Pestanas principais

Arranca a segunda edición do Certame Galetiktokers, con 600 euros en premios

Mércores, 27 de outubro de 2021

Os  departamentos de Mocidade e Normalización Lingüística de Ames continúan por segundo ano o certame Galetiktokers, co que buscan estimular a creatividade entre a mocidade, animar a creación de vídeos en galego con novos formatos e temáticas, e darlle visibilidade á crecente comunidade galega na rede social TikTok. Esta mañá, a concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, xunto ás influencers e presentadoras Lucía Rodríguez e Fátima Pego, presentou o certame, que busca aproveitar o “ talento da xente moza” para “espallar a nosa lingua”, con contidos audiovisuais adaptados a elas e eles.  Nesta edición poderá participar rapazada a partir dos 13 anos de calquera parte do mundo, enviando o seu vídeo e esta ficha de participación ao enderezo electrónico galetiktokers21@gmail.com, ata o 19 de novembro. Repartiranse catro premios de 150 euros nunha gala que se celebrará o 16 de decembro, na Casa da Cultura de Bertamiráns.

O acto de presentación tivo lugar esta mañá na Casa da Cultura do Milladoiro, coa participación dos departamentos de Mocidade e Normalización Lingüística de Ames e de Lucía Rodríguez e Fátima Pego, instagramers e presentadoras de TVG. Nesta edición, buscarase a colaboración con figuras importantes das redes sociais galegas, que servirán para “aportar ese plus importante a este certame” e “axudar a espallar a información para que non deixe de participar ninguén”, segundo palabras da propia concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín.

A concelleira e a organización buscan mellorar a participación con respecto ao pasado ano, ampliando ademais a participación a persoas de fóra do propio concello, iso si, co foco na nosa lingua. “Hai moitísimo talento por todo o país de xente moza, e tratamos de aproveitalo e de espallar a lingua, e de que cada vez sexan máis os vídeos e os contidos audiovisuais e de creación en galego”, sinalou a concelleira. A presentadora e instagramer, Fátima Pego, animou a todo o mundo a participar e a valorar a importancia das comunidades na rede: “Hai moitísimas creadoras e creadores que están desexando sacar iso que levan dentro, entón que se animen, que non pensen que o seu contido non é o suficientemente bo, xa que ten o seu valor e todo suma a favor da difusión da nosa lingua e de facer comunidade”. Pola súa banda, Lucía Rodríguez engadiu: “É unha estupenda ocasión para animalos a ser creativos, empregando a nosa música, o noso entorno ou a natureza, e así demostrar que somos Galetiktokers e non só tiktokers normais”.

Categorías, premios e xurado

No certame poden participar mozos e mozas a partir dos 13 anos, repartidos en dúas categorías en función da idade. A primeira categoría inclúe á rapazada dos 13 aos 16 anos (ambas as idades incluídas) e a segunda engloba a mocidade a partir dos 17 anos. Como novidade da presente edición, pode participar calquera persoa, sen ter que ser veciño ou veciña do concello.

O concurso reparte catro premios de 150 euros, dous por categoría de idade. Dous dos premios decidiraos o xurado que se nomee e os outros dous escolleraos o público, dado que serán para as pezas audiovisuais con máis “gústame” no perfil de Instagram da OMIX de Ames (@omixames).

Características e condicións dos vídeos

Os vídeos creados para esta segunda edición do certame Galetiktokers teñen que estar en lingua galega, e deben ser de creación propia a través da aplicación TikTok, cunha duración de entre 15 e 60 segundos. Será obrigatorio que a lingua teña presenza, xa sexa de xeito oral, escrito ou musical. A temática é libre, polo que terán cabida no concurso pezas relacionadas coa música, co humor, co baile, coa interpretación, co deporte... ou con calquera outro tema. Non se admitirán vídeos que promovan unha mensaxe violenta, denigrante ou ofensiva.

Inscrición e prazos

Para participar no certame, cómpre enviar ao enderezo electrónico galetiktokers21@gmail.com a seguinte ficha de participación cuberta e asinada, ademais do propio vídeo que se presenta no concurso. O prazo de inscrición rematará o 19 de novembro de 2021. A organización comprobará que se cumpren os requisitos e validará a inscrición a través dun correo de confirmación.

Todas as pezas admitidas subiranse ao perfil de Instagram da OMIX de Ames (@omixames), co cancelo #galetiktokers. O prazo de votación para determinar os premios do público será entre o 23 e o 30 de novembro ás 23:59 horas. Para poder votar será necesario seguir o perfil de Instagram da OMIX de Ames.

O Concello de Ames reserva o dereito de empregar os vídeos participantes na promoción do proxecto Galetiktokers en calquera das súas edicións. As pezas, así como o seu título e autoría, faranse públicas. Os datos persoais facilitados polas persoas participantes terán como única finalidade a participación no certame e procederase á súa eliminación unha vez se resolva esta convocatoria.

Escarlata Pampín, concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística

"Cremos que cando falamos de lingua e de mocidade temos que recorrer a fórmulas que nos fagan chegar a eles e a elas. As redes sociais forman parte do día a día de todas nós, pero moito máis nesas franxas de idade. Hai moitísimo talento por todo o país de xente moza, e tratamos de aproveitalo e de espallar a lingua, e de que cada vez sexan máis os vídeos e os contidos audiovisuais e de creación en galego. Coa axuda de Fátima e de Lucía, que aportan ese plus importante a este certame, seguro que chegamos a máis xente para que sexa un éxito de participación".

E engadiu “contamos con 600 euros en premios, e ademais do importe económico pretendemos axudar a visibilizar a estas creadoras de contido. Contamos con caras coñecidas que nos axudarán a difundir todo o relacionado cos Galetiktokers: As mozas que nos acompañan esta mañá, Fátima e Lucía, ademais doutros influencers como Gabi, Leti da Taberna ou Esther Estévez, que axudarán a espallar a información para que non deixe de participar ninguén”.

Fátima Pego, instagramer e presentadora de TVG

“Os creadores de contido en galego temos un reto diario de poñer en valor o noso, ese elemento diferenciador que é a nosa lingua, e crear unha comunidade, unha tribo que nos diferencie. Nós creamos un contido que ao mellor só nós mesmos somos quen de crear dese xeito. Xa non co humor, coa retranca, senón apelando a sentimentos propios nosos como a morriña, agora que está tan vixente co tema da “Galicia profunda”, que só podemos entender os que somos de aquí. Hai moitísimas creadoras e creadores que están desexando sacar iso que levan dentro, entón que se animen, que non pensen que o seu contido non é o suficientemente bo, xa que ten o seu valor e todo suma a favor da difusión da nosa lingua e de facer comunidade”.

Lucía Rodríguez, instagramer e presentadora de TVG

“Estas iniciativas están moi ben, porque é en ocasións como estas, con Concellos como o de Ames, cando realmente lle damos importancia á xente nova. Moitas veces prescindimos de chamar a súa atención, de darlles oportunidades de visibilizar o que pensan nas redes sociais, que é onde botan unha gran parte de horas hoxe en día. Trátase de tender a man para que a mocidade participe en iniciativas do concello, que é importante para que se sintan escoitados. Ademais, é unha estupenda ocasión para animalos a ser creativos, empregando a nosa música, o noso entorno ou a natureza, e así demostrar que somos Galetiktokers e non só tiktokers normais”.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Certame Galetiktokers con 600 euros en galardóns"

Arranca a segunda edición do Certame Galetiktokers, con 600 euros en premios

Multimedia

  • Arranca a segunda edición do Certame Galetiktokers, con 600 euros en premios
  • Arranca a segunda edición do Certame Galetiktokers, con 600 euros en premios
  • Arranca a segunda edición do Certame Galetiktokers, con 600 euros en premios
  • Arranca a segunda edición do Certame Galetiktokers, con 600 euros en premios
  • Arranca a segunda edición do Certame Galetiktokers, con 600 euros en premios