Solapas principales

20 alumnos/as traballadores/as están formándose na montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas

Lunes, 27 de marzo de 2023

Os Concellos de Ames e Brión están impartindo dende o pasado mes de outubro a quinta edición do obradoiro dual de emprego Renova no que participan 20 alumnos/as traballadores/as. Nesta edición impártense 12 meses de formación sobre o certificado de profesionalidade oficial de montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas de 420 horas de duración. Ademais, impártese un módulo do certificado de profesionalidade de montaxe de sistemas domóticos e inmóticos de 210 horas. Este certificado completo ten unha duración de 360 horas. Dita formación complementouse co curso de prevención de riscos laborais en alturas e mailo curso de plataformas elevadoras móbiles para persoas (PEMP).

Esta mañá o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e mailo primeiro tenente de Alcalde do Concello de Brión, Carlos Noya, achegáronse ata o Centro de formación de Aldea Nova para facer entrega dos diplomas que acreditan o correcto aproveitamento do curso de prevención de riscos laborais en alturas e do curso de plataformas elevadoras móbiles para persoas (PEMP). Ditos cursos complementan a formación que se está impartindo no obradoiro dual de emprego Renova no que participan 20 alumnos/as traballadores/as.

Dentro do plano de formación aprobado para este proxecto, a totalidade do alumnado recibe formación en dous certificados de profesionalidade, un completo e outro parcial. O certificado que se imparte integramente é o de montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas de 420 horas de duración. Ademais, impártese un módulo do certificado de profesionalidade de montaxe de sistemas domóticos e inmóticos de 210 horas. Este certificado completo ten unha duración de 360 horas.

Por outra banda, tamén forma parte do plan formativo deste obradoiro outros módulos complementarios de alfabetización dixital, orientación profesional, sensibilización en igualdade de xénero. Ademais decidiuse complementar o plan formativo aprobado cun curso de prevención de riscos laborais en alturas e con outro curso de plataformas elevadoras móbiles para persoas (PEMP). Ditas accións formativas teñen o obxecto de inculcar prácticas seguras de cara ao inicio dos traballos nas actuacións aprobadas (cultura preventiva) e mellorar a cualificación e empregabilidade do alumnado.

O alcalde de Ames, Blas García, deulle os parabéns ao alumnado pola realización destes dous cursos e animounos a seguir traballando para formarse no sector das enerxías renovables xa que conta cunha gran demanda laboral. “Os Concellos de Ames e Brión decidimos continuar organizando este obradoiro en enerxías renovables, en colaboración coa Xunta de Galicia, porque é un sector que está en auxe e que cada vez demanda máis profesionais formados. A formación que recibades neste obradoiro é fundamental porque son moitas as empresas interesadas en contratar aos alumnos que participan nos obradoiros antes do seu remate”.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destacou que “o traballo do alumnado deste obradoiro permitirá dispor de novas instalación de fotovoltaicas e instalacións domóticas, pero tamén facer traballos de mantemento en instalacións xa existentes”. Tamén explicou que “da pasada edición o 50% do alumnado atopou traballo no sector das enerxías renovables, algo que é moi importante para a nosa Concellaría, pois vemos o froito do traballo que realizamos a diario en materia de emprego”.

Obradoiro dual de emprego
Os obradoiros duais de emprego son programas públicos de formación e emprego en que os traballadores/as desempregados/as participantes reciben cualificación profesional ao mesmo tempo que desenvolven un traballo produtivo en actividades de utilidade pública ou interese social. Este obradoiro está sufragado a través dunha subvención de 503.987 euros, concedida aos Concellos de Ames e Brión por parte da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, da Xunta de Galicia, para o financiamento dos custos de formación profesional para o emprego. Ademais, concedéronse 30.000 euros para 20 incentivos á contratación laboral.

No Renova V fórmase durante 12 meses a 20 alumnos/as, concretamente quince alumnos do concello de Ames e cinco alumnos do concello de Brión. Durante un ano os participantes reciben formación na especialidade montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas. Esta é unha das principais novidades deste obradoiro respecto a obradoiros anteriores, xa que se incrementou de 9 a 12 meses a formación que recibe o alumnado.

Novas instalacións de fotovoltaicas e domóticas
Ademais da formación teórico práctica, o alumnado realizará traballos de interese municipal. Neste caso van realizar novas instalacións de fotovoltaicas na estación depuradora de Lens, que presta servizo aos concellos de Ames e Brión. Tamén se executará a instalación de sistemas domóticos na planta fotovoltaica do centro de formación e emprego de Ames, nos campos de fútbol de Bertamiráns e do Milladoiro, pavillón polideportivo de Bertamiráns, na Casa da Cultura e instalacións deportivas do Milladoiro, na planta EDAR da Ameixenda e na planta EDAR do Milladoiro.

No concello de Brión tamén se instalarán sistemas domóticos na planta fotovoltaica da escola infantil de Brión e no pavillón deportivo de Brión, así como na planta fotovoltaica e no sistema de aerotermia do centro social polivalente de Brión. Tamén se implantarán puntos de recarga eléctrica no pavillón deportivo de Brión e na biblioteca municipal de Brión.

Ademais, faranse traballos de mantemento nas instalacións fotovoltaicas do centro de formación e emprego do Concello de Ames, no campo de fútbol de Bertamiráns, pavillón polideportivo de Bertamiráns, campo de fútbol do Milladoiro, Casa da Cultura e instalacións deportivas do Milladoiro, escola infantil municipal de Brión, pavillón polideportivo de Brión, espazo colaborativo Transformando de Brión, na depuradora da Ameixenda, depuradora do Milladoiro e no centro social polivalente de Brión.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "El plan Renova de Ames y Brión forma a veinte personas en energía solar y domótica"

El Correo Gallego: "Forman ao alumnado do obradoiro dual de Ames e Brión na montaxe de instalacións fotovoltaicas"

Enfoques: "Ames y Brión forman a veinte alumnos en instalaciones de energía solar y domótica"

Foto de grupo feita trala entrega de diplomas

Multimedia

  • Imaxe da entrega de diplomas
  • Imaxe da entrega de diplomas
  • Imaxe da entrega de diplomas
  • Imaxe da entrega de diplomas