Solapas principales

15 entidades e 35 persoas participaron no VI Encontro aberto da Economía Social e Solidaria

Martes, 25 de mayo de 2021

O Concello de Ames colaborou con REAS Galicia na organización do VI Encontro aberto da Economía Social e Solidaria, que se desenvolveu o sábado, 22 de maio, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Houbo charlas dirixidas a representantes de pequenas entidades co fin de potenciar a relación entre o tecido da economía social. O alcalde Ames, Blas García, asistiu á apertura da xornada, que se desenvolveu de 11.00 a 14.00 horas. Un total de 15 entidades e 35 persoas participaron en dito Encontro.

A Rede galega da economía alternativa e solidaria en Galicia organizou, o pasado sábado 22 de maio, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, o VI Encontro aberto da Economía Social e Solidaria. A través desta xornada preténdese visibilizar a economía social e solidaria co fin de apoiar ás entidades locais tendo en conta a idiosincrasia do país, ligada a microempresas e á dispersión territorial.

A xornada comezou ás 11.00 horas coa presentación do Encontro por parte de representantes de REAS Galicia e do alcalde de Ames, Blas García. Continuouse co espazo “Reascunchiño”, micropresentacións de entidades da economía social galega (cooperativas, centros especiais de emprego, empresas de inserción laboral, sociedades laborais, asociacións con actividade economía ou sociedades agrarias de transformación).

De seguido, de 12.30 a 13.00 horas, impartiuse a actividade “Aproximación ás finanzas éticas e á moeda social”. Esta sesión buscou dar a coñecer o sector financeiro da economía social que traballa cos principios de democracia, transparencia e participación, con sólidas institucións como as socias de REAS, Coop57 ou O Peto. Fíxose tamén unha pequena aproximación ás diferentes propostas galegas en moeda social.

Para rematar, de 13.00 a 14.00 horas, a cooperativa socia de REAS Galicia, 7H Cooperativa Cultural, presentou o seu proxecto artístico “Transmutar camiños”, que ten un dos seus centros en Ames, onde tamén impulsan “A Historia Viva de Ames” ou “Museo das Migrantes”, unha publicación artística contra a xenofobia e o racismo.

Esta actuación estivo subvencionada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e polo Ministerio de Emprego, Migracións e Seguridade Social para entidades da Rede Eusumo.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, agradece a REAS Galicia “ter elixido Ames para desenvolver a sexta edición deste Encontro sobre economía social e solidaria. Deste xeito, achegouse aos veciños e veciñas o valor dos proxectos que se están realizando neste eido”. Ademais, resalta a gran participación e o interese que mostraron os/as amesáns.

Por outra banda, a concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, agradece “o gran traballo que está a facer REAS Galicia potenciando a economía solidaria, que xurde como resposta á deshumanización da economía, ao deterioro do medio ambiente e á perda de valores sociais, converténdose nun instrumento para avanzar cara a unha sociedade máis xusta e solidaria, sostible e comprometida mostrándonos outro xeito de enfocar e xestionar a economía. Esta proposta de economía social fai que deixemos de ser quen sofre as consecuencias de decisións que non tomamos e pasemos a ser as persoas o centro da economía”.

VI Encontro aberto da Economía Social e Solidaria

Multimedia

  • VI Encontro aberto da Economía Social e Solidaria