módulo do certificado de profesionalidade de montaxe de sistemas domóticos e inmóticos de 210 horas. Este certificado completo ten unha duración de 360 horas. Dita formación complementouse co curso de prevención de riscos laborais en alturas e mailo curso de plataformas elevadoras móbiles para persoas (PEMP).

Os Concello de Ames e Brión están desenvolvendo o obradoiro dual de emprego ForestAmes-Brión no que participan 20 alumnos/as traballadores/as e un equipo de 5 persoas que forman o persoal administrativo e docente. Este obradoiro comezou o pasado 28 de decembro de 2020 e realizarase ata o 27 de setembro de 2021. Durante 9 meses os traballadores/as recibirán formación específica sobre o certificado de profesionalidade oficial de repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, que conta con 410 horas de duración. Dentro do apartado de formación complementaria, o alumnado vén de participar nun curso sobre prevención de riscos laborais, de 60 horas de duración, impartido no centro de formación de Aldea Nova.

Esta mañá alumnado de cuarto de primaria do CEIP de Barouta presentou na sede central de Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN) un proxecto innovador sobre a aplicación da tecnoloxía e a intelixencia artificial no sector gandeiro. Esta iniciativa, que desenvolveron entre todos como traballo de aula, busca facilitar o traballo dos gandeiros e gandeiras ofrecendo información meteorolóxica en tempo real que lles permita mellorar o rendemento das explotacións. Durante a presentación o alumnado estivo acompañado de persoal do centro de ensino, así como do alcalde de Ames e das concelleiras de Promoción Económica e Educación.

Eventos del departamento

O acto inaugural da programación de Nadal da Concellaría de Promoción Económica neste ano 2021 é o acendido das luces, que terá lugar o 8 de decembro ás 18:30 horas na Praza do Concello, en Bertamiráns. Durante a tarde, a veciñanza gozará da actuación musical da escola de música EMMA e dunha chocolatada con churros. O evento forma parte do programa "Nadal con Ames na Rúa".

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, informa de que o concerto solidario de Nadal que terá lugar este mércores, 28 de decembro, realizarase no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. Debido a previsión meteorolóxica, que apunta abundante choiva, decidiuse cambiar a praza de Manuel Murguía pola Casa da Cultura. O recital, no que participará o violinista amesán Anxo Gómez Piñeiro, ten como obxectivo a recadación de fondos a prol da Asociación Galega da enfermidade de Dent, Art for Dent, que busca dar visibilidade a dita doenza e impulsar a súa investigación. A entrada para o concerto é gratuíta. A asociación Art for Dent disporá dun posto para vender diverso material co obxectivo de recadar fondos.

Chega unha nova actuación no mes de agosto do programa AmesON de verán. A praza de Manuel Murguía, no Milladoiro, acolle o concerto do grupo local As Maianas, a partir das 21:00 horas.

Continúa a programación do AmesOn de verán, desta volta coa actuación do grupo Club Naval, na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro, a partir das 21:00 horas.

O programa AmesON de verán continúa durante o mes de xullo. O venres 15, ás 21.00 horas,  actuará na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro, o dúo Eva e Camilo.

A praza de Manuel Murguía, no Milladoiro, acolle unha nova actuación do programa AmesON de verán. Será a partir das 21:00 horas, co grupo Habana Café Son.

O programa AmesOn de verán chega ao seu fin este domingo, 18 de setembro, coa actuación da orquestra Panorama e das gañadoras do concurso Canta con Ames: Adriana Vigo, María Iglesias, Montse Angueira e José Rey. Dita actividade realizarase no aparcamento da rúa Agro do Medio, ao carón do Supercor, no Milladoiro. Estará prohibido estacionar no aparcadoiro do Supercor e no tramo da rúa Agro do Medio, nos cruces coa rúa Pardiñeiros e coa rúa Cruxa, dende as 16.00h do sábado 17 de setembro ata as 8.00 horas do luns 19 de setembro.

As actuación do mes de agosto do programa AmesON de verán péchanse, ás 21.00 horas, coa actuación da artista Pili Pampín, no parque do Ameneiral, en Bertamiráns.

O Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, acolle a partir das 22:30 horas unha nova actuación do programa AmesON de verán. Desta volta, Ruth Cundíns ofrecerá o espectáculo musical e solidario "Puedes llegar", a través do cal pretende visibilizar desde a música e a arte a enfermidade de Dent.

O sábado 1 de xullo terá lugar o concerto de Brais das Hortas, enmarcado dentro do programa AmesOn, na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro. Será ás 19:30 horas. Das Hortas é músico dende 1996, e na actualidade forma parte dos grupos Sacha na Horta e Blues do País. Toca a guitarra eléctrica, clásica, acústica e portuguesa, laúde árabe, frauta chinesa, caixón, batería de refugallo, darbouka, karkaba, kalimba, beatbox, harmónica, antenas tubulares, melódica, efectos sonoros… Ademais, é clown e compón e grava bandas sonoras orixinais para diversos espectáculos.