Pestanas principais

Arranca o Programa de sexualidade positiva e saudable [con]sentido para a mocidade

Venres, 23 de xullo de 2021

A concellaría de Mocidade vai iniciar o luns día 26 de xullo o programa [con]sentido cunha ampla programación que abrangue un concurso de fotografía, obradoiros de sexualidade, xornadas de Educación Sexual e un videoforum. Con este programa darase resposta á demanda da mocidade amesá nos Orzamentos participativos do ano 2020.

A necesidade da educación sexual en idade temperá motivou ao censo máis novo a decantarse pola atención ás sexualidades nos Orzamentos participativos do ano 2020. Froito desa votación a concellaría de Mocidade vai poñer en marcha [con]sentido, un programa de sexualidade positiva e saudable co afán de fomentar a igualdade entre os sexos, cultivar o respecto, a aceptación e a tolerancia cara todas as sexualidades, favorecer o autocoñecemento e o coñecemento das demais persoas, asi como promover unha vivencia libre, segura e satisfactoria da sexualidade.

O programa [con]sentido comeza o luns 26 de xullo coa apertura do prazo de inscrición da I edición do concurso de fotografía #SexualizArte 2021. O concurso, dirixido a mozas/os de entre 18 e 30 anos, busca as mellores fotografías relacionadas coas diferentes realidades e vivencias en torno á sexualidade, facendo fincapé na diversidade de corpos, identidades, orientacións, desexos, expresións, afectos e eróticas. O prazo para presentar as fotografías remata o 30 de agosto. Podedes consultar as bases premendo na seguinte ligazón. Para inscribirse hai que enviar a ficha cuberta a concursosexualizarte@gmail.com.

Ao concurso de fotografía vaise sumar unha Xornada de Educación Sexual. Será o 18 de setembro na Casa da Cultura do Milladoiro entre as 10 e as 14 horas.

O programa [con]sentido prosegue no mes de outubro con cinco obradoiros. Serán o 9, o 23 e o 30 de outubro de mañá e tarde. Ao longo destas tres xornadas as mozas e os mozos participantes traballarán diversas accións coa pretensión de promocionar a igualdade e o libre exercicio dos dereitos sexuais e reprodutivos. Con estas accións abordaranse temáticas relacionadas co sexting, a educación menstrual e a elaboración de compresas de tea, os métodos anticonceptivos, e outros máis prácticos como a elaboración dunha vulva-puff, ou a construción de xoguetería erótica DIY.

O programa [con]sentido vaise clausurar o venres 26 de novembro cun videoforum co gallo do día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres. Pódese consultar o programa completo premendo na seguinte ligazón.

Todas as actividades teñen prazas limitadas. Os interesados poderán inscribirse ou obter máis información dez días antes de cada actividade no correo electrónico   con.sentido@agasex.org.

Estes obradoiros enmárcanse dentro das liñas de actividades dos Orzamentos participativos 2020, que dotan cunha partida de gasto de 40.000 euros as actividades das áreas de muller, cultura, mocidade e medio ambiente votadas pola cidadanía amesá.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ames inicia un programa de sexualidade positiva e saudable na procura da igualdade e a tolerancia"

Cartel [con]sentido

Multimedia

  • Presentación do programa [con]sentido
  • Cartel do programa [con]sentido