Pestanas principais

Departamento de Promoción Económica e Emprego

Novas do departamento

Dende este martes, día 6, ata finais do mes de agosto, as oficinas da Unión de Consumidores de Galicia, en Bertamiráns e no Milladoiro, estarán pechadas por descanso do persoal. O servizo de asesoramento enmárcase dentro do acordo que teñen asinado o Concello de Ames e a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL). No mes de setembro volverase a ofrecer dito servizo no horario habitual: os martes no Milladoiro e os xoves en Bertamiráns. A oficina de Santiago estará aberta en horario de 10:00 horas a 15:00 horas durante este mes.

O pasado xoves, 10 de outubro, tivo lugar na Cidade da Cultura de Santiago a celebración da primeira edición en Galicia de Emprende Innova Comparte, un evento organizado por Acción Contra a Fame, en colaboración co Concello de Ames e outras institucións. Ao longo da xornada organizáronse talleres participativos, networking e un concurso final onde a amesá, Lucía Nieto, obtivo o premio mentorización, que lle axudará a posicionar a súa futura empresa. A dito evento asistiron 32 persoas, mentres que no concurso participaron 12 emprendedores/as.

A asociación deportiva Rutasapie organiza para a próxima fin de semana, do 25 ao 28 de xullo,  unhas rutas de sendeirismo polos Picos de Europa. A actividade divídese en catro xornadas nas que os asistentes poderán percorrer e gozar de diferentes paraxes como La Hermida, Sierra de Bejes, Tresviso, o canal do río Urdón, Sotres, Urriellu, Cabrones ou Poncebos. Serán catro andainas de dificultade moderada, cun prezo de 247 euros para persoas non federadas, e de 235 euros para as que si o están. A viaxe inclúe aloxamento con cea e almorzo. Para inscribirse ou solicitar máis información pódese enviar un correo electrónico ao enderezo clubrutasapie@gmail.com ou chamar ao teléfono 628 287 957.

O GDR 19 Asociación Terras de Compostela está organizando un plan de formación sobre “Transformación e conservación de produtos agrarios”. Esta actividade enmárcase dentro da medida Leader 2014-2020. Realizarase os días 3, 5, 10, 12, 17, 19, 24 e 26 de setembro, en horario de tarde, de 16.30 a 20.30 horas, no centro sociocultural do Castiñeiriño. Para reservar praza no curso hai que chamar ao número de teléfono 981 81 83 57 ou enviar un correo electrónico ao enderezo info@terrasdecompostela.org.

A Asociación Europea de Economía e Competitividade concedeu á empresa tecnolóxica amesá Tecalis o Premio Europeo á Xestión e Innovación Empresarial 2019. A distinción recoñece ás empresas máis representativas que apostan pola busca de novas fórmulas de innovación empresarial. Ademais a empresa, que naceu no ano 2011, foi posta fai uns meses no lugar 145 das 1.000 empresas que máis crecen en Europa.

O salón de plenos da Casa do Concello de Ames, en Bertamiráns, acollerá o vindeiro martes, 12 de novembro, ás 20:00 horas, unha xornada sobre comercio electrónico seguro. A actividade está organizada pola Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) en colaboración do Concello de Ames. Trátase dunha charla gratuíta e aberta a toda a veciñanza amesá interasada no proceso de compra a través de Internet.

Este xoves, 14 de novembro, celebrouse unha nova sesión da Xunta de Goberno Local na que se aprobou a adxudicación do expediente de subministro, instalación, conexión, mantemento e desmontaxe do alumeado de Nadal e outros elementos decorativos da campaña de Nadal. Este servizo foi adxudicado á empresa Iluminaciones Santiaguesas SL por un importe de 47.250,50 euros. A duración inicial será dun ano, podendo prorrogarse por un ano máis.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, colabora coa organización Acción contra a Fame, na organización do evento Emprende Innova Comparte en Galicia, que se celebrará o vindeiro xoves, 10 de outubro, na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela. Haberá talleres participativos, networking e un concurso final onde se poderá obter premios valorados en 2.800 euros que che axudarán a posicionar a túa futura empresa. Para obter máis información e inscribirse hai que acceder á páxina web www.emprendeinnovacomparte.org/galicia

Arredor de 10 persoas de Ames, que no seu tempo libre se dedican a elaboración de alfombras florais, participan esta fin de semana no Encontro Internacional de Arte efémera, que se celebra en Bueu os días 26, 27 e 28 de xullo. Trátase dun evento de carácter internacional que reúne delegacións de alfombristas de 6 países diferentes (India, Malta, Portugal, Italia, Alemaña e España). Previamente, este xoves o alcalde e maila concelleira de Promoción Económica estiveron, xunto con varias/os alfombristas de Ames, cunha delegación de alfombristas que visitaron a capela de San Xoanciño de Pousada.

A Xunta de Goberno Local ven de aprobar o reparto de subvencións para a promoción do comercio local, exercicios 2017-2018, cun importe de 36.137,06 euros. A finalidade destas subvencións é a de favorecer a promoción e o desenvolvemento de actividades realizadas no seo das asociacións de comerciantes e profesionais do Concello de Ames, que estean legalmente constituídas e inscritas no rexistro municipal. As asociacións beneficiarias son a Asociación de Comerciantes de Bertamiráns, a Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro e a Asociación de comerciantes Palmira Bulevar. Desde a notificación do acordo, as asociacións contarán co prazo dun mes para xustificar a subvención.