- Tipo
- Tematica
A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este sábado, 22 de novembro, ás 19:00 horas, a gala de entrega de premios do VI Certame Galetiktokers, unha iniciativa dos departamentos de Xuventude e de Normalización Lingüística do Concello de Ames, que se realiza por sexto ano consecutivo e que ten como obxectivo fomentar e impulsar a creatividade da rapazada e animar a creación de vídeos en galego a través das redes sociais e das novas canles de comunicación. Nesta edición presentáronse 56 vídeos, realizados por arredor de 100 mozos/as de Ames e doutras localidades de Galicia. O evento estará presentado pola actriz e presentadora Carlota Mosquera e amenizado musicalmente polo grupo Sacha na Horta. A gala é aberta ao público e para reservar praza cómpre confirmar asistencia enviando un correo electrónico ao enderezo: galetiktokers25@gmail.com. A gala será emitida en directo a través do Instagram de Xuventude Ames.
Un ano máis, os departamentos de Xuventude e Normalización Lingüística de Ames puxeron en marcha a sexta edición do Certame Galetiktokers, unha iniciativa que pretende motivar á mocidade á creación de vídeos en galego con novos formatos e, á vez, servir de oportunidade para darlle visibilidade á comunidade galega de tiktokers.
56 vídeos creados por máis de 100 mozos/as
Este ano presentáronse un total de 56 vídeos que foron creados por máis de 100 mozos/as de Ames e doutras localidades de Galicia como Vilagarcía de Arousa, Ferrol, Ourense, Camariñas, Carnota, Pontevedra, Xinzo, etc. Nesta edición incrementouse considerablemente o número de vídeos creados, xa que na pasada edición de 2024 presentáronse 39 pezas audiovisuais.
Na primeira categoría (dirixida a mozas e mozos de 13 a 17 anos) presentáronse 28 vídeos que foron creados por máis de 70 participantes. Na segunda categoría (para persoas a partir dos 18 anos, sen límite de idade) hai outros 28 vídeos admitidos, realizados por 35 persoas. En total, sumáronse 20.970 gústame e máis de 500.000 visualizacións entre tódolos vídeos.
Catro dos premios (os dous vídeos mellor valorados en cada unha das categorías) estarán decididos por un xurado formado por persoas recoñecidas no ámbito audiovisual e nas redes sociais. Os outros dous serán escollidos polo público a través do Instagram de Xuventude Ames. Deste xeito, cada categoría recibirá tres galardóns: dous do xurado e un do público. Para seleccionar os vídeos gañadores, o xurado tivo en conta o atractivo das pezas no seu conxunto, tanto na forma como no contido, e valoraron aspectos como a orixinalidade, a creatividade, a claridade e a calidade lingüística.
Nesta sexta edición o xurado está composto por Edit Iseo Agilda Bolaño, cantante e narradora oral, membro de varias formacións, entre outras Sacha na Horta; Noelia Francisco Lens, experta en comunicación e produción audiovisual; e Miguel Barbazán Lesta (@miguelblesta), creador de contido en galego, músico e mestre. En representación do Concello de Ames, actúa como secretaria a técnica de Mocidade e Información Xuvenil, Pilar Villaverde Cutrín.
Gala de entrega de premios
Todos os galardóns serán entregados nunha gala que se celebrará este sábado, 22 de novembro, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. O evento estará presentado pola actriz e presentadora Carlota Mosquera e amenizado polo grupo Sacha na Horta.
A gala estará aberta ao público ata completar capacidade e para reservar praza cómpre confirmar asistencia enviando un correo electrónico ao enderezo galetiktokers25@gmail.com.





