Os departamentos de Mocidade e Normalización Lingüística de Ames continúan por segundo ano o certame Galetiktokers, co que buscan estimular a creatividade entre a mocidade, animar a creación de vídeos en galego con novos formatos e temáticas, e darlle visibilidade á crecente comunidade galega na rede social TikTok. Esta mañá, a concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, xunto ás influencers e presentadoras Lucía Rodríguez e Fátima Pego, presentou o certame, que busca aproveitar o “ talento da xente moza” para “espallar a nosa lingua”, con contidos audiovisuais adaptados a elas e eles. Nesta edición poderá participar rapazada a partir dos 13 anos de calquera parte do mundo, enviando o seu vídeo e esta ficha de participación ao enderezo electrónico galetiktokers21@gmail.com, ata o 19 de novembro. Repartiranse catro premios de 150 euros nunha gala que se celebrará o 16 de decembro, na Casa da Cultura de Bertamiráns.