Pestanas principais

Amplíase o prazo de inscricións para o curso de monitores de tempo libre ata o vindeiro xoves, 2 de marzo

Venres, 24 de febreiro de 2023

O departamento de Xuventude do Concello de Ames informa de que o prazo para inscribirse no curso de monitores de tempo libre que se impartirá no Pazo da Peregrina durante os meses de marzo, abril e maio amplíase ata o vindeiro xoves, 2 de marzo. Dito curso ten un prezo de 172 euros e está dirixido a mozos/as maiores de 18 anos que conten co graduado en educación secundaria ou equivalente, ou ben que sexan técnicos auxiliares en formación profesional. Os interesados en participar deben cubrir a ficha de inscrición e presentala no rexistro municipal (presencialmente ou a través da Sede electrónica do Concello), xunto cunha fotocopia do seu DNI e da súa titulación académica. De non reunir quince participantes, o mínimo para o desenvolvemento das clases, o curso quedará suspendido. As bases ao completo e o calendario poden consultarse premendo nesta ligazón.

A Concellaría de Xuventude puxo en marcha, un ano máis, a convocatoria de inscricións para unha nova edición do curso de monitores de tempo libre, que terá lugar durante as fins de semana e días festivos dos meses de marzo, abril e maio, en horario de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas. Deste xeito, facilítase que todos os mozos/as amesáns/ás que o desexen poidan obter o título. Trátase dunha formación útil e que capacita para deseñar, programar e pór en práctica distintas actividades socioculturais e de ocio orientadas á infancia, á mocidade, aos maiores ou ás persoas con necesidades especiais. Os contidos que se imparten abarcan áreas como a psicoloxía, as dinámicas de grupo, os xogos no tempo libre, a expresión, a educación ambiental, a saúde, a lexislación...

O prezo do curso é de 172 euros. Os interesados en anotarse poden facelo aínda ata o vindeiro xoves, 2 de marzo, no rexistro municipal (presencialmente ou a través da Sede electrónica do Concello). Deberá proporcionarse a ficha de inscrición debidamente cumprimentada, unha fotocopia do DNI e da titulación que se posúa (como mínimo deberase estar graduado/a en EXB, FP, ESO ou equivalente). Todos aqueles que obteñan praza recibirán por correo electrónico unha folla de autoliquidación para aboar o pagamento do curso. Será necesario que haxa un mínimo de quince persoas para que se desenvolva. En caso contrario, dito curso será suspendido.

Duración do curso e bloques teórico e práctico
O curso ten unha duración de 350 horas, e consta de dúas partes. Por unha banda, ofrecerase unha formación de carácter teórico-práctica de 200 horas, mentres que o segundo bloque, de 150 horas, é integramente práctico. A primeira parte desenvolverase, en horario de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas, durante as fins de semana. Neste bloque, o alumnado deberá asistir obrigatoriamente a un 80% das sesións. De non facelo, perderá o dereito a ser avaliado pola escola de tempo libre. Os criterios que serán valorados para puntuar aos participantes do curso na parte teórico-práctica son os seguintes: actitude, grao de implicación e interese, capacidade de reflexión, pensamento crítico e perspectiva educativa e traballo personalizado e individual.

Por outra banda, o segundo bloque, dunha duración de 150 horas, responderá a un proxecto elaborado polo alumnado. Existen dúas modalidades de realización: 14 días nunha actividade de tempo libre (en campamentos, colonias, albergues, campos de traballo... así como noutras iniciativas, sempre en períodos non inferiores a tres días); ou ben en 150 horas de actividade nunha entidade ou asociación que traballe áreas que teñan relación co tempo libre.

Unha vez rematada a fase teórica, o alumnado ten dous anos para levar a cabo a parte práctica, e estará sempre acompañado por un titor ou titora que se fará responsable das súas prácticas, e que estará designado pola entidade receptora.

Neste bloque práctico, todos os alumnos e alumnas deberán entregar un breve proxecto de prácticas coa programación que deseñen (antes de comezar a realizalas). Así mesmo, unha vez rematen as 150 horas, deberán presentar unha memoria de elaboración propia e individual, que conteña unha síntese da súa experiencia nas distintas actividades realizadas (valoracións xerais e particulares, memoria fotográfica...). O titor ou titora de prácticas tamén terá que emitir un informe no que se confirme que o proxecto foi realizado de maneira satisfactoria.

Unha vez rematadas a fase teórico-práctica e o bloque integramente práctico, o alumnado poderá solicitar á Xunta de Galicia o seu título oficial, previo pago das taxas de expedición.

Cartaz do curso de monitor de tempo libre

Multimedia

  • Amplíase o prazo de inscricións para o curso de monitores de tempo libre ata o vindeiro xoves, 2 de marzo