A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle o vindeiro venres, 10 de novembro, ás 20:00 horas, a gala de entrega de premios do IV Certame Galetiktokers, unha iniciativa dos departamentos de Xuventude e de Normalización Lingüística do Concello de Ames, que se realiza por cuarto ano consecutivo e que ten como obxectivo fomentar a creatividade da rapazada e animar a creación de vídeos en galego a través das redes sociais e das novas canles de comunicación. Nesta cuarta edición presentáronse 51 vídeos, realizados por máis de 120 mozos/as de Ames e doutras localidades de Galicia. O evento estará presentado e dirixido polas/os creadoras/es de contido en galego, @Pradorua e @Gabiig8, e amenizado polo grupo amesán, Onda Dagda. A gala é aberta ao público e para reservar praza cómpre confirmar asistencia ata as 14.00 horas do 8 de novembro, enviando un correo electrónico ao enderezo: galetiktokers23@gmail.com.